CIG-Ensino acusa a Educación de 'ocultar' a supresión de 800 prazas de interinos e ameaza con máis mobilizacións

Critica que o conselleiro tomou decisións 'unilaterais' en verán para evitar o diálogo
A central sindical CIG-Ensino denunciou que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, 'ocultou a realidade' ao afirmar que este curso hai 27 novos interinos, xa que -advertiu- 'case 800 vacantes quedaron sen cubrir' nos centros educativos de Galicia, tras a 'supresión' de 161 postos de traballo, e despois das xubilacións anticipadas e forzosas, que cifrou en 750.

Así o explicou este xoves en rolda de prensa o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen confirmou que a comunidade docente de Galicia organizou catro mobilizacións para este mes. Neste sentido, advertiu de que o sindicato seguirá formulando 'respostas axeitadas' á política 'autoritaria e antidemocrática' do Educación se non se produce 'un cambio substancial' na súa política.

De momento, para o 9 de setembro está convocada unha manifestación na Alameda de Santiago de Compostela, ás 11.30 horas, mentres que o martes 20 terá lugar unha xornada de brazos caídos en todos os centros galegos, entre as 10.00 a 10.30 horas. Así mesmo, os sindicatos deste ámbito fixaron para os días 21 e 27 senllas folgas en todos os centros non universitarios da Comunidade galega.

PROTESTAS

Con estas mobilizacións, os membros do corpo docente queren reivindicar o seu rexeitamento a varias medidas da Consellería que consideran 'en detrimento da calidade do ensino', e das que culpan de forma directa ao departamento que dirixe Jesús Vázquez.

Entre as obxeccións do profesorado, Louzao destacou a agrupación de nenos de diversas idades na mesma aula, a ausencia de persoal administrativo nos centros -que obriga os profesores a asumir as devanditas funcións-, ou a obriga de impartir clases en especialidades -como Inglés ou Educación Física- que non lles corresponden.

Así mesmo, os docentes protestarán pola reorganización do seu horario de traballo, que segundo eles, consta xa de 37 horas semanais, fronte ás 21 que lles atribuíu a Consellería para 'desprestixiar' o seu traballo ante a opinión pública. Ademais, critican que se lles impoña a vixilancia dos alumnos dende que saen do transporte escolar, labor para o que ven necesario contratar persoal específico.

Por outra banda, CIG-Ensino manifestou o seu malestar polo 'empeoramento das condicións laborais', porque agora é o 'único colectivo sen revisión médica', porque uns 300 docentes teñen que traballar en varios centros á vez ou pola negativa á posibilidade de prexubilarse, entre outras cousas.

'DECISIÓNS UNILATERAIS'

Anxo Louzao tamén censurou que Jesús Vázquez tomase decisións 'unilaterais' e 'de forma oculta' durante os meses de xullo e agosto, como as normativas sobre as Escolas Oficiais de Idiomas (EEOOII) ou a Lei de convivencia, que xulga 'allea á realidade educativa e social' de Galicia.

De feito, CIG-Ensino asegura que o conselleiro 'mentiu' cando afirmou ante os medios que apelaba ao diálogo cos representantes dos docentes, xa que, segundo mantén o sindicato, estes coñeceron varias das medidas 'a través dos medios' e non foron consultados no proceso.

Na súa intervención, Anxo Louzao sinalou que os 'únicos proxectos do PP en Educación' foron Abalar e os centros Plurilingües, que segundo denuncia o sindicato -así como fixeron os partidos da oposición-, primaron aos centros concertados fronte aos públicos.

Ademais, sobre o Proxecto de Plurilingüismo, opinou que pretende ser unha 'cruzada contra o galego', pois outorga a mesma porcentaxe de presenza -un 35 por cento- aos idiomas galego e inglés, norma que -denunciou- non se cumpre en detrimento do idioma propio.

PRIVATIZACIÓN

O sindicato interpreta así as actuacións de Vázquez obedecen ao obxectivo de 'priorizar a educación concertada' para 'privatizar' o sistema educativo e 'reducir custos'. Pero este argumento tampouco é válido para este representante do profesorado, xa que considera que, mentres se practica unha 'política austera' neste ámbito, se 'malgasta co ensino privado'.

En concreto, indicou que a Consellería 'destruíu' grande cantidade de libros de texto en galego no seu afán de 'persecución da lingua', e que incrementou as subvencións a centros privados en 3,5 puntos porcentuais, fronte ao recorte do 6,77 por cento practicado no ensino público, segundo os datos de CIG.

En canto á educación Secundaria, Louzao falou de recortes de persoal que roldan o 10 por cento, se ben puntualizou que, neste caso, as cifras son máis difíciles de concretar, pois non existen cadros de persoal mínimo. Con todo, a organización considera que esta situación pode afectar máis de mil docentes.

Así as cousas, CIG-Ensino resolveu mobilizarse contra o intento de 'desvalorizar' o profesorado ante a opinión pública por parte dun conselleiro 'demagóxico e propagandista', o único mérito do cal foi, segundo a organización, 'unificar -fronte ás súas políticas- a posición de todas as organizacións sindicais, mesmo de ideas distintas'.

Te puede interesar