CONCENTRACIÓN SANTIAGO

Unha concentración lembra en Santiago ao adolescente transexual de Ondarroa

A presidenta da Asociación de Familias Menores Trans (Arelas), Cristina Palacios considerou que casos como o deste mozo deben deixar de ser chamados "suicidios" para ser denominados "asasinatos sociais"

Unha concentración lembrou este sábado na Praza 8 de Marzo de Santiago de Compostela a Ekai Lersundi, o adolescente de 16 anos en espera de tratamento hormonal que se suicidou en Ondarroa e pediu protexer os dereitos do colectivo.

En declaracións, a presidenta da Asociación de Familias Menores Trans (Arelas), Cristina Palacios, considerou que casos como o deste mozo deben deixar de ser chamados "suicidios" para ser denominados "asasinatos sociais".

E é que, segundo denunciou, as administracións "empuxan" a estos mozos a que "tomen unha decisión" porque "se lles negan todos os seus dereitos". "Non se lles permite ter unha identidade, non se lles permite acceder aos tratamentos médicos", censurou para lamentar que "son loitas que van perdendo" e "van levando a un pozo sen saída".

Neste punto, lembrou que varias persoas da súa asociación están á "espera" de recibir os seus tratamentos hormonais e esixiu que estes sexan dispensados "canto antes". "Cada novo adolescente é unha loita co hospital que lle toque para que lle dean o seu tratamento, ponñen moitísimas pegas e non deixan de marear a perdiz", manifestou.

Por iso, volveu a reivindicar a necesidade de que o Parlamento de Galicia aproba unha lei galega sobre identidade de xénero que permita ao colectivo transexual ter "un documento legal" ao que "agarrarse".

Cristina Palacios explicou que, aínda que en Galicia se deron "avances" coa aprobación do Protocolo educativo sobre identidade de xénero, que facilitou a vida dos menores nos colexios, "non é así no ámbito da sanidade ou na parte legal". "Con cada cambio de sexo estamos á lotaría do xuíz ou do fiscal que nos toque", lamentou.

Te puede interesar