SANTIAGO DE COMPOSTELA

Convocan unha 'manifestación sarcástica' para proclamar a 'Froilán I Rei da Galiza'

Marcan como "código de vestimenta" acudir con "boina azul e barba hipster" e ven "imprescindible" ir "limpos e aseados"

Varios colectivos, partidos, sindicatos e organizacións "ridiculistas de base" convocaron para este xoves en Santiago de Compostela unha concentración lúdica e posterior "manifestación sarcástica" para proclamar a "Froilán I Rei da Galiza'.

A manifestación terá lugar ás 20,00 horas na Praza do Toural e require como "código de vestimenta" levar "boina azul e barba hipster" e ven imprescindible acudir "limpos e aseados". "Somos xente de ben, non perroflautas nin republicanos", aclaran.

Segundo explicaron, coa súa convocatoria reivindican "o inalienable dereito ao trono do Histórico Reino da Galiza para Felipe Juan Froilán de Todos los Santos de Marichalar e Borbón e conta nova".

Ademais, defenden a "apertura de primarias á galega" na sucesión ao trono de España, "de cara a que poida concorrer" a súa "candidata favorita", dona Elena de Borbón, "que é super riquiña".

"MELLORES GALAS"

Os convocantes á protesta lúdica deste xoves en Compostela chaman a acudir á cita "coas mellores galas" e apelan a "demostrar" que son "máis ca eles, os oito Felipe-Sextistas que se xuntaron no Toural o outro día".

"Unidos comeremos merda, pero comerémola nun mesmo prato e, xa se sabe, que o rozamento fai o cariño", ironizan. Ademais, piden acudir con "bandeiras do Reino Suevo e de Galiza, nada de estrelas vermellas".

Te puede interesar