ROUBOS

Detido un home como presunto autor de varios roubos na Coruña

A detención produciuse tras o intento de roubo a unha muller cando transitaba polas inmediacións da avenida Jaime Hervada. Unha testemuña viu o acontecido, o que facilitou a localización do home, de 42 anos.

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron un home na Coruña como presunto autor de varios roubos con intimidación en tendas da cidade, segundo informa a Xefatura Superior de Policía de Galicia.

A detención produciuse tras o intento de roubo a unha muller cando transitaba polas inmediacións da avenida Jaime Hervada. Unha testemuña viu o acontecido, o que facilitou a localización do home, de 42 anos.

Posteriormente, os investigadores descubriron que o arrestado estivera implicado noutros tres feitos delituosos de similares características cometidos días antes.

O primeiro aconteceu o pasado día 28 de xullo, cando a empregada dun establecemento próximo á avenida de Finisterre observou que un varón entrara no local.

Ao preguntalo que facía, xirouse cara a ela mostrando un obxecto punzante que levaba na man. Deseguido, volveuse xirar e continúo andando cara á porta. Pouco despois, a dependenta decatouse de que a caixa rexistradora estaba aberta e faltaba diñeiro do interior.

OUTROS ROUBOS SIMILARES

O segundo dos feitos foi o día 3 de agosto na zona do Ventorrillo, momento no que un varón accedeu a un establecemento e se dirixiu ao mostrador pedindo que lle desen algo de diñeiro.

A dependenta abriu un caixón da caixa rexistradora para darlle unhas moedas, pero o home colleu unhas tesoiras que había nun gobelete e intimidou a vítima para que lle dese dous billetes de 10 euros que había no interior da caixa.

O terceiro foi o 4 de agosto, o día da súa detención, nunha tenda de roupa situada nas inmediacións da Rolda de Nelle. Como a anterior vez, o detido accedeu ao local, pediu que lle desen diñeiro e deseguido esgrimiu unha especie de pincho metálico á propietaria. Conseguiu apoderarse duns 50 euros que había na caixa rexistradora.
 

Te puede interesar