SUCESO

Detido un indixente que intentou roubar unha anciá esgrimindo un coitelo

Segundo relataron, o home entrou na igrexa e ameazou a xente para conseguir diñeiro, polo que foi acompañado á saída en varias ocasións.

Axentes da Policía Nacional detiveron un indixente de 55 anos que, armado cun coitelo, ameazou unha anciá para que lle entregase diñeiro e un cidadán, que foi a socorrela, á saída da igrexa de San Paulo, situada na rúa San Roque de Vigo.

Fontes policiais informaron hoxe de que os feitos tiveron lugar sobre as 13.15 horas de onte na dita igrexa, despois de que o agora detido estivese molestando os fregueses durante a celebración dos oficios relixiosos, segundo informaron diversas testemuñas á chegada dos axentes.

Segundo relataron, o home entrou na igrexa e ameazou a xente para conseguir diñeiro, polo que foi acompañado á saída en varias ocasións.

Tras a cerimonia, os presentes observaron como o home sacou un coitelo de 12,5 centímetros da manga da cazadora e dirixiuse a unha anciá que tivo que ser socorrida por un cidadán mentres outro chamaba a Policía.

Á súa chegada, os axentes tiveron que reducilo e identificárono como un dos dous indixentes que unha hora antes pelexara na porta da mesma igrexa, sen que ninguén interpuxese denuncia naquel momento.

O detido, que conta con 14 antecedentes policiais, pasou a disposición do Xulgado de Garda.

Te puede interesar