Detido en Vigo por agredir a súa muller ante o seu fillo, que alertou a Policía

A Policía Local de Vigo detivo a J.R.V.V., de 59 anos, por agredir supostamente a súa muller ante a presenza do seu fillo, de 14 anos, que foi quen deu a voz de alerta aos axentes, informaron hoxe fontes policiais.

Os feitos ocorreron sobre as 16.35 horas de onte cando os axentes atoparon o menor na rúa cun pau de golf na man e suplicáballes que o acompañasen ao seu domicilio porque o seu pai estaba 'tolo' e estaba maltratando a súa nai.

Cando se aproximaban ao interior do edificio, os policías encontráronse cun home visibelmente alterado, con manchas de sangue na camisa e unha ferida na cara, e que o mozo recoñeceu como o seu pai.

A nai, que neses momentos estaba no interior dun vehículo 'moi nerviosa', segundo o relato policial, declarou que cando viu que o seu marido estaba levando os efectos da vivenda, seguiuno ao garaxe e reprochoulle o seu comportamento.

Nese momento produciuse unha forte discusión na que o home a suxeitou polo pescozo, abaneouna e propinoulle varias puñadas na cara, e ademais ameazouna con matala.

Te puede interesar