SUCESO

Detidos tres homes por roubos con violencia no centro da Coruña

Os individuos agrediron con navalla a varios homes e substraron un móbil e unha carteira nos Xardíns de Méndez Núñez.

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron na Coruña a tres homes como presuntos autores de dous delitos de roubo con violencia e intimidación e un delito de lesións graves, segundo informa a Xefatura Superior de Policía de Galicia.

Os autores abordaron dous varóns aos que esgrimiron unha navalla, subtraendo o teléfono móbil e a carteira a un deles, mentres o outro conseguiu escapar.

Nese momento e sen mediar palabra, un dos asaltantes propinoulle un forte puñazo na cara á vítima. Outros dous homes que pasaban por alí recrimináronlles tal agresión, pero os asaltantes volvéronse cara a eles exhibindo unha navalla e comezaron a agredir a un ata que o tiraron ao chan e lle roubaron a carteira, dándose á fuga.

Os delitos aconteceron sobre as 18,00 horas de mediados do mes de novembro, cando varios homes transitaban polos Xardíns de Méndez Núñez e os abordaron tres mozos con actitude agresiva e amenazante.

Os policías que compareceron no lugar, solicitaron asistencia sanitaria para atender as vítimas, establecendo un dispositivo de busca dos autores polas inmediacións. Finalmente, foron detidos o pasado 16 de decembro.

Os arrestados, de 19, 21 e 35 anos son naturais de República Dominicana e Venezuela. Dous deles xa contaban con detencións anteriores.

Te puede interesar