DETENCIóN

Dous detidos por vender coches de segunda man falseando a quilometraxe

Chegaron a rebaixar a quilometraxe ata 200.000 quilómetros nalgún vehículo

Axentes da Policía Nacional detiveron dous responsables dun taller de compravenda de coches por estafa por vender vehículos de segunda man falseando en quilometraxe en Santiago de Compostela.

Segundo informou a Policía Nacional, foron detidos o pasado día 11 os responsables dun taller de compravenda de vehículos de Santiago como presuntos autores de senllos delitos de estafa.

As investigacións, que se iniciaron a finais de outubro do pasado ano, partiron da denuncia do propietario dun concesionario da capital galega quen, tras descubrir que un vehículo comprado a un particular e posteriormente vendido a outra persoa, tiña manipulado a quilometraxe.

O incidente aflorou cando o concesionario se tivo que facer cargo dunha avaría no vehículo durante o período de garantía. Tras envialo a un dos seus talleres para a súa reparación, infórmanlle que malia que no contaquilómetros figuran case 100.000 quilómetros, ese mesmo coche a mediados de 2010 tiña case 165.000; extremo que o taller puido verificar rastrexando as reparacións que, ata o momento, tiña o auto e chegando ao taller da provincia de Ourense no que foi revisado naquel momento.

Os axentes iniciaron as xestións co anterior propietario do vehículo, quen informou adquirilo no ano 2011 nun taller de compravenda de vehículos, con case 70.000 quilómetros recorrido.

Os investigadores centráronse no establecemento, ao que xa lle constaba unha denuncia das mesmas características, neste caso a quilometraxe real do vehículo "descendera" case 200.000 quilómetros.

INSPECCIÓN

Funcionarios da Comisaría de Santiago de Compostela realizaron, o pasado mes de abril unha inspección no taller, tras a que se investigaron os cinco vehículos de segunda man expostos ao público e destinados á venda; podéndose comprobar que "todos eles tiñan alterado a quilometraxe", con reducións que oscilaban dende os 12.000 e os 221.000 quilómetros, dependendo do coche.

Os dous responsables do taller, aos que non lles constan antecedentes penais ata o momento, foron detidos por estafa. Por todo iso, se tramitaron dilixencias policiais que foron remitidas á autoridade xudicial.

Te puede interesar