Seguridade vial

A DXT porá en marcha o luns unha campaña de control de velocidade en vías urbanas

Tamén se incidirá de xeito especial nas estradas convencionais, as que dispoñen dun só carril en cada sentido

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciará o luns 16 de abril unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas da Comunidade galega.

Esta iniciativa, que forma parte da programación anual da DXT, "ten como obxectivo conseguir unha maior redución da velocidade media", explica a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado, e manterase durante toda a semana, até o domingo 22.

Para o desenvolvemento da campaña, que estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico, utilizaranse o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles.

Ademais, sempre que sexa posible, engade as mesmas fontes, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, tanto a través dos paneis de sinalización variable como das pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións.

En todo caso, esta iniciativa "non suporá a diminución de vixilancia noutros lugares", advirten as mesmas fontes, polo que "nunhas situacións produciranse denuncias sen notificación inmediata e noutros se procederá á identificación do condutor e á comunicación `in situ`, co fin de potenciar o efecto pedagóxico da concatenación infracción-denuncia", engaden.

Esta campaña especial busca concienciar aos condutores da "estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes", subliña a DXT.


Factor de risco


"A consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores, a pesar de que no 20 por cento dos accidentes mortais rexistrados en vías interurbanas españolas apreciouse a velocidade como factor concorrente", concreta.

"Por tanto, levar unha velocidade adecuada podería evitar practicamente unha quinta parte das mortes en accidente de tráfico", conclúe a DXT.

Te puede interesar