Empresaria acusada de estafa asegura que os seus clientes coñecían o risco

A propietaria dunha empresa de servizos financeiros en Lugo, que hoxe foi xulgada na Audiencia Provincial por un suposto delito de estafa acusada de quedar con 60.000 euros que lle entregaron dous clientes para investir, afirmou na vista que eles sabían que o seu diñeiro se destinaba a operacións de risco.
No xuízo, que quedou visto para sentenza esta mañá, o ministerio fiscal pediu para a acusada, M.D.C.C, unha pena de cinco anos de cárcere, multa de 4.500 euros e que indemnice as persoas supostamente estafadas con 60.000 euros, a mesma cantidade da que, presuntamente, se apropiou de forma indebida.

Pola súa banda, o letrado que representa a parella estafada e que exerce a acusación particular solicitou para a propietaria da empresa de servizos financeiros unha pena de seis anos de cárcere.

Segundo a acusación, os feitos aconteceron entre os anos 2007 e 2008, cando a acusada convenceu a parella para que lle entregase os 60.000 euros, unha cantidade que ía dedicar a investimentos rendíbeis e sen riscos, e pola que percibirían puntualmente os correspondentes beneficios.

Porén, a empresa pechou en 2009 sen que os propietarios do diñeiro recuperasen o capital.

Na vista oral, a acusada afirmou que os seus clientes sabían en que se ía investir o seu diñeiro e que eran operacións de risco, pero as supostas vítimas da estafa afirmaron que non tiñan coñecemento de que iso fose así, e menos de que puidesen perder o seu capital.

A desaparición da empresa que dirixía a acusada motivou a aparición de queixas por parte doutros usuarios, que tamén puxeron os seus casos en coñecemento dos tribunais, e a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforros e Seguros (Adicae) iniciou unha investigación.

Te puede interesar