As entidades literarias axudarán na promoción do galego entre os cidadáns

A Secretaría xeral de Política Lingüística apostou pola potencialidade das letras galegas para impulsar a difusión e a promoción social do idioma de Galicia. Para isto, explicou que conta coa colaboración de entidades que son un 'referente neste ámbito', como é o caso do PEN Club de Galicia e da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Por unha parte, co PEN Club de Galicia, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo estableceu un programa de colaboración para este ano a través do cal se desenvolverán diversas iniciativas dirixidas a conmemorar os 50 anos do falecemento de Aquilino Iglesia Alvariño.

Así mesmo, segundo apuntou a Xunta, avanzar na investigación e na difusión da obra de escritores referentes da literatura galega 'é outra das apostas' da Secretaría Xeral para favorecer a promoción social da lingua.

Para isto, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo apoia ás principais fundacións de autor como a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Outeiro Pedrayo e a Fundación Carlos Casares.

Entre as numerosas iniciativas coas que colabora coa Fundación Rosalía de Castro inclúense diversos actos de homenaxe á escritora, como a conmemoración do traslado do seu corpo ao Panteón de Galegos Ilustres ou o aniversario do seu falecemento.

Arredor doutro referente da literatura galega, como recordou a Xunta, nace a Fundación Otero Pedrayo, que este ano concederá o Premio Trasalba ao catedrático de Lingua e Literatura Galega Ramón Lorenzo polo seu traballo a favor da lingua e a cultura de Galicia.

Pola súa banda, a Fundación Vicente Risco organizará en colaboración coa Xunta unhas xornadas en homenaxe a Francisco Fernández del Riego que recoñecerán os seus labores en beneficio da cultura galega e difundirá a obra de Vicente Risco a través do ciclo de cinema 'Os mundos de Vicente Risco'. Finalmente, a difusión e promoción da lingua galega a través da literatura tamén se impulsará en colaboración coa Fundación Carlos Casares.

Te puede interesar