A Eurorrexión pide axilizar a homologación de títulos

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, con sede en Vigo, iniciou un estudio co obxectivo de axilizar e simplificar a homologación de títulos de Formación Profesional (FP) na Eurorrexión.
A sede viguesa acolleu unha reunión de seguimento do estudio 'Mobilidade laboral na Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal', que ten a finalidade de identificar as dificultades á hora de homologar as citadas titulacións, un traballo que se iniciou hai unhas semanas e que se inclúe no Programa de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013.

A AECT está a realizar unha análise a fondo de en qué situación se atopan as titulacións de FP, as as súas distintas modalidades, as profesións para as que son necesarios eses estudios, así como os carnés profesionais existentes.

Con esta información pódense identificar os obstáculos concretos para a súa homologación e, posteriormente, establecer os mecanismos e ferramentas que a faciliten e axilicen. Así mesmo, a iniciativa inclúe o estudio de casos prácticos en sectores estratéxicos como naval, automoción ou construción.

Durante a reunión, os expertos constataron que moi poucos profesionais homologan os seus títulos e que esta circunstancia está vinculada ás dificultades que leva consigo realizar estas validacións.

Por iso, prevese que, dentro duns meses, cando o estudio estea concluído, se poidan aplicar as recomendacións fixadas e, desta forma, miles de estudantes, traballadores e empresas de Galicia e o Norte de Portugal poidan verse beneficiados.

Te puede interesar