ELECCIONES

Feijóo aposta por frear as transferencias ás comunidades

O presidente galego explica que "tampouco" quere que se devolvan competencias ao Estado

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apostou por frear o traspaso de competencias desde o Estado ás comunidades autónomas, xa que considera que non é un asunto "prioritario" nun contexto marcado pola situación en Cataluña e porque a "inmensa maioría" das transfarencias que recolle a Constitución "xa están feitas".

Así se expresou o mandatario autonómico nunha entrevista en Antena 3 recollida por Europa Press na que negou que o programa electoral do Partido Popular inclúa "a palabra recentralización", senón que expón "unha moratoria" no traspaso de competencias ás comunidades durante a próxima lexislatura".

"É unha cousa distinta", apostilou Núñez Feijóo, que incidiu en que non existe "na rúa" a demanda de "máis transferencias" para as comunidades, aínda que puntualizou que non ve positivo que as comunidades devolvan competencias a Madrid.

O líder dos populares galegos sostén que este asunto "non é prioritario" nun momento no que "se está discutindo a independencia dun territorio ou despezar España". Ademais, afirma que o desenvolvemento do Estado autonómico, segundo recolle a Constitución, "está feito practicamente".

"O que é necesario é sentar e ver como coordinamos o estado máis descentralizado, desde logo, da Unión Europea", subliñou Núñez Feijóo, quen propón a creación dun MIR na educación similar ao que existe no sistema sanitario para a selección de persoal.


Vox é "fantástico" para o PSOE


"Vox é un instrumento perfecto para o PSOE", aseverou o xefe do Executivo galego, que cre que existe "unha marea verde", en referencia ao partido que lidera Santiago Abascal, "que está a diminuír as posibilidades" do Partido Popular a semellanza do que provocou a irrupción de Podemos respecto ao PSOE.

Por iso, tras apuntar que "é evidente" que as enquisas reflicten que o Partido Socialista "vai por diante" na carreira cara ás xerais do 28 de abril, Feijóo puxo o foco en que Cidadáns e Vox son "dous instrumentos magníficos a favor de que o PSOE sexa a forza máis votada".

Te puede interesar