Feijóo celebra que Asturias e o Centro de Portugal amplíen a Macrorrexión, con retos como o problema demográfico

Asegura que incrementar as posibilidades loxísticas do gas licuado "permitiría atender mellor a demanda enerxética" da sociedade
 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou este venres a determinación da Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (Resoe) de empregar a cooperación para "erixirse en referente do crecemento intelixente, sostible e integrador" que busca a Unión Europea (UE) mediante a innovación e abordar "novos retos" como o problema demográfico.

Manifestouno durante o acto en Oporto de sinatura do memorando que formaliza a incorporación de Asturias e o Centro de Portugal ao proxecto de colaboración que iniciaron Galicia, o Norte de Portugal e Castilla e León no ano 2010.

Na súa intervención, recordou que todos os integrantes do proxecto deseñaron a súa propia Estratexia de Especialización Intelixente para os próximos anos e avogou por "unha posta en común que deixe á luz espazos de cooperación onde a eficiencia sexa sinónimo de maior ambición".

Feijóo celebrou a ampliación da macrorrexión, convencido de que permitirá estender o alcance das iniciativas nas que se está a traballar para "promover o aumento da conectividade" do sueste de Europa, os proxectos de preservación ambiental e o fomento da sociedade do coñecemento.

Ademais, destacou a posibilidade que se abre de ensaiar "a escala" respostas aos problemas compartidos e incidiu especialmente na preocupación demográfica.

"O problema demográfico é un grande problema que dende esta Macrorrexión estamos convencidos de que temos que liderar e levalo, en primeiro lugar, ás axendas nacionais dos nosos países e, simultaneamente, ás axendas europeas, tanto no Comité das Rexións como na propia Comisión Europea", remarcou.

COLABORACIÓN INTERREXIONAL

Na súa intervención, destacou que coa ampliación da Resoe se segue "o ditado da Declaración Schuman a favor dun proceso de pequenos pasos fronte a unha Europa creada dun só golpe". Engadiu que se trata de "avanzar na cooperación transfronteiriza cara a unha colaboración interrexional de maior alcance" para os territorios implicados e "construtiva" para o conxunto.

Así, sinalou que esta iniciativa supón "progresar" nesa aposta pola "cohesión territorial" que a UE fixou na Estratexia de Lisboa como "fórmula" para alcanzar un continente social e economicamente "máis equilibrado e integrador".

O mandatario autonómico resaltou a dependencia enerxética de Europa e considerou que é "interesante" para o conxunto "reforzar a importancia" da economía marítima, mellorar as conexións entre os portos, as redes enerxéticas, o transporte de cabotaxe, a industria naval, así como todas as infraestruturas que articulan estes elementos e os conectas ás grandes redes transeuropeas.

A este respecto, avogou por optimizar as capacidades loxísticas do gas licuado para atender "mellor" a demanda enerxética da sociedade e da industria europea.

"AMPLIACIÓN" NO MOMENTO "PRECISO"

Para o presidente da Xunta, a ampliación da Macrorrexión do Suroeste de Europa prodúcese "no momento preciso", posto que se atopa nun "punto de inflexión" en que empeza a programarse o destino dos Fondos Estruturais e de Inversión Europeos ata o final da década.

"Galicia, que afronta neste período o desafío de pasar de ser rexión de converxencia a un novo estadio de rexión máis desenvolvida, necesita situarse canto antes no lugar correcto xunto aos socios axeitados. E atopounos", aseverou.

Con motivo da efeméride do Día de Europa, Feijóo puxo en valor a "fonda vinculación" de Galicia co proxecto comunitario, a vixencia do cal defendeu, pero indicou que é necesario "combater con determinación o risco de irrelevancia que pende sobre el no actual escenario político e económico".

Tamén aludiu á necesidade de superar a crise económica, de gañar competitividade industrial fronte a terceiros países, de frear o envellecemento da poboación, de garantir o financiamento do Estado de Benestar e de converterse en voz autorizada fronte ás tensións territoriais como "desafíos importantes" que revelan que "Euuropa e todos os que a integran" afrontan "un transo histórico".

Fronte a eles, o presidente subliñou que a estratexia do sueste de Europa pasa por "sumar, unir e cooperar", ao tempo que engadiu que o 25 de maio se dá a oportunidade de ratificar a tradición europeísta "votando libre e masivamente" en comicios a Parlamento europeo.

"Sen un constante referendo democrático, o gran proxecto europeo devendría en inútil e murcho, e nada sería máis lesivo para Galicia, España e Portugal. Ao cabo, o fracaso ou éxito de Europa será tamén o noso", resolveu.

Te puede interesar