POLÍTICA

Feijóo, sobre o seu futuro: "A miña decisión é quedar"

Avisa a Villares: "Probablemente cando vostede non sexa deputado eu seguirei sendo presidente da Xunta se os galegos queren"

"Di vostede que a miña decisión é marchar. Dáme a sensación que confunde os seus desexos coa realidade. A miña decisión é quedar", deste xeito respondeu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ás palabras de Ana Pontón (BNG) nas que aseguraba que "xa ten tomada a decisión de marchar".


"Pero non quedar porque despois de perder as eleccións quero seguir sendo deputado, como lle pasa a vostede cada vez que hai unhas eleccións, senón quedar porque os galegos me dixeron que tiña que quedar e para min é unha honra quedar até o último instante, até o último momento"


Así mesmo, despois de que Luís Villares (En Marea) acusase a Feijóo de buscar "facer carreira en Madrid", o líder dos populares galegos replicoulle: "Señor Villares, probablemente cando vostede non sexa deputado, eu seguirei sendo presidente da Xunta se os galegos queren".

"Resulta que nos dá leccións da carreira en Madrid, dos temas internos do PP en Madrid, que levo non sei canto tempo aspirando a Madrid, pero señor Villares, non lle queda a vostede nada que aguantarme como presidente da Xunta!", avisouno.

Estas afirmacións no pleno do Parlamento galego chegan días despois de que Feijóo asegurase que non baralla presentarse a unha cuarta lexislatura e despois de soster que a súa sucesión será "máis fácil" que a de Manuel Fraga.

Feijóo, o único presidente autonómico con maioría absoluta e cara a quen se dirixen moitas miradas cando se fala da sucesión de Mariano Rajoy, sempre sostivo que o seu contrato cos galegos chega até 2020, cando se celebrarán as próximas eleccións galegas se non media un adianto electoral. Os de 2020 serían os seus cuartos comicios autonómicos, ano no cal tamén se celebrarán eleccións xerais se Mariano Rajoy esgota a lexislatura.

"Afeito" ás "bromas de ir a Madrid"

"Se se cren vostedes que esas bromas de Madrid a min me preocupan... Se estou afeito", apuntou Alberto Núñez Feijóo este mércores durante unha sesión de control con diversas referencias da oposición á súa hipotética marcha ao Goberno central.

"Grazas a que os galegos non lles toman en serio podo ser presidente da Xunta durante 12 anos, non sei canto vostede (Villares) vai ser portavoz do seu grupo, pero dáme a sensación de que 12 anos en ningún caso", sentenciou.

Te puede interesar