CRIME ARBO

Condenado a 47 anos de prisión o autor do dobre crime de Arbo

O maxistrado imponlle tamén a prohibición de achegarse a menos de 200 metros e de comunicarse cos parentes dos falecidos durante 33 anos

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra fixa en 47 anos de prisión o tempo de condena para o acusado de matar cunha escopeta nun monte de Arbo á súa ex parella e ao mozo da muller. O condenado foi considerado culpable por un xurado popular, que estimou probado que o seu comportamento era "posesivo, controlador e violento", e que "insistía en reiniciar a relación e a convivencia coa vítima. Para tal efecto, trataba de seguir contactando con ela, frecuentaba o bar onde traballaba e mesmo a vixiaba, el mesmo ou a través doutras persoas".

O presidente do Tribunal do Xurado condénao polo asasinato con aleivosía da muller, coa concorrencia das circunstancias agravantes de lugar e tempo e de parentesco, á pena de 24 anos de prisión. Polo asasinato con aleivosía do home, coa concorrencia da circunstancia agravante de lugar e tempo, á pena de 23 anos de prisión. A teor do previsto no artigo 76.1.c do Código penal, fixa como máximo de cumprimento efectivo da condena do culpable o de 40 anos de prisión. 

Estas penas levan consigo a privación da patria potestade respecto da filla en común coa vítima, "xa que este dereito-deber tivo unha relación directa cos delitos cometidos". O maxistrado imponlle tamén a prohibición de achegarse a menos de 200 metros e de comunicarse por calquera medio cos parentes ata o segundo grao de consanguinidade dos falecidos durante 33 anos. "Con esta medida -explícase na sentenza- preténdese protexer os familiares de ambos de posibles situacións de proximidade persoal entre eles e o autor das mortes que se penan que puidesen desencadear calquera tipo de reaccións ou incidentes por mor de indesexables encontros, mesmo antes do cumprimento total da pena se se produce a hipotética concesión e gozo de distintos beneficios penitenciarios".

Te puede interesar