EMPRESAS | GALICIA

Francisco Castro, novo director da editorial Galaxia

galaxia
photo_camera Víctor Freixanes e Francisco Castro. (FOTO: Web de Galaxia)

Sucede neste posto a Víctor Freixanes, que continuará na empresa como conselleiro, director da revista GRIAL e presidente da Fundación Otero Pedrayo. 

O Consello de Administración de Editorial Galaxia S.A. acordou nomear por unanimidade a Francisco Castro Veloso novo director xeral da editora. Sucede neste posto a Víctor Fernández Freixanes, quen continuará na empresa como conselleiro, director da revista GRIAL (dirección que comparte con Henrique Monteagudo) e presidente da Fundación Otero Pedrayo.

Francisco Castro Veloso (Vigo 1966), licenciado en Filosofía e escritor, accedeu a Editorial Galaxia no ano 2008 como editor, responsable das estratexias de comunicación e creación de novos proxectos. Nunha primeira etapa desenvolveu a súa actividade na empresa Merlín Comunicación, encargada de exposicións e actividades culturais dentro do grupo Galaxia, para centrarse posteriormente na edición para os lectores máis novos (Árbore, Costa Oeste principalmente, así como en desenvolvementos relacionados coa web e as redes sociais). 

Francisco Castro é autor dunha ampla obra traducida a distintos idiomas e moi premiada. Entre outros recoñecementos recibiu o Premio Lueiro Rey (1997), o Premio Modesto Figueiredo de narracións breves (2005), o Premio Blanco Amor (2006), o Premio Manuel García Barros (2007), o Premio Frai Martín Sarmiento en cinco ocasións, o Premio de novela por entregas da Voz de Galicia en 2013, e foi nomeado na lista de Honra do IBBY en 2012 pola súa obra Chamádeme Simbad.

Con este nomeamento a Editorial Galaxia pretende continuar co espírito co que naceu o proxecto en 1950 e, ao mesmo tempo, abrir unha etapa de renovación marcada polos novos tempos e desafíos editoriais.

Te puede interesar