SECTOR VITINÍCOLA

Galicia recibirá máis de 800.000 euros en axudas para a promoción de viños no estranxeiro


Estas achegas están financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e permitirá que 22 empresas poidan levar a cabo proxectos que mobilizarán uns dous millóns de euros

Galicia recibirá 835.000 euros en axudas para a promoción do viño en mercados exteriores fóra da Unión Europea (UE), de acordo á repartición establecida polo Ministerio de Agricultura nos orzamentos correspondentes á convocatoria de 2017.

Diso informou a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras participar esta tarde en Madrid no Consello Consultivo e a Conferencia Sectorial Extraordinaria de Agricultura. En total, neste encontro -presidido pola ministra do ramo, Isabel García Tejerina- aprobáronse por 53,8 millóns de euros para todas as comunidades.

Estas achegas están financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e permitirá que 22 empresas poidan levar a cabo proxectos que mobilizarán uns dous millóns de euros.

A Xunta apunta que os beneficiarios serán, sobre todo, adegas, pero tamén empresas vitivinícolas, organizacións de produtores e órganos de xestión de denominacións de orixe, entre outras entidades.

Do mesmo xeito que nas últimas convocatorias, recibirán axudas todos os solicitantes, sen que quede fose ningún expediente que cumpra os requisitos, a pesar de ser unha concorrencia a nivel competitivo.


CATALUÑA, Á CABEZA DAS AXUDAS

Segundo informou o Ministerio, a medida de promoción de viño en mercado de terceiros países persegue fomentar o coñecemento das características e cualidades dos viños españois, co fin de contribuír á mellora da súa posición competitiva e á consolidación ou, no seu caso, á apertura de novos mercados.

Cataluña é a comunidade autónoma que obtivo a maior parte das axudas, con 11.681.694,28 euros para sufragar 422 programas; por diante de País Vasco, con 7.792.467,02 euros para 36 programas; Castela e León, con 6.224.844,24 euros para 154 programas; e A Rioxa, con 6.033.555,16 euros para 80 programas.

Te puede interesar