Galicia rexistra suba máis elevada de viaxeiros en establecementos hoteleiros

Os establecementos hoteleiros galegos rexistraron nos nove primeiros meses deste ano un incremento na cifra de viaxeiros aloxados de 5,9%, rexistrando algo máis de 2,7 millóns entre xaneiro e setembro, o nivel máis elevado desde 2008, excepto no Ano Santo 2010, informou a Xunta nun comunicado.
Tamén a cifra de noites pasadas en establecementos superou os 5,5 millóns no conxunto da Comunidade, o que implica unha suba de 2,5%.

No ámbito estatal, Galicia rexistrou a segunda taxa de crecemento máis elevada da cifra de viaxeiros aloxados, só superada por Navarra e tamén en termos de noites en establecementos se sitúa no grupo de comunidades con mellores resultados.

O turismo estranxeiro superou en 13% a cifra de viaxeiros e en 10% a cifra de noites rexistradas por este segmento nos nove primeiros meses de 2012.

Segundo os datos recollidos no comunicado, Galicia rexistrou durante o mes de setembro un total de 392.287 viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, o que implica unha suba de 7,1% a respecto da cifra rexistrada no mesmo mes do ano pasado.

Esta cifra é similar á rexistrada en 2007, e ambas constitúen as máis elevadas nun ano non santo.

De igual modo, a cifra de noites rexistradas neste tipo de establecementos en Galicia foi de 775.000, o que implica un incremento de 5% respecto a setembro de 2012.

A suba dos viaxeiros nos establecementos hoteleiros do conxunto do Estado foi de 1,3% e a de noites de 2%.

Do mesmo modo, a cifra de viaxeiros estranxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia atinxiu neste mes de setembro máximos históricos porque por primeira vez se superaron os 120.000 viaxeiros que fixeron cerca de 200.000 noites, engádese na nota.

Os viaxeiros estranxeiros alcanzan xa 31,3% do total de viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións de Galicia.

Ao tempo, a recuperación dos niveis de demanda, permite mellorar os niveis de rendibilidade hoteleira, de forma que o ingreso medio por cuarto dispoñible experimentou unha suba de 3% con respecto ao dato do ano pasado.

A nivel territorial, obsérvase neste período un crecemento xeneralizado da demanda. Soben as noites pasadas en hoteis nas catro provincias galegas, con maior intensidade na Coruña e en Lugo, con 7,6% e 10,9% respectivamente, e superando 1% en Ourense e Pontevedra no mes de setembro a respecto do mesmo mes do ano pasado.

No referente ao terceiro trimestre, Galicia rexistrou 10,7% máis de viaxeiros e 6,2% máis de noites que no mesmo período do ano pasado.

Por primeira vez nun ano non santo a cifra de viaxeiros aloxados aproxímase aos 1,4 millóns no terceiro trimestre.

O turismo interno subiu 3,3%, o receptor nacional 6,5% e o internacional 8,8%, precísase no comunicado.

Neste terceiro trimestre atinxiuse o máximo histórico de viaxeiros no segmento de turismo internacional, con algo máis de 350.000.

Igualmente, 25,2% dos viaxeiros aloxados corresponden ao segmento do turismo internacional.

No que vai de ano, chegaron a Santiago un total de 205.532 peregrinos, dos que 49,3% foron estranxeiros.

Isto supón que até o día de hoxe chegaron a Santiago un total de 22.035 peregrinos máis que no mesmo período do ano pasado, isto é, 12% máis, segundo a Xunta.

Te puede interesar