TRANSPORTE

Galicia vivirá dúas novas xornadas de folga de autobuses

En concreto, os sindicatos explicaron que serán o martes 27 e o mércores 28 de xunio, despois das negociacións rotas co goberno galego

Galicia vivirá dúas novas xornadas de folga de autobuses esta semana, o martes 27 e o mércores 28, no medio dun conflito que se agravou nos últimos días e coas negociacións rotas entre a Xunta, por unha banda, e os sindicatos e a patronal, por outro.

O seguimento nos dous primeiros días de paro non só foi masivo, senón que o impacto foi moito maior debido ao incumprimento dos servizos mínimos, fixados nun 40% para as liñas regulares e no 100% para o transporte escolar.

O fin das clases marcará necesariamente unha menor afección no desenvolvemento da folga estes días, nos que, ademais, está por ver se ten a mesma efectividade a acción dos piquetes, que foron denunciados pola Xunta e reprobados tamén, a través de notas de prensa e a posteriori, polas empresas.

As centrais rexeitan esta "demonización" dos piquetes e aseguran que o "éxito" da convocatoria débese á concienciación dos traballadores, opostos a un anteproxecto no que auguran a perda de 1.000 postos de traballo, a pesar de que a Consellería de Infraestruturas negue este aspecto.

Falan, pola contra, dunha folga "limpa", e o caso é que só se tivo constancia dun autobús de Arriva queimado en Valdoviño (A Coruña) e dous vehículos con rodas talladas na provincia de Ourense (denunciouno Fegatravi, a federación que si accedeu a reunirse coa consellería e que é a menos afectada polo novo plan).

O transporte escolar

As confederacións de pais de alumnos, pola súa banda, decidiron dar un paso ao carón e descartan mobilizarse contra as intencións da Xunta, pero si estarán "vixiantes" para asegurar unha correcta convivencia de escolares e adultos nas liñas que prevé integrar o Goberno galego no rural.

E esta é, en concreto, a clave da que se deriva o conflito, xa que os sindicatos temen que a integración de servizos escolares nos regulares implique destrución de postos de traballo e as empresas dan por feito a perda de negocio para compañías de mediano e pequeno tamaño.

Pola súa banda, a titular de Infraestruturas nega a maior, e afirma de feito que o que se busca de feito é "blindar" o emprego mediante a subrogación, que é obrigatoria por lei, e promete mesmo un aumento do mesmo a través do incremento do número de coidadores, das horas e dos quilómetros de condución.

Te puede interesar