Gardacostas comisan máis de 2.200 quilos de diversas especies de marisco, un vehículo e unha planeadora

Foto: XUNTA
Os axentes interveñen máis de 280 quilos nunha cetaria ilegal de Lira (A Coruña)

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, comisaron máis de 2.200 quilogramos de diversas especies de marisco, un vehículo, unha planeadora, 114 artes de pesca e 1.600 metros de artes de enmalle.

Estes resultados, destaca o departamento autonómico nun comunicado, son froito de distintos operativos rutineiros e outros realizados en colaboración cos distintos axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado entre as xornadas do mércores e o xoves.

Destes últimos sobresae a incautación de máis de 280 quilos de distintas especies de marisco nun operativo desenvolvido nunha cetaria ilegal de Lira (A Coruña). Nestas instalacións, con tres piscinas, requisáronse 97,5 quilos de lumbrigante -dos que 17,5 estaba ovado-, 108 quilos de centola -a maioría ovada- e seis quilos de nécora. Tamén se aprehenderon máis de 69 quilos de ameixa e berberecho.

Por outra banda, o mércores, nun control de estrada no que participaron Gardacostas en colaboración coa Garda Civil de Tráfico de Santiago, comisáronse 1.400 quilos de ameixa japónica por non ter a documentación en regra. Foi na AP-9, á altura da peaxe de Teo.

Noutro dispositivo en Vimianzo (A Coruña), interviñéronse 275 quilos de pescada e 19 de cabra e ollomol. Estas especies requisáronse ao carecer da documentación que amparase a súa legalidade. Ademais, os inspectores incautáronse do vehículo que transportaba a mercadoría.

A maiores, na ría de Ferrol, o servizo de gardacostas, os axentes de Policía Autonómica e os da Garda Civil de Pontedeume comisaron 27,5 quilos de ameixa que foi resementada na zona, incautáronse de 10 aparellos de pesca -na súa maioría sachos- e identificaron 10 persoas.

Por outra banda, en Punta Merixe, en Xove (Lugo), os gardacostas, en colaboración coa Garda Civil de Xove e Viveiro, comisaron 31 quilos de percebe, que foi entregado a un centro benéfico, e identificaron dous furtivos.

PONTEVEDRA

Na ría de Arousa, os axentes comisaron máis de 200 quilos de diferentes especies de peixe e marisco -na súa maioría berberecho-, e case na súa totalidade foron devoltas ao mar. Nesta ría tamén se interviñeron 100 artes de pesca -na súa maioría butrones- que estaban en zona prohibida e sen identificar.

Tamén en Pontevedra, na ría de Aldán, os axentes requisaron unha planeadora coa que se practicaba pesca deportiva sen autorización para esta modalidade, tres canas, máis de 11 quilos de distintas especies e 200 metros de trasmallos que estaban sin identificar.

Noutra actuación, en Campelo, na mesma provincia, os guardacotas aprehenderon 1.400 metros de trasmallos por estar sin balizar e en zona prohibida e, en Portonovo, requisaron un viveiro de centolla sen identificar e 18 quilos desta especie ovada, que foi devolta ao mar.

CENTROS HOSTALEIROS

Por terra, en dous operativos realizados en establecementos hostaleiros de Vigo e A Coruña, os gardacostas requisaron un total de sete quilos de distintas especies de marisco, no primeiro caso por non estar amparado legalmente e no segundo por ser centolla ovada.

Te puede interesar