Intervención do presidente da Xunta no Debate sobre o Estado da Autonomía

El discurso íntegro de Núñez Feijóo en su primera intervención en "O Hórreo"

Señor Presidente do Parlamento; Señorías; Autoridades presentes na tribuna; Galegas e galegos:

Case dous meses despois das primeiras eleccións autonómicas, o 19 de decembro de 1981, tres deputadas e 68 deputados constituíron o primeiro Parlamento galego, situado de xeito provisional no Pazo de Xelmírez e con cadeiras emprestadas.  

Todos eles viviran a ditadura, e algúns a Guerra Civil. 

Todos eles sentirían as inquedanzas propias dun modelo autonómico descoñecido, no que todo estaba por facer.

Pero todos eles soñaban que aquel fose o momento preciso para a Galicia que anhelaba autogobernarse. 

Desde a sesión inaugural da I Lexislatura pasaron case 37 anos, outros tantos leva en vigor o noso Estatuto e 40 a nosa Constitución. Galicia é unha Autonomía consolidada, cunha institución máis que digna e con escanos propios que dan idea, aínda que sexa de forma anecdótica, do moitísimo que lograron aqueles pioneiros parlamentarios. 

Quero reivindicar neles a Transición, que é a orixe e a causa de que hoxe esteamos aquí celebrando o Debate sobre o Estado da Autonomía, nunha España libre e democrática e nunha Galicia con capacidade de decidir sobre o seu propio futuro. 

Porque houbo unha Transición española e tamén unha Transición galega. E as dúas tiveron un desenlace feliz. 

E quero reivindicar tamén a Xerardo Fernández Albor. 

Que hoxe celebremos este debate aquí, nunha Galicia con máis autogoberno que nunca, con cada vez máis prestacións públicas a disposición de todos os cidadáns, e con máis retos e metas de futuro, é a proba de que o seu soño se cumpriu, que o seu traballo valeu a pena, que a súa vida estará por sempre nun lugar destacado da nosa historia. 

As 37 deputadas e os 38 deputados que estamos aquí deben ver como un orgullo ser os seus sucesores. Desde logo, para min é un orgullo estar no lugar que antes ocupou Xerardo Fernández Albor.

Nunha das últimas conversas que puiden ter co noso primeiro presidente electo, falamos sobre Galicia, sobre Europa... e tamén sobre España. A pregunta sobre se Galicia era para min un lugar de paso, como tantas veces se comentou ao longo dos últimos anos, só a formulou nunha ocasión, e o que lle dixen gustaríame repetilo agora. 

“Sempre tento ser home de palabra”.

Ao que el simplemente engadiu: “claro, porque es galego”. 

En efecto, foron moitas as especulacións pero a realidade é que estou aquí.  Nas tres últimas lexislaturas, nesta Cámara producíronse 11 cambios de voceiros na oposición, e todos eles prognosticaban a miña marcha, mesmo algúns que curiosamente se foron para exercer a política en Madrid. 

Eu estou aquí. En Galicia, si. 

Todos os que estamos aquí pertencemos a un partido. Eu tamén. Pertenzo a un partido que representa a miles de galegos e a millóns de españois, pero dixen, acreditei e reitero que, sobre todo, son militante de Galicia. 

Dixen nesta tribuna que non hai maior honra que servir a Galicia. E reitéroo. 

Dixen tamén que ante calquera dúbida a resposta sempre era Galicia. E reitéroo. 

Estou aquí. En Galicia, si. Por unha elección persoal, vital... pero, sobre todo, polo cumprimento do meu compromiso. Por coherencia.  

Señorías, cando renunciei a tentar liderar o meu partido a nivel nacional moita xente, sobre todo fóra de Galicia, mostrouse sorprendida; pero eu reivindico a política que antepón os intereses xerais por riba dos partidistas ou das ambicións persoais.  

Non pretendo que isto sexa algo admirable pero tampouco creo que debera ser unha rareza.

Porque, por si só, un gobernante ou un goberno leal á terra non é garantía de éxito, pero, que garantía poderíamos ter se a súa palabra non vale nada?

Comprendo que os acontecementos dos últimos meses a nivel nacional fagan pensar a moita xente que algúns políticos só queren chegar a un obxectivo determinado a toda costa, dá igual como e con quen, non importa se para iso hai que contradicir o dito ou rectificar permanentemente. 

Non é o caso de Galicia.

Señorías, estou aquí porque unha maioría absoluta —unha maioría excepcional— de cidadáns me elixiron para dirixir Galicia ata 2020, e non penso en nada máis que en cumprir ese compromiso.

Non tivemos que ir á contra de ninguén.

Non tivemos que gañar o favor de ninguén. 

Non temos que pagarlle a factura a ninguén.

Pódese gobernar tras perder as eleccións e gañar a votación na Cámara. É certo. Pero, aínda que sexa máis difícil, tamén se pode gobernar superando a votación na Cámara logo de gañar as eleccións. 

Ambas presidencias son legais e lexítimas pero, saben cal é a diferenza?

Que eu só me debo aos galegos e a ninguén máis.

Seguro que ao longo destes anos houbo acertos e desacertos, pero este pacto coa cidadanía é o que permite que Galicia sempre estea no centro das nosas decisións. E así vai seguir sendo no futuro. 

Porque Galicia, a diferenza de concellos, autonomías e o propio goberno de España, non parou en nove anos, non para, e a Xunta vai seguir ao seu carón, compartindo as preocupacións e tamén as ilusións da nosa xente. 

Con esa máxima, saben que acabamos de materializar hai escasos días unha remodelación do Goberno, orientada precisamente a que a nova estrutura nos permita responder mellor aos retos que ten a nosa terra ás portas da nova década. 

Estamos no ecuador da lexislatura e é o momento de valorar o feito, pero sobre todo de renovar folgos polo que queda por facer. 

Galicia crece, nos últimos 3 anos por riba do 3 %; pero propoñémonos encadear novos exercicios de crecemento.

Galicia crea emprego, 55.000 novos ocupados nos últimos tres anos, pero mantemos o obxectivo de chegar aos 80.000-100.000 en 2020. 

Galicia exporta e innova máis que nunca. 2017 foi o ano con máis exportacións da historia de Galicia, ata acadar o 35,6% do PIB, pero aspiramos ao 40% en 2020. 

Galicia forma máis xente, e por iso a taxa de abandono escolar en Galicia está nos niveis máis baixos da serie histórica (14,9%). Pero queremos reducir este indicador ao 13,5% no 2020.

Galicia forma mellor, e xa superamos os obxectivos previstos pola Estratexia Europea para esta década. A porcentaxe de galegos con estudos superiores xa chega ao 45,6%, e estamos no camiño de seguir mellorando este indicador para situalo no 47% en tres anos.

Galicia é máis inclusiva, cunha taxa de pobreza (18,7%) que é máis baixa que en España e que a media europea. E aínda que o número de fogares con dificultades é o máis baixo da serie histórica, seguimos traballando para que a recuperación chegue a todos.

Galicia é máis sustentable, e as emisións de CO2 diminuíron de xeito notable (un 20% menos desde 2005), pero temos que seguir tomando medidas.

Galicia é máis renovable, e o consumo de enerxías limpas supera o 20% fixado na estratexia Europa 2020, ata chegar á contorna do 40% nos últimos tres anos. Aínda así, non nos conformamos. 

Galicia converxe, e en 2017 acadamos o maior grao de converxencia con España (90% do PIB per cápita) de toda a serie histórica. Pero queremos máis.

En definitiva, Galicia avanza claramente en 9 dos 10 obxectivos que nos marcamos no Plan Estratéxico 2015-2020, pero nin conseguimos o 100 % (despois falarei detidamente do que aínda non logramos) nin tampouco queremos fixar neles o noso teito. 

O noso labor —o do Goberno e tamén o da oposición— non se limita ao que falemos nestes días, non remata neste debate nin no do ano que vén, nin por suposto se reduce a esta lexislatura. A nosa obriga é pensar máis aló de 2020. 

Señorías, que os galegos nos elixan para catro anos non significa que debamos pensar, planificar, xestionar, só para eses catro anos. A Galicia que soñamos non remata con cada lexislatura.

Así, anúnciolles que ao longo do próximo ano remitiremos a esta Cámara un novo Plan Estratéxico 2021-2027 que fixe novas metas para a Galicia que vén. E fago un chamamento para que todos os grupos se o consideran se impliquen. 

Señorías, só se pode planificar o futuro cando o presente está máis ou menos ordenado, cando o inmediato non o ocupa todo. Por iso é posible que o fagamos en Galicia —porque contamos coa estabilidade necesaria para abordalo— e por iso lamentablemente non se está a facer no conxunto de España. 

É difícil ter dúas situacións políticas máis antagónicas, e a diferenza entre ambas as dúas é obvia: 

Mentres en Galicia estamos centrados exclusivamente en gobernar, outros só poden pensar en resistir. 

Mentres en Galicia decidimos libremente, outros vense secuestrados polas minorías. 

Mentres en Galicia traballamos polas próximas xeracións, outros só tratan de sobrevivir ao día seguinte.  

Non se trata de simplemente remarcar as diferenzas entre un xeito de entender a política e outro; de contrastar a xestión coa parálise; ou de sinalar diverxencias por cuestión de partido. Trátase de España e, como parte de España, Galicia corre o risco de que tamén lle afecte.

Empeñarse en satisfacer as demandas dos nacionalismos; empeñarse en tentar saciar as ansias dos independentismos (como se iso fose posible dentro da lei); empeñarse en cumprir as ordes dos populismos; claro que ten consecuencias. Para España e, por tanto, para Galicia.

A máis evidente é a imposibilidade de contar polo momento cos Presupostos Xerais do Estado para 2019 cando e como corresponde, coa debilidade que iso ocasiona tanto dentro como fóra de España. 

Pero a consecuencia máis perigosa sería que finalmente se conseguisen aprobar coa fórmula que se vén anunciando. 

É coñecida por todos: máis impostos e máis débeda. 

Xa se empregou nos anos previos á crise e dos seus efectos aínda non nos recuperamos unha década despois. 

Así España foi mal e así España volverá ir mal. 

Señorías, é imposible que Galicia non se vexa afectada pola incerteza instalada a nivel nacional.

Aféctanos a incerteza política, cada vez maior e máis preocupante, polo que supón internamente e tamén porque impide afrontar coa fortaleza desexable o contexto mundial. 

Aféctanos a incerteza económica, que existe a nivel internacional pero que o contexto en España pode agravar seriamente. 

E aféctanos a incerteza social que todo isto pode traer consigo, cando a recuperación aínda non é plena nin alcanzou a todos. 

Eu non lles oculto a miña preocupación, nin a vostedes nin ao conxunto dos galegos. Pero engado: empregaremos todos os recursos que nos permite o noso autogoberno para que Galicia estea protexida ao máximo posible. 

O máis fácil sería ampararnos na parálise nacional para evitar cumprir as nosas obrigas, pero os galegos non nos elixiron para facer o fácil, e se somos autónomos non é para deixar que outros decidan todo por nós. 

Estamos aquí para gobernar polo ben dos galegos, e por iso, confírmolles que o próximo ano: en Galicia haberá presupostos; en Galicia haberá menos débeda; e en Galicia baixaremos impostos. 

Si, señorías, Galicia terá presupostos para 2019. E teraos en tempo e forma. Como nos últimos nove anos.

Resulta sorprendente que cumprir cunha obriga tan básica para calquera goberno semelle algo extraordinario. Pero certamente, neste momento non é unha tarefa sinxela. 

Levamos máis de dous meses pendentes de que o Goberno central nos dea cifras definitivas sobre os ingresos a conta.

Seguimos sen saber como se materializará o reintegro dos case 200 millóns de euros de liquidación do IVA que nos corresponde, pero cuxa devolución me comprometeu persoalmente a ministra de Hacienda e que desde logo lle esixiremos.

E tamén se percibe inestabilidade sobre as previsións da economía española e internacional. 

Hai un contexto de inseguridade que complica a elaboración dos orzamentos, pero a maior inseguridade sería non ter presupostos. Por iso, o Consello da Xunta aprobará mañá mesmo o teito de gasto para o próximo ano. 

E pido a colaboración desta Cámara para que a próxima semana, dentro do prazo legal, tal e como fixemos sempre, tamén poidamos traer a este Parlamento os presupostos de Galicia para 2019 porque en Galicia si hai estabilidade.

Señorías, adoitamos centrarnos nas consecuencias políticas de non aprobar as contas, como está ocorrendo a nivel nacional. Con todo, o principal problema non é para os gobernantes. É para os gobernados. 

Galicia depende do que pase en España. É inevitable. Pero tamén depende de si mesma. E, por fortuna, conta coas condicións necesarias para poder trazar o seu propio camiño, para poder contrarrestar en parte a incerteza e tamén as equivocacións que se cometan a nivel nacional. 

Por iso, nós non imos mudar o criterio acerca da necesidade de reducir o endebedamento do pobo galego.

Recorremos a el cando a situación económica era límite. Fixémolo coa máxima prudencia, como demostra que desde 2009 Galicia fose a comunidade que menos incrementou a débeda pública de España. 

Estabilizamos a débeda cando iniciamos o camiño da recuperación, no 15 e no 16.

E cando a mellora económica comezou a consolidarse, empezamos a reducila.

En 2017, por segunda vez en dez anos, Galicia logrou baixar o seu endebedamento en relación ao PIB. Este ano volverémolo a facer e o noso obxectivo é continuar esa senda nos anos seguintes.

É unha decisión que nos sitúa nunha mellor situación que outras comunidades: se a débeda tivera evolucionado en Galicia igual que a media do resto das comunidades autónomas, agora teriamos 3800 millóns máis de débeda. Ou, dito doutro xeito, hoxe cada galego debe 2000 € menos que a media do resto dos españois sobre a débeda da comunidade autónoma onde residen.

É unha decisión rendible porque nos permite aforros moi notables en xuros: hoxe gastamos 140 millóns menos en financiarnos que en 2014; ou o que é o mesmo, a metade do que gastabamos en 2014.

E tamén é unha decisión xusta coas próximas xeracións, porque se non lles quitamos lastre cando a economía medra, en que momento o imos facer? 

Do mesmo xeito, señorías, tampouco imos mudar de criterio respecto á conveniencia de baixar impostos. 

As baixadas de impostos aprobadas pola Xunta nestes últimos anos non só beneficiaron a milleiros de familias galegas. Tamén beneficiaron a nosa economía, que —como dicía antes— medrou máis dun 3% nestes últimos anos. E non impediron que a nosa sexa a terceira comunidade con maior esforzo en investimentos con cargo ao seu presuposto. 

Se hoxe Galicia crece sendo unha comunidade cun dos IRPFs máis reducidos para as rendas medias e baixas ou crece sendo a comunidade onde menos se renuncia ás herdanzas, é porque cremos e demostramos que ese é o camiño axeitado. Dito doutro xeito, cremos que Galicia é o bo camiño. Xustamente o contrario ao que está a propoñer e percorrer o Goberno de España. 

Primeiro, porque non nos parece sensato que a política fiscal se converta nunha especie de poxa necesaria para poder seguir gobernando.

Segundo, porque –nos termos en que se está a falar- é falaz dicir que só se van subir os impostos aos máis ricos. 

E terceiro, porque concretamente no caso da suba do imposto ao diésel, os efectos en Galicia poden ser demoledores.

Galicia é usuaria deste tipo de vehículos, que supoñen o 85% do combustible que se emprega en Galicia; e a nosa situación xeográfica aumenta as necesidades de transporte. 

E Galicia é fabricante e a industria do automóbil xa está sufrindo unha paralización das vendas: tras 11 meses de incremento, neste setembro as matriculacións na nosa comunidade caeron un 12%.

En suma, Galicia veríase especialmente penalizada de confirmarse o incremento deste imposto. E, por riba de todo iso, saben quen o sufriría máis? As rendas máis baixas, que son xustamente as que non poderían costear un cambio de coche. 

Por iso, eu digo claramente que Galicia non quere dieselazo. Así, desde logo que non.

Señorías, contra o criterio que estamos vendo a nivel nacional, aquí seguiremos a senda que marcamos desde o ano 2009: baixar impostos coa intensidade que permita cada momento.

Certamente, mentres se prolongou a recesión, aprobamos varias rebaixas selectivas en diferentes ámbitos e para determinados colectivos. De xeito prioritario, favorecendo sempre as rendas máis baixas. 

Cando se albiscou o inicio da recuperación, afondamos aínda máis nese camiño con rebaixas para familias con fillos, emprendedores ou enerxías renovables. 

Ao final da pasada lexislatura, fomos quen de aprobar a maior rebaixa fiscal da nosa historia, no tramo de IRPF para as rendas medias e baixas; eliminando Sucesións para a práctica totalidade dos galegos e impulsando o Plan de Impostos Cero no rural. 

E neste ano 2018, os galegos beneficiáronse de novas deducións fiscais para investimentos nos centros históricos ou en solo industrial.

O resumo de todo isto é que os beneficios fiscais de carácter social implantados ou mantidos pola Xunta desde o ano 9 deixaron máis de 1.100 millóns no peto dos galegos. E serán máis.

No debate de orzamentos que abriremos nas próximas semanas concretaremos o alcance da política fiscal para este exercicio, pero xa lles avanzo que manteremos os beneficios fiscais que están en vigor e estamos deseñando novas rebaixas nos impostos cedidos. Un ano máis garantiremos que en Galicia se van pagar cada vez menos impostos. 

Señorías, somos un goberno estable que ten claros os recursos cos que conta para atender as prioridades. Non só as máis inmediatas senón tamén, como lles dicía antes, as que nos convocan máis aló de 2020. 

Pola súa dimensión e pola súa complexidade, unha das máis importantes que temos é a organización do Xacobeo 2021. Unha cita que é histórica por si mesma, pero o reto que nos convoca a todos vai máis aló do evento: é a Galicia do Xacobeo 21, a Galicia da nova década, a Galicia das xeracións vindeiras, a Galicia que os que estamos aquí debemos preparar aos que veñan despois. 

Propóñolles que en 2021 celebremos o mellor Xacobeo da nosa historia. Propóñolles ampliar miras e unha ambición colectiva aínda maior. Propóñolles que a Galicia do Xacobeo 21 sexa indiscutiblemente a mellor Galicia da nosa historia: unha Galicia que se queira máis a si mesma; unha Galicia con máis Benestar, que se coide máis a si mesma; unha Galicia ambiciosa, que non se poña teito; e unha Galicia orgullosa, de portas abertas a España e ao mundo.  

Señorías, ninguén debe dubidar do amor que cada galego sente pola súa terra. É certo que hai ideoloxías que o fan, pero este goberno non reparte carnés. Todos queremos a Galicia. 

Pero o amor non só hai que sentilo ou proclamalo. Tamén hai que demostralo e, por desgraza, toda a riqueza que posúe Galicia non sempre se respectou.

Cando falamos de protección da contorna, sería inxusto cos cidadáns dicir que partimos de cero porque a Galicia que se desenvolvía de xeito caótico nalgúns ámbitos quedou atrás hai tempo. Existe unha conciencia colectiva que é cada vez máis forte, pero que aínda temos que seguir reforzando. 

Especialmente intensos son os pasos que xa demos en materia de ordenación e protección do territorio. 

As primeiras Directrices ou o primeiro Plan do Litoral; a nova Lei do Solo, o regulamento único que a desenvolve, e a Guía de cores e materiais para loitar contra o feísmo; ou a Estratexia Galega para a Paisaxe son instrumentos con entidade dabondo para ilustrar o moito que avanzamos. 

Tamén o é que, se en 2009 só 33 concellos tiñan un PXOM actualizado, en 2020 poremos á disposición do 100% dos concellos os medios para que poidan dar seguridade xurídica a cidadáns e empresas. 

Non en van, a día de hoxe xa hai 97 concellos cun PXOM adaptado; en 167 xa é de aplicación o Plan Básico Autonómico, aprobado este ano para  completar indeterminacións e lagoas urbanísticas nos municipios; e dos 49 restantes, todos de menos de 5.000 habitantes, 12 teñen moi avanzada a tramitación do seu PXOM e os outros 37 acolleranse aos futuros Plans Básicos Municipais, os primeiros xa desde 2019.

Por suposto que o traballo non está rematado e, de feito, nos próximos meses aprobaremos outros instrumentos importantes, como a nova Lei de Ordenación do Territorio, a Lei de Patrimonio Natural  ou o Plan Director dos Ríos. 

Pero o que xa fixemos permítenos dicir que, nun eido no que antes só había normas dispersas e obsoletas, ou mesmo absoluta ausencia de regulación: Galicia foi quen de situarse á vangarda e foi quen de poñer, onde antes había desinterese, cada vez máis implicación. E onde antes faltaba concienciación, cada vez máis responsabilidade.

Señorías, un territorio ben ordenado é o principio pero non o fin. O obxectivo último é garantir a coexistencia entre a conservación do medio ambiente e a actividade humana. 

Aprender dos erros do pasado é a mellor maneira de non repetilos. Por iso, reitero o  noso compromiso de ordenar a expansión urbanística e de priorizar sempre a rehabilitación fronte a novas construcións. Esta foi a nosa prioridade en materia de vivenda e así seguirá sendo. 

Farémolo, por suposto, en primeira persoa, continuando  o labor iniciado e convertido xa en referencia, de recuperación do Casco Vello de Vigo, pero ademais estendendo a novas zonas o Plan Rexurbe, que xa permitiu comprar e comezar a rehabilitar 40 vivendas nos núcleos históricos de Ferrol Vello, Ourense, a Tinería de Lugo ou Betanzos.

Farémolo tamén acompañando e despexando ao máximo o camiño daqueles galegos que queren rehabilitar a súa vivenda: mantendo os incentivos fiscais que aprobamos este 2018; simplificando as solicitudes cunha xanela única; creando novas áreas de rehabilitación integral; coa primeira Lei de rehabilitación de Galicia, que xa temos moi avanzada e que remitiremos a este Parlamento antes de que acabe o actual período de sesións. 

E tamén facendo que desde o ano que vén Galicia sexa unha das comunidades con menos impostos para mercar vivenda habitual usada, e a máis barata no caso dos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade. 

Tamén imos seguir traballando para  que as vivendas sexan máis eficientes. Desde 2009, case 30.000 familias recibiron algunha axuda para renovar fiestras, cubertas, fachadas, ascensores, instalacións eléctricas, caldeiras de biomasa e continuaremos nesta liña porque debemos ser máis sostibles desde o punto de vista enerxético.

Neste sentido, será un referente o primeiro Ecobarrio en Ourense que xa estamos impulsando e que antes de que remate 2018 vivirá importantes avances: presentarase o proxecto técnico; remataranse os pregos para as transformacións dos 18 inmobles; abrirá a Oficina do Ecobarrio, como parte da campaña de divulgación; e, no primeiro trimestre de 2019, comezarán as primeiras licitacións.

Ademais, a nosa intención é que este proxecto pioneiro se poida iniciar nalgunha outra cidade galega antes de que remate esta lexislatura.

Os galegos estamos cada vez máis concienciados de que o desenvolvemento non pode ser de calquera xeito e a calquera prezo. Conceptos como economía circular ou cambio climático están cada vez máis presentes. Vaise diminuíndo a porcentaxe de residuos que vai directamente ao vertedoiro. A seca de hai un ano fíxonos máis conscientes da necesidade de aforrar auga. Centos de galegos pásanse á biomasa grazas as axudas da Xunta.

Os cambios son progresivos, quizais lentos de máis, pero estou seguro de que non teñen marcha atrás. Cómpre que todas as administracións sigamos estimulando este tipo de comportamentos, e desde a Xunta ímolo seguir facendo. 

Levamos traballando para lograr o completo saneamento das rías galegas nesta década. 

Puxemos a disposición de Vigo a depuradora máis grande feita na historia de Galicia. 

Na ría da Coruña só está pendente rematar dous bombeos para culminar o seu saneamento integral, a falta das actuacións do Goberno central. 

A ría de Ferrol está saneada, só pendente de que se rematen os traballos en execución na Malata. 

Na ría de Arousa construíronse tres novas depuradoras e proximamente iniciarase a de Rianxo; e todo isto está mellorando moito a calidade das praias e o marisqueo na ría. 

E a ría de Pontevedra conta xa cun Plan de Saneamento Local e a previsión é que nos próximos meses se licite un novo emisario submarino e a mellora da depuradora de Praceres. E seguimos á espera da cesión do solo para facer a depuradora de Poio. 

Igualmente, mantemos o compromiso de que os galegos teñan auga en cantidade e calidade. Desde 2009, investimos máis de 1.100 M€ en saneamento e abastecemento con este dobre obxectivo.

E neste mesmo período, fixéronse 300 obras de abastecemento en 186 concellos, 350 obras de saneamento en 165 municipios e 45 depuradoras, unha liña na que queremos seguir traballando nos próximos anos.

Este esforzo en materia hidráulica, dun calado sen precedentes, demostra que o Goberno galego está implicado coa Galicia que se quere máis a si mesma. Pero tamén require concellos e cidadáns comprometidos. 

O papel do cidadán que, voluntariamente, decide reciclar ou racionalizar o consumo de auga é fundamental. Para incentivalo, proporemos o seguinte: no caso dos residuos, ademais de aprobar neste ano a nova Lei de Residuos, completar a ampliación de Sogama en 2019, ou poñer en marcha a Estratexia galega para plásticos, imos plantexar que o canon de Sogama que pagan os concellos se rebaixe nun 10 % para aqueles municipios que certifiquen maior compromiso coa  redución e separación dos residuos e sempre e cando repercutan esa redución no recibo que pagan os veciños. 

E, en segundo lugar, no relativo ao canon da auga que fixan os concellos, seguiremos defendendo que as ordenanzas fiscais municipais premien aos cidadáns que fan un consumo máis racional. 

Porque señorías, non pode dar igual ser responsable que non selo e, por iso, quen menos contamine e menos desperdicie, tamén debe pagar menos. 

Non pode dar igual porque vivimos unha realidade que non podemos obviar. O cambio climático obríganos a prepararnos desde o punto de vista individual e colectivo. Comprobámolo na seca de hai un ano, e os expertos apuntan que circunstancias coma esta serán cada vez máis frecuentes.

Precisamente por isto imos trasladarlle ao Goberno central algunhas necesidades que nos parecen urxentes, como declarar o abastecemento de Vigo de interese xeral do Estado, co obxectivo de que poidamos acometer as obras necesarias coa máxima axilidade e coa máxima colaboración das administracións. 

E tamén precisamente por iso hai uns meses elaboramos un paquete de medidas para responder ante situacións excepcionais que se poidan producir en materia de auga. 

Convidamos á Federación Galega de Municipios e Provincias a prepararnos xuntos, e ofrecémoslle un Pacto da Auga. Trasladámoslles que é necesario para preservar o abastecemento de auga, coa prioridade do consumo humano; para garantir que estea sempre en condicións sanitarias aceptables, e para estar preparados ante eventuais momentos de seca. 

Para iso, primeiramente debemos garantir entre todos a correcta xestión e explotación das obras de saneamento que facemos e, en segundo lugar, propoñemos replicar en materia de auga un modelo semellante ao que temos con Sogama para os residuos. É dicir, un modelo que garanta un único sistema de subministro e de tarifas para toda Galicia.
 
Señorías, son consciente de que hai preto unhas eleccións municipais, pero iso non pode servirnos de escusa. Sei que, nestes tempos de polarización política, o consenso pode parecer un obxectivo inalcanzable. 

Pero tamén sei que non deberiamos poñernos freo antes de comezar porque non hai tanto tempo demostramos que, se nolo propoñemos, xuntos, deixando ás marxes as diferenzas e traballando polo que nos une, podemos facer grandes cousas. 

Estoume a referir ao gran esforzo que conxuntamente fixemos nos últimos meses para limpar máis os montes e estar mellor protexidos ante os incendios forestais. Creo honradamente que este 2018 pode ser un antes e un despois nesta materia.

Houbo un traballo importante por parte da Xunta. E, de feito, das 30 medidas de prevención e acción contra o lume incluídas no Pacto Forestal que ofrecín o ano pasado nesta mesma tribuna, 22 están xa cumpridas, e a cifra ascenderá a 28 cando remate este ano. 

Tamén conseguimos un compromiso cidadán moito maior. Loxicamente, a campaña de lumes aínda non rematou –temos moi recente o ocorrido en Mondariz-, a seguridade ao cen por cen non existe –vímolo en outubro do pasado ano-, e seguimos moi vixiantes, pero cómpre poñer en valor o traballo colectivo de Galicia.

Un traballo, en primeiro lugar, dos equipos de prevención e extinción, aos que nunca lle agradeceremos o suficiente o seu labor, pero tamén dos propietarios que se fixeron máis conscientes das súas obrigas, e das administracións que fomos capaces de pactar un procedemento para que os municipios, con máis recursos e trámites máis sinxelos, puidesen exercer a súa competencia nesta materia. 9 de cada 10 concellos asinaron con nós un convenio de colaboración. 

Na mesma liña, quero agradecer expresamente ao Grupo Socialista e ao Grupo Popular a súa implicación nesta materia. Fala ben deste Parlamento que tres cuartas partes do hemiciclo apoiasen un dos ditames máis importantes desta década: o da Comisión de estudo de incendios e política forestal.

A En Marea e ao Bloque Nacionalista Galego pídolles que non se queden atrás. Que os seus intereses partidistas non lles impidan ver o interese xeral. Súmense ao gran pacto a prol do monte galego e do rural. Sigamos todos xuntos por este camiño.

Porque o obxectivo non acaba, nin moito menos, en coidar a gran riqueza natural que temos. Hai unha segunda fase coa que temos que implicarnos nos próximos anos todos os galegos: ser capaces de sacarlle rendemento aos montes de forma respectuosa e axeitada. 

O primeiro erro era dar carta de normalidade ao feito de que tantas familias galegas teñan terreos agrarios e forestais en desuso, abandonados, ou mesmo descoñecidos. O segundo erro é pensar que non podemos sacarlle partido. Debemos e podemos facelo. 

Saben que ao longo dos últimos anos, modernizamos todo o corpo normativo relativo ao medio rural. E hoxe é moito máis simple mobilizar as terras, e tamén moito máis barato, grazas ao Plan de impostos cero no rural.

Fronte a algunhas teorías que persisten en presentarnos o  rural como un entorno atrasado e sen oportunidades, a realidade constata que hai interese en investir nel e que proliferan experiencias de éxito que poden animar a moita xente a vivir no rural e a vivir do rural. 

Non me refiro unicamente aos proxectos empresariais que se están desenvolvendo. Tamén a que cada vez máis galegos entenden que, por exemplo, facer plantacións nos montes é un plan de pensións para eles e para os seus fillos. 

Alcanzar ese entendemento entre os donos das fincas e aqueles que queiran usar as terras para os seus investimentos é, sen dúbida, unha das prioridades que temos para os próximos anos. 

Desde a Xunta estamos apoiando varios proxectos nesta liña e, de feito, no Consello de mañá mesmo aprobaremos axudas para algúns proxectos de mobilidade de terras que poden ser exemplarizantes e servir de modelo para o futuro. 

O noso compromiso está garantido e pídolles o seu apoio para, ademais de con recursos, facilitar que o territorio rural se siga movendo cos instrumentos necesarios.  
En primeiro lugar, coa revisión do Plan Forestal de Galicia tras máis de dúas décadas, para alcanzar un texto de consenso que incorpore as suxestións do ditame ao que me refería antes. 

En segundo lugar, cun maior impulso ás sociedades de fomento forestal, que en 2020 esperamos que xestionen xa 5.000 hectáreas; pero tamén de calquera outra figura que promova a xestión conxunta, sustentable e diversificada do monte. 

Terceiro, coa axilización dos procesos de concentración parcelaria, para cumprir o compromiso de pechar en 2020 todos os procesos abertos de concentración parcelaria a día de hoxe (112.000 hectáreas). 

E, ademais, con dous mecanismos novidosos pactados por este Parlamento: 

Por un lado, a localización e mobilización de predios agrícolas en desuso mediante a inmediata potenciación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que verá ampliadas as súas funcións para converterse tamén nun órgano de compravenda da terra agraria. 

E, por outro, coa creación dos polígonos agroforestais, unha nova figura que facilita a agrupación de fincas cando exista un proxecto de investimento viable. 

É dicir, que cando un investidor queira levar a cabo un proxecto no rural e precise terras, delimitarase un polígono forestal e, ás fincas das que dispoña o promotor, sumaranse as que se atopen ao seu carón mediante procesos de venda voluntaria ou de alugueiro obrigado. 

Medidas, todas elas, que queremos axilizar ao máximo posible e que nalgún punto implica a aprobación dunha Lei de fomento da mobilización da terra produtiva de Galicia, e neste sentido infórmolles que traballamos coa previsión de remitila a esta Cámara no próximo período de sesións. 

A Galicia á que aspiramos non pode consolidar diferenzas insuperables entre as distintas partes do territorio nin tampouco entre os seus individuos, con independencia do lugar onde nazan, das capacidades que teñan, ou do patrimonio do que dispoñan. Hai unha Galicia que coida de si mesma e que quere facelo con máis intensidade. 

Antes de facer unha valoración máis detallada do presente e do futuro do noso Estado de Benestar, creo pertinente aludir a un erro de perspectiva no que algúns incorren ao facer o seu diagnóstico. 

Refírome ás valoracións que se fan sen achegar criterios comparativos. Así, por exemplo cando se critica un determinado servizo, e se conclúe que sofre unha situación pouco menos que apocalíptica, nunca se di en relación a que.  

Ese esquecemento é algo común en todos os movementos populistas de Europa, dun e doutro signo, que teiman en quebrar a confianza dos cidadáns na democracia representativa e no Estado do Benestar. 

Facer que a xente crea que vive no peor dos mundos é o alimento da frustración, e a frustración é o combustible desas organizacións.  Permítanme que rebata aquí os seus argumentos cunhas sinxelas preguntas. 

En que momento da súa historia tivo Galicia unha sanidade pública con máis prestacións, un ensino público máis completo, unhas prestacións sociais públicas con maior alcance? En que outra época se atendeu mellor ás persoas con discapacidade e foron máis axudados os desfavorecidos?

Non se trata de ser compracentes porque en todos estes ámbitos segue habendo moito que facer, pero cómpre ser xustos con Galicia. Porque non se trata de recoñecer ao Goberno do momento senón de valorar o avance dun país froito do esforzo colectivo dos seus cidadáns.

Na miña opinión, mesmo as queixas que se producen en relación co funcionamento dos nosos servizos públicos son unha evidencia da súa calidade e tamén da calidade da democracia galega. 
Quero que esa esixencia se manteña. Non quero que nos conformemos. Pero non acepto que se esqueza que Galicia é un territorio con mellores servizos públicos que en calquera outro momento da súa historia, e tamén mellores que en moitos lugares do noso entorno europeo. 

Precisamente por este motivo, como xa avancei, solicito formalmente comparecer na comisión de investigación sobre a Sanidade Pública aberta neste Parlamento. 

Sei que non estou obrigado pero quero facelo porque, aínda que —como sempre— hai marxe de mellora, o noso sistema sanitario é dun nivel altísimo. E se alguén o pon en cuestión, eu por suposto que o vou defender. 

Se o fago, señorías, non é porque crea que así defendo o meu Goberno. Fágoo porque é o que merecen os milleiros de profesionais que prestan cada día un excelente servizo público. 

Precisamente a eles quixera dirixirme, porque un dos avances dos que nos sentimos máis reconfortados nos últimos anos é de devolverlles aos empregados públicos os esforzos que fixeron durante a crise. 

Malia que entre 2009 e 2015 conseguísemos ser a comunidade que mantivo máis estable o volume de emprego público, somos conscientes de que fixeron un gran esforzo que sempre valoramos e que ademais, desde que puidemos, tamén devolvemos. 

Señorías, 2018 é o terceiro ano consecutivo no que crecen os soldos dos empregados públicos. Cada persoa que traballa para a Xunta cobra de media a día de hoxe uns 1.300€ máis que en 2015. 

E a isto súmanse as melloras específicas que estamos pactando coas organizacións sindicais de xeito progresivo nos distintos corpos.

Hoxe na Sanidade pública traballan 1.544 profesionais máis que en 2008, pero a maiores aprobamos a carreira profesional.

Hoxe, na Educación pública os docentes xa reciben desde este mes os primeiros  incrementos pactados, pero ata 2021 chegarán a un aumento de 1.200 anuais. 

Hoxe, nos Servizos Sociais públicos xa traballan un 7% máis de profesionais, e ademais as condicións dos traballadores do Consorcio estanse a equiparar progresivamente ás do persoal da Xunta.

Hoxe, na Xustiza xa está en vigor un acordo que mellora as condicións de 2.500 traballadores, pero ademais verán como seguimos traballando por uns edificios xudiciais propios do século XXI. 

E, agora que falta pouco para completar o Plan de Infraestruturas coas novas cidades de Xustiza en Vigo e Pontevedra e cos novos xulgados en Tui. 

Tamén os renovaremos por dentro, continuando o proceso de dixitalización e co maior Plan de Equipamentos da historia dos xulgados galegos. 

En resumo, tanto a nivel global como a nivel específico, en cada unha das diferentes áreas, as condicións dos profesionais están a mellorar e seguirán mellorando. 

Haberá máis profesionais, xa que estamos desenvolvendo as ofertas de emprego público comprometidas (case 15.000 prazas entre 2017 e 2020), e terán máis estabilidade: estamos cumprindo o Plan de estabilidade asinado cos sindicatos para reducir a taxa de temporalidade á contorna do 7%. 

E seguiremos mellorando as súas condicións. Neste sentido anúnciolles que os empregados públicos volverán percibir o 100% das súas retribucións cando se atopen en situación de incapacidade temporal; e que ampliaremos a 16.500 empregados da Administración Xeral un sistema de carreira profesional semellante ao da Sanidade, é dicir, que valore a experiencia, os coñecementos e o compromiso cun sistema de ascensos e graos retribuídos. 

Unha vez que se completen todas as melloras acordadas, poderán supoñer un incremento nas nóminas dos empregados públicos de ata o 17 %. 

Os empregados públicos traducen a feitos o compromiso dunha sociedade que cre no Estado do Benestar. 

Galicia defendeu os seus servizos públicos, e non foi sinxelo nos momentos de crise que ameazaron a súa viabilidade. En consecuencia, señorías, seguirémolo facendo neste contexto de incipiente crecemento. 

Loxicamente, a prioridade seguen a ser as familias máis desfavorecidas. 

A pesar de que a cifra  de cidadáns en situación de extrema necesidade se reduciu un 40% no último ano; a taxa de pobreza en Galicia é menos da metade da media nacional; e o número de persoas que solicitaron a Risga en 2017 descendeu un 10%, a pesar de todo isto, segue habendo demasiados galegos que precisan axuda. 

Señorías, o populismo comete con frecuencia unha equivocación, na miña opinión interesada e especialmente cando se trata de dificultades sociais. Na oposición ofrecen solucións aparentemente simples a uns problemas moi complexos; pero nos Gobernos non adoitan arranxar ningún, como vemos en moitas cidades. Porque ao xestionar queda ao descuberto que non existen as receitas máxicas que pregoan. 

Galicia ten unha batería de medidas para evitar desafiuzamentos, e evitámosllos de feito a centos de familias. 

Fomos pioneiros en actuar contra a pobreza enerxética, primeiro co tícket eléctrico e despois sendo a primeira comunidade en complementar o bono social do anterior Goberno central. 

Seguimos sendo unha das poucas Comunidades que manteñen o complemento ás pensións non contributivas; e desde que gobernamos triplicamos os recursos da Risga.

Falamos facendo, señorías. Porque falar e non facer é, simplemente, mentirlle á xente. 

Eu prefiro seguir gobernando coa verdade e, por iso, dígolles aos galegos que, aínda que sexan menos, segue habendo dificultades que combater. 

Por iso imos presentar un Plan de atención ás persoas sen fogar coas entidades que traballan cada día con persoas nesta situación para mellorar a coordinación con elas.

Ou por iso aprobaremos antes de que remate o ano un decreto que permitirá dúas melloras fundamentais: que se poida cobrar máis dunha Risga por domicilio en determinadas circunstancias; e que o cobro dunha parte da renda social sexa compatible co dun salario mentres sexa necesario.

Señorías, avanzamos neste sentido porque sabemos que o principal reto das persoas en dificultades é volverse integrar na sociedade. Con este mesmo obxectivo tamén apoiamos as persoas con discapacidade.

Somos a comunidade co sistema educativo máis inclusivo de España; temos máis prazas públicas de atención á discapacidade, un 25% máis que en 2009; lanzamos unha convocatoria de oposicións pioneira para este colectivo, que vai xa pola súa segunda edición; e nos últimos meses tomamos medidas para axilizar os procesos de recoñecemento da discapacidade e reducir considerablemente a lista de espera antes de que remate 2018.

Señorías, sempre me escoitaron dicir que defender os servizos públicos supón atender do mellor xeito posible as necesidades de cada momento; pero supón tamén preparar o Estado do Benestar para as necesidades do futuro e deixalo nas mellores condicións para as vindeiras xeracións.

Dicíalles antes que hai un obxectivo do Plan Estratéxico no que non se rexistran por agora resultados positivos. Referíame, como suporán, á revitalización demográfica do noso país. 

É certo que avanzamos en concienciación pero tamén que aínda non é suficiente. 

É certo que desde 2009 ata 2018 temos un saldo migratorio positivo (entra máis xente da que sae); pero tamén é certo que a taxa de natalidade segue sen aumentar desde hai máis de tres décadas e que a taxa de mortalidade segue a ser maior que os nacementos (desde 2009 morren de media anual 10.300 galegos máis dos que nacen).

É certo que hai resultados positivos nas medidas aprobadas ao abeiro da Estratexia Retorna 2020 (por exemplo, en 2017 volveron o dobre de galegos que en 2009, concedemos 100 bolsas a mozos galegos para que estudasen en Galicia e triplicamos as axudas extraordinarias aos retornados); pero tamén é certo que debemos afondar para que veñan máis e por iso proximamente abriremos a Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retornado.

É certo, en definitiva, que estamos actuando no eido demográfico —cando antes nin sequera se consideraba un problema— pero para que iso se traduza en cifras fai falla tempo e compromiso de todas as institucións, tanto a nivel autonómico e local como nacional e europeo. 

A consecuencia evidente é que o único xeito de xestionar os servizos públicos para hoxe e para mañá é facelo atendendo a esa realidade.

Así, estamos consolidando un novo modelo social e sanitario que poida atender axeitadamente o envellecemento de Galicia. Un dos avances máis importantes neste senso foi a posta en marcha da Historia Social Única, que de xeito progresivo vai garantir a necesaria coordinación entre estas dúas áreas. 

Tamén estamos avanzando de forma intensa na atención á dependencia. Hoxe hai 57.600 dependentes con prestación, catro veces máis que en 2009, pero non nos conformamos. Por iso, adiantamos a este ano o obxectivo que nos marcaramos para toda a lexislatura: 60.000 dependentes atendidos. 

E, por tanto, superaremos ese compromiso, e pelexaremos para poder facelo ao máximo pedíndolle ao Goberno central —como fixemos tamén cos gobernos anteriores— que financie a súa parte, como está obrigado por lei. 

Neste momento a Xunta inviste tres veces máis que o Goberno central en dependencia. A fórmula é sinxela: se a Xunta cumpre co seu 50% —que o fai amplamente— e o Goberno cumpre co seu 50%, chegaremos ao 100% de cobertura en dependencia.  

Señorías, a acción de goberno neste eido debe guiarse pola filosofía predominante entre os nosos maiores. A súa preferencia é envellecer na súa contorna e, por iso a Galicia de 2018 xa multiplica por oito o número de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar de 2009, pero imos continuar para consolidarnos como a comunidade que máis aposta por este recurso.

E, na mesma liña, anúnciolles que a partir de 2019 incrementaremos as axudas para coidador ou asistente persoal entre un 10 e un 15 %. 

Con todo, nos casos nos que non é posible, a nosa obriga é darlles un recurso asistencial: hoxe xa hai un 65% máis de prazas públicas en residencias e centros de día que en 2009; hai recursos pioneiros, como as casas do maior que financiamos no rural; imos cumprir o noso compromiso de construír nesta lexislatura sete residencias en cada unha das grandes cidades, e no primeiro trimestre do ano que vén estarán licitadas. 

E ademais, anúnciolles que todas as persoas que non acceden á rede pública terán igualmente unha axuda da Xunta a través da ampliación do Bono Autonomía en Residencia, que chegará ao 100 % dos solicitantes, e ademais en maior contía, xa que medrará un 20% para as dependencias de grao 1 e grao 3 e ata un 75% para as dependencias de grao 2.

O envellecemento tamén ten unha incidencia directa na nosa Sanidade Pública, e por iso levamos tempo propoñendo unha adaptación ás novas realidades que se nos presentan; este mes aprobaremos no Consello a Estratexia Galega de Cronicidade (case 1 de cada 4 galegos sofre unha patoloxía crónica); un novo Plan estratéxico de hospitalización a domicilio normalizará e homoxeneizará este tipo de atención; a futura Lei de Ordenación farmacéutica adaptará o mapa de farmacias ás condicións actuais.

E, por suposto, debemos seguir actuando no ámbito da prevención e farémolo, por exemplo, coa Lei sobre consumo de alcohol en menores, e loitando contra a obesidade infantil promovendo máis intensamente o deporte de base. Ademais, o próximo ano seguiremos reforzando o noso compromiso coas federacións cun novo incremento orzamentario que se sumará ao 9% que xa fixemos este exercicio.

Señorías, a Sanidade Pública debe adaptarse ao futuro, pero quero poñer en valor o seu presente. Pode haber erros, pero por cada un hai milleiros de exemplos de éxito. Pode haber necesidades, pero por cada unha delas hai milleiros de exemplos de compromiso. 

A lista de espera cirúrxica está no seu mínimo histórico; o tempo medio de espera para probas diagnósticas está en 59 días, 10 menos que o ano pasado; as vías rápidas para os cancros  máis frecuentes están funcionando, cunha espera media inferior a 5 días; o Decreto de tempos máximos xa beneficiou no primeiro ano a máis de 32.600 persoas. E ademais, os galegos poñen ao noso sistema sanitario a mellor nota  dos últimos 16 anos.

Si, señorías, os cidadáns coinciden maioritariamente en que temos unha Sanidade Pública que como todo na vida é mellorable, pero que é dunha gran calidade. 
  
E, por suposto, imos seguir traballando para mellorala e que siga incrementando os niveis de calidade. 

Primeiro, ampliando as prestacións, como fixemos ao achegar os servizos de hospitalización a domicilio, ao mellorar  o calendario de vacinación infantil ou ao crear o calendario de vacinación do adulto; e como faremos por exemplo coa posta en marcha do programa de detección precoz do cancro de cérvix uterino ou coa creación dun rexistro para as enfermidades raras. 

Segundo, completando a renovación tecnolóxica. Nestes anos modernizáronse os equipos de todos os hospitais de Galicia e instaláronse quirófanos híbridos punteiros en Vigo e A Coruña. Seguiremos mellorando o equipamento con alta tecnoloxía e avanzando en innovación sanitaria. 

E terceiro, avanzando na modernización dos centros sanitarios. 

En Vigo construímos un dos mellores hospitais públicos de España e seguiremos dotándoo da tecnoloxía sanitaria máis punteira.

En Lugo equipamos e finalizamos un novo hospital público e melloramos a súa carteira de servizos.

En Pontevedra estase traballando no proxecto básico e de execución do futuro Gran Montecelo e en 2019 licitarase a primeira fase das obras.

No hospital público de Ferrol redactouse o proxecto básico e de execución e antes de que remate o ano licitarase a construción dun novo edificio de hospitalización.

No hospital público do Salnés finalizamos a ampliación do hospital nun 26% da súa  superficie.

No hospital público de Ourense construímos un novo edificio de hospitalización e imos reformar o antigo.

No hospital público de Verín ampliouse a carteira de servizos e renováronse as consultas externas.

O hospital público de Valdeorras terá antes de que remate o ano un proxecto de remodelación con novo equipamento.

No hospital público da Mariña en cuestión de semanas finalizará a primeira ampliación do hospital e posteriormente renovarase o edificio actual. 

No hospital público de Monforte introduciuse o servizo de oncoloxía e antes de que remate o ano contratarase o seu proxecto de remodelación.

O hospital público de Santiago estase situando na vangarda en investigación e xa se está planificando a súa futura reorganización e ampliación.

No hospital público do Barbanza ampliamos as consultas externas, inauguramos un laboratorio de análises e imos comezar a ampliación das urxencias.

No hospital público de Cee instalouse unha nova sala de hemodiálise e modernizáronse os quirófanos.

E no hospital público da Coruña renovouse o 100% do bloque cirúrxico e duplicáronse as urxencias pero somos conscientes de que debemos continuar. 

Por iso, antes de que remate a lexislatura, presentaremos o novo Hospital Público da Coruña, totalmente renovado nas instalacións actuais e cunha ampliación do 50 % da superficie actual, ben en terreos limítrofes ou ben nun novo emprazamento, para o que esperamos contar coa colaboración do Concello.

Este impulso á renovación das infraestruturas sanitarias non se limita aos hospitais públicos, senón que comeza pola porta de entrada ao sistema de saúde: a atención primaria.

Desde 2009 investimos 66 M€ en 52 centros de saúde novos ou renovados.  E nos vindeiros anos reformaranse dous centros de saúde e construiranse 17 novos, entre eles un centro punteiro no Barrio da Residencia de Lugo.  

Si, señorías, temos o compromiso de reformar esta zona de Lugo e dotala de novos servizos, como unha oficina de emprego, un centro de innovación, unha planta de biomasa e esperamos que tamén a nova comisaria. E temos o compromiso de que inclúa un centro sociosanitario para dependentes e o primeiro centro integral de saúde de Galicia. E tamén o cumpriremos. 

Señorías, dicíalles antes que un Goberno responsable non pode esquecer a dimensión demográfica ao planificar os servizos públicos do futuro. Nós facémolo nunha dobre dirección: esixindo os recursos que nos corresponden e facendo o maior esforzo para que Galicia sexa o mellor lugar posible no que nacer, no que medrar e no que vivir. 

Respecto ao primeiro piar, quero reiterar a esixencia de que o modelo de financiamento autonómico co que se costean os servizos públicos sexa un modelo xusto. 

Eu mesmo trasladeille ao actual presidente do Goberno que a reforma do sistema é un asunto prioritario que cómpre abordar sen dilacións. 

Non se pode aprazar sine die.

Non vale escudarse na debilidade parlamentaria. 

Non aceptamos que se poña a situación en Cataluña de escusa porque todas as demais comunidades queremos abrir este debate.

Non serve a escusa de que non hai tempo porque non partimos de cero. Seis comunidades —gobernadas por diferentes partidos e que supoñemos máis do 50 % do territorio nacional e o 21 % da poboación— xa temos pactada unha posición común e hai máis que solicitaron adherirse.

Por iso anúnciolles que vou pedir a convocatoria da Conferencia de Presidentes, para que os representantes do Estado nas 17 comunidades poidamos abordar un debate imprescindible para continuar prestando uns servizos públicos da máxima calidade. 

Señorías, pode que outros se conformen con estar no Goberno, aínda que sexa sen gobernar. Eu non. Non vou abdicar das miñas responsabilidades como presidente da Xunta.

Dicíalles que unha destas responsabilidades é que Galicia sexa cada vez un lugar mellor onde vivir. Nos últimos anos avanzamos máis que nunca antes neste sentido. Queda moito por facer pero hai moitas familias galegas que percibiron xa melloras no ámbito da conciliación.

Desde 2009 duplicamos o número de prazas en escolas infantís que, neste curso, son preto de 24.400.

Achegamos a conciliación aos concellos do rural, coas casas niño, e aos lugares de traballo das familias, coas garderías en polígonos industriais.

Lanzamos importantes apoios económicos para as familias con fillos: bonificacións nas taxas de garderías, a Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia.

Para que a Galicia da vindeira década sexa un lugar cada vez mellor para formar unha familia, imos seguir traballando pola conciliación.

Farémolo reforzando as axudas e ampliando o Bono Coidado.

E farémolo tamén con instrumentos normativos, xa que en 2019 Galicia será a primeira comunidade de Europa en contar cunha Lei de impulso demográfico. Coincidimos no diagnóstico sobre esta realidade e o que lles propoño é que coincidamos tamén nas medidas e na folla de ruta para tentar darlle resposta. 

Señorías, ninguén vai ter fillos porque llo di o seu Goberno. Pero o que si podemos, o que si debemos e o que si facemos e faremos é achegar as máximas facilidades ás mulleres e homes que toman esta importante decisión. 

Nestes anos, a Administración autonómica tentou situarse á vangarda en canto ás medidas para facilitarlles a vida ás nais e pais con fillos. Hoxe, máis de 11.000 empregados públicos benefícianse da flexibilidade horaria e máis de 200 acolléronse ao teletraballo.

Pero só co sector público non abonda. Necesitamos seguir traballando co sector privado para que as empresas sexan conscientes de que darlle a volta á situación demográfica é un asunto de todos. 

Estamos á súa disposición para colaborar nas medidas que precisen neste sentido, como demostramos impulsando as primeiras gardarías en polígonos industriais ou lanzando o Plan de conciliación e corresponsabilidade que é pioneiro na España autonómica e que ao longo de 2019 imos levar ao ámbito municipal.

Pero debemos avanzar máis. Por iso, iniciaremos unha campaña de concienciación ás empresas para que adopten uns horarios máis racionais e flexibles, que permitan que as familias galegas teñan máis tempo para pasar xuntas.

Estamos atentos ao debate sobre o fuso horario; pero en Galicia abriremos o debate –non só político senón tamén social— sobre os usos –costumes- horarios. Sobre a necesaria conciliación da vida persoal, laboral e familiar. 

Señorías, a Galicia da vindeira década debe ser unha terra máis igualitaria, onde nacer neno ou nena non será un condicionante para que cada quen escolla o seu camiño con total liberdade. 

A Galicia da vindeira década ten que ser tamén unha terra de oportunidades, onde todas as galegas e galegos saiban que con esforzo, compromiso e perseveranza, independentemente do seu punto de partida, poderán chegar alá onde queiran.

Para construír unha Galicia que non se poña teito, é imprescindible empezar polos cimentos, isto é: por seguir reforzando o noso sistema educativo.

Todos os datos e os indicadores indican que a nosa comunidade vai na boa dirección:

Non só polos mínimos históricos en abandono escolar dos que falaba ao principio; senón tamén porque o informe PISA nos sitúa por riba da media española en todos os indicadores e superando tamén a media dos países desenvolvidos na maioría deles.

A Educación pública require un traballo a longo prazo, protexido de bandazos e cambios bruscos. Por iso, desde 2009 o noso sistema educativo leva seguindo un rumbo claro, no que seguiremos avanzando ao longo dos vindeiros anos.

Avanzaremos na equidade do sistema educativo, de xeito que os recursos da familia do alumno condicionen o mínimo posible a súa traxectoria académica. Segundo o último informe PISA, Galicia ten o sistema educativo máis equitativo de España, pero non nos conformamos: seguiremos coas axudas para comprar libros de texto e material, cos prezos reducidos para comedores, e sendo a comunidade coa maior rede de transporte escolar de toda España.

Avanzaremos no Ensino dixital, que neste curso xa chega a 18.000 alumnos, desde 5º de Primaria ata 2º da ESO. Por iso vimos de autorizar a compra de 30.000 portátiles e os alumnos terán máis contidos e un mellor soporte técnico.

Avanzaremos no Ensino plurilingüe, que vimos de estender a Primaria, Bacharelato e FP. 

Se en 2009 tan só 13.000 alumnos recibían unha Educación plurilingüe, hoxe xa son case 110.000, un terzo do total; e se en 2009 traballaban en Galicia 67 auxiliares nativos de conversa, neste 2018 xa se multiplican por 10 e en 2020 chegaremos aos 1000.

E avanzaremos tamén na formación en competencias científicas, tecnolóxicas e matemáticas, que todos os expertos sinalan que son fundamentais para o mundo do futuro. 

Neste curso, por primeira vez, 15 institutos ofertarán o Bacharelato de excelencia en ciencia e tecnoloxía e o noso compromiso é continuar nos próximos exercicios e, de feito, o curso que ven está previsto incorporar 5 novos institutos para garantir unha extensión progresiva e de calidade deste proxecto. 

Todas estas actuacións, orientadas fundamentalmente ao Ensino medio, teñen un obxectivo claro: abrirlles aos alumnos todas as portas para que decidan por si mesmos cal queren que sexa o seu futuro.

Unha das alternativas polas que máis apostou Galicia nos últimos anos é a Formación Profesional. Convertémonos nun referente e o número de matriculados neste ano (uns 51.000 mozos e mozas) é un 47% máis alto que no curso 2008/09.

Se cada vez máis alumnos optan pola FP é porque demostrou ser un Ensino práctico, diversificado, de alta calidade e con moitas saídas profesionais. 

O 77% dos alumnos que cursan un ciclo formativo atopan despois un traballo estable, unha porcentaxe que se eleva ao 90% para unha das modalidades nas que máis confiamos: a FP Dual. Ese é o motivo de que neste ano a oferta se incrementase nun 60%, ata os 46 ciclos. 

Ademais, a comezos da próxima década xa estará funcionando a pleno rendemento unha das iniciativas máis ambiciosas no ámbito da Formación Profesional: a creación do Campus FP de Vigo. Neste mesmo ano comezarán a traballar en rede os 16 centros que imparten formación profesional nesta área, e en 2020 entrará en funcionamento o centro neurálxico do Campus, o chamado FP Hub.

Engadir a Formación Profesional, xunto con Educación e Universidades, ao nome da nova Consellería é unha declaración explícita de intencións. 

Darlle á Formación Profesional o maior impulso da nosa historia vai da man da outra gran alternativa para continuar os estudos: a Universidade. Este Goberno ten moi clara a formación universitaria que quere ofrecer aos galegos de mañá:

Queremos unha Universidade accesible, e por iso as taxas levan nove anos conxeladas e este ano reducimos as dos másters habilitantes, que xa son iguais que as dun grao universitario.

Queremos unha Universidade preparada para o futuro, e por iso estamos a analizar a evolución dos perfís profesionais. En función deles adaptarase a oferta docente, con medidas como o lanzamento de 14 graos universitarios novos ata 2020, cinco deles neste mesmo curso.

Queremos unha Universidade ben coordinada, e que as tres institucións que temos en Galicia teñan unha oferta complementaria. 

Imos polo bo camiño, como demostra o lanzamento do primeiro grao interuniversitario, e seguiremos traballando con iniciativas como a construción do gran nexo de unión do Sistema Universitario de Galicia: o Edificio Fontán.

Queremos unha Universidade que fomente a excelencia. Nesta liña vai unha das grandes novidades deste curso: o lanzamento das Bolsas Concepción Arenal, que premiarán aos tres mellores expedientes dos tres primeiros cursos de cada grao.

Queremos unha Universidade que sexa o corazón do sistema galego de innovación. O talento xa o ten, os recursos seguirán incrementándose, e tamén os incentivos para logralo. Un deles é unha medida pioneira que me comprace anunciarlles: un novo complemento retributivo para os docentes que transfiran coñecemento á sociedade galega.

E queremos unha Universidade especializada. Froito desta aposta, única no sistema universitario español, ademais dos Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e Campus do Mar, xa temos oito campus especializados: Campus Auga en Ourense, Campus Terra en Lugo, Campus Industrial en Ferrol, Campus Crea en Pontevedra, Vigo Tecnolóxico, Campus da Cidadanía en Santiago, Campus Innova e Campus da Sustentabilidade na Coruña.

E o noso compromiso é acompañalos nos proxectos que afonden nesta especialización. Así, en 2019 lanzaremos unha convocatoria de especialización de Campus para cofinanciar investimentos que sexan necesarios para cumprir os seus obxectivos.  

O coñecemento non pode estar confinado entre catro paredes. Avanzamos cara unha Universidade máis aberta. 

Con esa mesma finalidade, a Xunta leva anos reforzando as axudas á I+D+i, en forma de bolsas, incentivos á contratación de especialistas, apoio para os grupos de investigación e centros tecnolóxicos e creando as Unidades Mixtas de Investigación.

Este camiño non remata aquí. Por iso hoxe anúnciolles dúas novas medidas para impulsar a innovación con selo galego:

A primeira, o novo Programa de Talento 2021, que agrupará as axudas á contratación e á formación, das que se beneficiarán 1500 mozas e mozos con gran potencial.

E a segunda, un importante impulso ao polo tecnolóxico e industrial do sector aeronáutico que se está a desenvolver na localidade lucense de Rozas. Este impulso plásmase en dúas medidas concretas.

Por unha banda, o impulso de novos sistemas de tráfico e seguridade aérea, que completará as actuacións que hoxe levan a cabo Indra e a Babcock e que se fará realidade nas vindeiras semanas.

E pola outra, o inicio da construción do Parque Industrial de Rozas, no que se instalarán empresas como estas, dedicadas ao desenvolvemento e produción de avións non tripulados.

Señorías, este Goberno está convencido de que a innovación debe ser un dos piares sobre os que se asente o crecemento da Galicia desta década e a que vén. 

Este rumbo pasa tamén pola captación de investimentos, tanto para que se instalen aquí novas empresas como para que as empresas que xa traballan en Galicia amplíen a súa capacidade e se modernicen, adoptando as técnicas da Industria 4.0.

A Xunta vaino apoiar con investimentos directos, pero tamén simplificando os trámites para facilitar o investimento.

No último ano avanzamos moito neste terreo, coa nova Lei de implantación empresarial e coa nova figura dos Concellos Emprendedores, á que xa se acolleron un de cada tres concellos galegos.

No 2019 queremos seguir avanzando, e por iso a Lei de acompañamento dos orzamentos que imos propoñer á Cámara regulará as Iniciativas Empresariais Prioritarias, que verán reducido á metade o seu tempo de tramitación.

O rumbo de futuro da economía galega pasa necesariamente polo apoio aos emprendedores e os autónomos, tanto apoiándoos nos primeiros pasos da súa empresa como facilitándolles a conciliación, o relevo xeracional ou que dispoñan dunha nova oportunidade para remontar o voo se fallou un primeiro intento.

O noso rumbo de futuro pasa tamén pola formación, e por iso seguiremos apostando por ofrecer cursos adaptados ás necesidades do tecido empresarial, e este será o primeiro ano en que os desempregados poden elixir o centro e o curso ao que optan. 

Outra das principais novidades neste ámbito será o programa de Segunda oportunidade para a mocidade que non estuda nin traballa, para que o abandono escolar non lles peche as portas do mercado laboral. 

Esta iniciativa axudará ás mozas e mozos nesta situación a obter as competencias básicas e a formación dixital necesarias para introducirse no mercado laboral de hoxe. 


A nosa comunidade nunca exportara tanto como nos últimos cinco anos, e o noso potencial aínda non amosa signos de esgotamento. De feito, nos primeiros sete meses de 2018 as exportacións galegas crecen un 10%, case o triplo da media española.

Tamén é esperanzadora a evolución do emprego, que ademais de ser a mellor das políticas sociais tamén é o mellor termómetro da percepción social da situación económica.

Na Galicia de hoxe hai 34.000 desempregados menos que hai nove anos.

A Galicia de hoxe leva máis de catro anos creando emprego, e no mes de setembro as afiliacións á Seguridade Social rexistraron a maior subida interanual desde 2007 (21.628 afiliados máis no último ano).

Na Galicia de hoxe sobe a contratación indefinida e a tempo completo, mentres que se reducen os contratos temporais e a tempo parcial.

Señorías, non son cifras de emprego para darnos por satisfeitos, por suposto que non, malia que estamos no camiño de cumprir o Plan Estratéxico de achegarnos aos 80.000 – 100.000 en 2020. Son mellores que as que tiñamos hai uns anos e amosan unha tendencia positiva, pero non son suficientes. 

Estes datos anímannos a insistir e persistir na liña que levamos seguindo nos últimos anos. 

Para isto esperamos contar tamén coa colaboración dos sindicatos e iniciar xunto a eles unha nova etapa do diálogo social, centrada en seguir mellorando a cantidade de emprego e tamén a calidade, coa inclusión por exemplo de cláusulas sociais nos contratos públicos. 

Estou convencido de que a mellor maneira de reivindicar a creación de emprego de calidade é facelo xuntos. Eu propóñolles impulsar de novo este diálogo, sen prexuízos, sen medos e sen barreiras, poñendo sempre Galicia por diante de todo.

Porque a sociedade galega, señorías, reclama máis consensos. Consenso para seguir apostando pola formación, estando a carón dos que crean emprego e reforzando a nosa estrutura económica de cara ao futuro. Son prioridades que non entenden de cores políticas. Compartimos metas, estou seguro de que tamén poderemos compartir camiños.

O traballo conxunto permitiunos revitalizar sectores que estiveron nunha situación crítica, como o naval e a automoción, que hoxe viven momentos moi esperanzadores. 

E o traballo conxunto espero que tamén nos permita seguir revitalizando o papel fundamental dos sectores primarios, dos que dependen milleiros de familias galegas. 

Hoxe na Galicia do mar hai máis confianza no futuro que no ano 2009.

Estas sensacións están avaladas polo récord de vendas en lonxa e de facturación que acadamos en 2017, polas mellores cifras de produción e vendas de mexillón desde 2009 e por unhas industrias conserveiras e de conxelados que cada vez facturan e exportan máis.

Sempre que o sector reclamou á Xunta, tívonos aí. Tívonos aí cando tocaba falar de normativas e de orzamentos, pero tamén cada vez que houbo que reivindicar ante Europa un tratamento xusto para a nosa frota.

Por cifras e por proxección internacional, cada vez son máis persoas as que se animan a traballar nun sector en auxe. Por iso nos últimos anos medraron as afiliacións ao réxime especial do mar (un 5% desde 2015) e se rexistrou un repunte na construción de barcos.

O desafío que temos no horizonte cando falamos do mar é afianzar a sustentabilidade e a competitividade do sector. Non esquecemos que a pesca, o marisqueo e a acuicultura deben ofrecer perspectivas claras de futuro, e por iso traballaremos para que a normativa que se produce en Europa nos sexa acaída.

Para sermos máis competitivos, debemos seguir facendo crecer o valor engadido dos produtos do noso mar. Ademais de avanzar na mellora dos portos e das instalacións dos peiraos, cómpre poñer en valor a súa altísima calidade e mellorar as canles de comercialización. E, señorías, para que nos valoren fóra temos que empezar por valorarnos nós mesmos.

No vindeiro ano imos poñer en marcha unha campaña de consumo de peixe e marisco entre os galegos máis novos, ademais de promover a dixitalización das lonxas e as vendas online e de impulsar o futuro Plan Estratéxico do Conxelado.

Existen certos paralelismos entre os desafíos que afronta a economía costeira galega e os da nosa economía rural. Neste caso, a creación de valor engadido pasa por impulsar os proxectos de transformación dos produtos agrogandeiros.

Todos coñecemos as grandes iniciativas que se están a desenvolver no sector. Cando vemos a produtores con moita experiencia no lácteo agruparse e facerse máis fortes, cando vemos que se materializan grandes investimentos de transformación como o de Inleit ou cando observamos a construción da maior planta de biomasa de Galicia, dámonos conta de que hai futuro no rural. 

Os produtores están respondendo a esa proliferación de proxectos de transformación e tamén se están modernizando. Así o pon de manifesto, por exemplo, que nos últimos dous anos case 1.300 nos solicitaran unha axuda para facer investimentos en explotacións agrícolas. 

Igualmente, cada vez son máis as mozas e mozos que, cun título universitario ou de FP debaixo do brazo, se fan cargo dunha explotación porque ven nela unha interesante oportunidade de futuro.  

Todos os novos agricultores e gandeiros teñen aberta a porta a unha liña específica da Xunta, que xa apoiou a incorporación á actividade agraria de máis de 2.600 mozos desde 2009.

Cómpre seguir alimentando este rexurdir das empresas agroalimentarias en Galicia. Nesa liña traballará a nova Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que velará pola calidade da materia prima, pola innovación tecnolóxica do sector e, sobre todo, por reforzar a formación dos profesionais agrícolas e a investigación aplicada ao sector.

Para que sexa así tamén necesitamos seguir vertebrando Galicia e mellorando a mobilidade para todos os galegos, vivan onde vivan. 

Desde o ano 2009, este Goberno incrementou un 66% a lonxitude das vías de alta capacidade. Como resultado, señorías, a día de hoxe o 80% da poboación vivimos a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións. E seguiremos avanzando, co remate da Autovía do Morrazo e da conexión do Polígono de San Cibrao coa A-52, e impulsando outras infraestruturas necesarias como a continuidade da Autovía da Costa da Morte ou a Ponte de Viveiro ou a conversión en autovía do tramo Lugo-Sarria.

Isto veu da man dun importante esforzo por mellorar as condicións de seguridade de todas as infraestruturas viarias de Galicia. 

Ademais de avanzar na estratexia de eliminación dos chamados “puntos negros”, quero anunciarlles que nesta lexislatura imos poñer en marcha un Plan de vixilancia da situación de todos os viadutos, noiros e obras de paso da comunidade autónoma. 

Esta lexislatura será tamén a da gran transformación da mobilidade en Galicia. Por unha banda, despois do éxito que supuxo a primeira fase do Plan de transporte público e partindo das leccións que aprendemos daquela, en 2019 vaise implantar a súa segunda fase.

O fin das antigas concesións supuxo e seguirá supoñendo unha oportunidade. Por iso seguiremos apostando por dúas novas modalidades cun gran potencial: o transporte compartido entre viaxeiros e escolares e o transporte a demanda, que xa están a funcionar con éxito. 

O labor de concienciación  para aproveitar máis e mellor o noso transporte público comeza xa cos galegos máis novos.

Desde 2016, xa desfrutaban da gratuidade nas liñas de transporte metropolitano, a través da Tarxeta Xente Nova; e o noso compromiso é estender a gratuidade do autobús a menores de 19 anos ao resto de Galicia e moi especialmente ao rural.

Paralelamente á mellora dos servizos seguiremos traballando na mellora das infraestruturas, moi especialmente as estacións intermodais.

A de Santiago e a de Ourense xa están en obras e serán as primeiras en finalizar; a de Vigo e a de Pontevedra vanse licitar antes de que remate este ano; a de Coruña, por desgraza, está moi atrasada polos continuos cambios de criterio do Concello; e seguimos comprometidos tamén coa chegada da intermodalidade a Lugo (onde xa está en redacción o proxecto e en tramitación o convenio entre as tres administracións implicadas), así como a Ferrol (onde a previsión é redactar o proxecto construtivo o próximo ano).

Señorías, seguiremos traballando para ter un sistema de transporte moderno e preparado para o grande fito co que rematará esta década: a chegada do tren de alta velocidade.

Unha vez que están despexadas as dúbidas que o propio Ministerio sementou, agora o que toca é levar as palabras á práctica. Non hai tempo que perder, senón tramos que rematar. Galicia merece que se cumpra coa palabra que se lle deu e que as obras do AVE rematen no último trimestre de 2019 e que os primeiros billetes se comecen a emitir no ano 2020.

Pódolles asegurar que a Xunta fará con este Goberno o mesmo que fixo co anterior: velar por que chegue a Galicia sen máis demora a mesma alta velocidade que xa hai moitos anos que desfrutan outros territorios. 

Señorías, o AVE polo que levamos pelexando durante décadas é moito máis que o simple desexo de achegar distancias ou aumentar a competitividade. No fondo representa o noso xeito de ser. 

A mesma razón que nos fixo defender as autovías nos anos 90.

A mesma razón pola que investimos máis que nunca en tecnoloxía para que o 100 % dos galegos teña banda larga, e seguimos traballando para que teñan as modalidades de última xeración.

Defendemos as comunicacións porque somos un pobo aberto. 

Unha das definicións máis fermosas do noso país recolle un sentimento que sempre marcou as diferentes iniciativas galeguistas, e que creo que tamén define a inmensa maioría de Galicia nos nosos días. 

Corresponde ás Irmandades da Fala cando se referían ao noso país como «célula de universalidade». Querían expresar que a Galicia na que soñaban baseaba a súa importancia no seu propio ser, pero tamén na súa proxección. É unha emenda á totalidade á idea dunha comunidade cativa e ensimesmada. 

Optar pola Galicia aberta en lugar dunha Galicia pechada ten un eco que chega ata nós e que temos a obriga de ampliar e transmitir. 

A mellor oportunidade no futuro máis inmediato é o Xacobeo 2021. Antes díxenlles que está chamado a ser un novo punto de inflexión na nosa historia.  

Foino, sen ningunha dúbida, cando se inventou, en 1993; e tamén noutros momentos, como en 2010, cando supuxo un revulsivo nun momento económico dificilísimo.

E queremos que tamén en 2021 sexa, de novo, un antes e un despois. 

Precisamente a Consellería de Cultura e Turismo recentemente creada terá na organización do Xacobeo o seu principal cometido.

Conta para iso coa mellor situación turística posible, xa que Galicia é cada vez un destino máis apreciado. 

En 2017 superamos por primeira vez os 5 millóns de turistas e os 300.000 peregrinos. 

Veñen a Galicia, gústalles e repiten, e con maior intensidade xa que gastan máis e quedan máis días, segundo se está confirmando neste 2018. Por certo, a diferenza do conxunto de España, onde baixa a estadía media. 

Contamos tamén cunhas liñas de traballo moi avanzadas, definidas entre a Xunta e o sector, ao que lle quero transmitir os parabéns de todos os galegos polo seu esforzo para facer un destino cada vez máis competitivo e de máis calidade.

Non en van, o noso turismo é cada vez máis internacional, con peregrinos de 170 países. 

O noso turismo está cada vez máis desestacionalizado, cunha tempada baixa e media cada vez máis importante. 

O noso turismo está cada vez máis recoñecido. Velaí, por exemplo, os nosos Patrimonios Mundiais, unha lista á que agardamos que pronto poidan sumarse Cíes-Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra, así como o Ferrol da llustración. 

E o noso turismo está cada vez máis especializado, e nos próximos meses esperamos estalo aínda máis a través do Plan de Turismo Rural e o Plan Enogastronómico. 

E, por suposto, señorías, contamos cos Camiños de Santiago, o noso principal recurso cultural e turístico, unha marca que nos identifica e que proxecta a imaxe de Galicia en todo o mundo. E que imos seguir reforzando.

Temos moito traballo feito xa a través do Plan director dos Camiños de Santiago, que nos últimos tres anos permitiu poñer ao día a maior parte das rutas a Compostela. 

A renovación da Catedral e moi especialmente do Pórtico da Gloria foi un impulso moi importante en Compostela, do mesmo xeito que o foron as remodelacións das catedrais noutras cidades galegas.

Imos desenvolver o Plan de Rehabilitación dos BICs do Camiño e estamos adecuando as entradas a Santiago para que dean a mellor das benvidas aos peregrinos;

E grazas a eventos como o Festival O Son do Camiño, milleiros de persoas poñen os seus ollos e oídos en Galicia e o que está por vir.

E xunto a isto, Galicia conta cun sector cultural diverso e dinámico, que dá emprego a arredor de 30.000 profesionais, que se verán representados na primeira Estratexia da Cultura Galega que se presentará nas vindeiras semanas. 

Contamos con todo iso pero un proxecto de país como é este debe contar con algo máis: a implicación de todos. O Xacobeo 2021 ten que ser o mellor da nosa historia. E todos os galegos temos que implicarnos en acadar este obxectivo.

Señorías, cando debía de prepararse o anterior Xacobeo, entre 2005 e 2009, eu estaba na oposición en Galicia. Naquel momento, ninguén nos preguntou se tiñamos algunha idea e tería sido positivo porque, se cadra, iniciaríanse con máis antelación proxectos que logo levamos adiante cando fun presidente. 

O Xacobeo 2021 é unha oportunidade histórica para amosar a nosa cultura, todo o que temos e podemos ofrecer, a nosa forma de ser, de estar, de facer: Galicia é calidade.  Debemos entendelo como o que foron para Barcelona os Xogos Olímpicos ou a Expo para Sevilla. Non é unha cuestión exclusiva de Goberno. É de país e por iso debemos deseñalo entre todos. 

Así, o Xacobeo 2021 será un proxecto aberto: aberto a todos os partidos con representación neste Parlamento, e para iso propóñolles crear un grupo de traballo no que poidan trasladar as súas achegas. 

Aberto, obviamente, ao Goberno central. Por iso pido que manteña os compromisos de anterior e que se implique na preparación dun Xacobeo que beneficiará o conxunto de España, e así llo trasladarei ao ministro de Cultura na reunión que manteremos este mes. 

E, por suposto, aberto tamén a todos os galegos, e por iso imos lanzar O teu Xacobeo, un espazo no que todos os galegos poidan facer chegar as súas ideas para o vindeiro Ano Santo. Porque para que sexa o mellor Xacobeo tamén ten que ser o máis participativo. 

Señorías, a Galicia aberta que inspirou e segue inspirando o espírito xacobeo é o noso modelo. Porque a acción dun goberno debe corresponderse coa imaxe do país.

Hai correntes políticas con representación minoritaria neste Parlamento que parece no fondo se senten máis preto doutros pobos que do seu. Eu síntome orgulloso de Galicia. 

Non preciso refuxiarme en visións nostálxicas nin apropiarme dos vellos galeguistas porque son de todos. Por poñer un exemplo de actualidade, Castelao é seu –si-, pero tamén seu, e seu e seu, e meu. É de todos os galegos. Por iso, abrimos a exposición Castelao Maxistral para que cada cidadán o teña á súa disposición. Sentímonos orgullosos de todo o que significa Castelao para todas as galegas e galegos. 

A cultura non pertence a ningún goberno, partido ou ideoloxía. O que debemos facer coa política non é apropiarse senón protexer e difundir aos autores e artistas galegos, históricos e contemporáneos, e farémolo coa creación do Legado artístico de Galicia. 

Señorías, eu síntome orgulloso de Galicia como é: libre e aberta.

Somos un pobo emigrante e ademais vivimos nun mundo globalizado. A que historia e a que contexto responden os que defenden unha Galicia pechada? Somos un pobo pacífico que sempre defendeu a convivencia, fronte a ideoloxías cómodas na división. Non, señorías, Galicia non debe romper vencellos, debe tecer vencellos novos. 

Os galegos de hoxe e os galegos de onte, do mesmo xeito que os galeguistas históricos, rexeitamos o illamento da nosa terra. A vocación universal de Galicia, que nace cos Camiños de Santiago, obriga a que neste Debate sobre o Estado da Autonomía ocupen un espazo as referencias ao contexto nacional e internacional.

Máis Europa, máis España, máis Galicia. Velaí, señoras e señores deputados, os tres vértices do modelo galego de autogobermo que nos propoñemos afianzar. Cada un implica ao outro. Galicia será tanto máis forte canto o sexan España e Europa, da mesma maneira que unha España e unha Galicia estables reforzan a Unión Europea.

O autogoberno galego sitúase inequivocamente do lado das fórmulas que queren darlle a Europa un papel decisivo no mundo global e multilateral. Como país fundador do europeísmo, Galicia non se conforma cun espazo europeo que sexa só económico ou arancelario porque entende que unha Europa así, desprovista de cohesión política e social, corre o risco da irrelevancia. A irrelevancia europea supoñería, tarde ou cedo, un hándicap para o noso desenvolvemento.

Por outro lado, o autogoberno galego nace da confluencia de tres vectores. O impulso histórico do galeguismo, a vontade do pobo galego e tamén a democracia española. A España democrática e constitucional garante os dereitos de Galicia e os equilibrios territoriais da nación española, e polo tanto toda rebelión ou sedición contra o Estado constitucional é un ataque directo á autonomía galega. 

O Estado somos todos. Galicia e os galegos somos afortunadamente unha nacionalidade histórica no Estado, e ese Estado tamén nos pertence.

Fronte a identidades que buscan a antítese, a nosa procura a síntese. Fronte a nacionalismos que non toleran a convivencia, o galeguismo é inclusivo. Por iso, creo que falo en nome da maioría dos galegos cando digo que vexo con tristura, con bochorno e con amargura o que está ocorrendo en Cataluña. 

Aqueles que cren que aí está un modelo a seguir, pódenme explicar que é o que buscan? Buscan unha Galicia de lazos amarelos? Buscan unha Galicia de CDRs, vandalismo e violencia? Buscan unha Galicia de familias divididas e amigos enfrontados? De verdade é esa a Galicia que queren? 

Señorías, a min esas situacións non me xeran ningunha envexa, senón un enorme pesar e preocupación. 

Non quero que se perverta o debate. Non estamos, como algúns pretenden, nunha pugna entre territorios, senón nun contraste entre valores e principios. Democracia fronte a intolerancia. Legalidade fronte a arbitrariedade. Identidades do século XXI fronte a outras rescatadas do XIX. Liderados políticos democráticos fronte a mesianismos. Parlamentos como este, abertos ao diálogo con toda normalidade, fronte a Parlamentos pechados para impedir o debate. 

Non podemos aceptar que se coloque á mesma altura a quen ataca o Estado e a quen o defende, como se está a pretender. Nese dilema, non hai unha suposta posición intermedia. 

Nunca me neguei nin me negarei a abordar as necesidades específicas das comunidades. Cando outras estaban en peor situación que Galicia apoiamos que se aprobaran fondos de rescate para elas. Galicia é un pobo emisor e tamén receptor de solidariedade.

Tampouco me opuxen nin me oporei a falar das  lexítimas aspiracións de máis autogoberno que teña calquera autonomía. Galicia tamén as ten, como demostramos cando pedimos a lóxica transferencia da AP-9 ou cando propuxemos activar a Comisión Mixta entre Galicia e o Goberno central. 

O galeguismo reformista non é incompatible coa democracia española, pero os nacionalismos intolerantes teiman en acabar coa democracia e, por suposto, dámoslle absolutamente igual o resto das comunidades. 

Pensar que se pode chegar a algún acordo con esa postura tan radical é completamente inútil. E o certo é que estamos sufrindo o resultado. 

É hora de dicir que o independentismo non ataca a unha España centralista, senón a unha España democrática, plural e autonómica na que queren convivir a maioría dos cataláns. Nese conxunto nacional está Galicia, e polo tanto os dereitos dos galegos están sendo igualmente agredidos. É hora de dicir e dicimos que non poden pagar xustos por pecadores, nin cumpridores por incumpridores, nin responsables por irresponsables. 

Non comprendemos que provoque escándalo a aplicación da Constitución e non a insurrección permanente da Generalitat, ou os favoritismos fiscais do Goberno da Nación.

Non teñen cabida pasos que vaian mais alá do conxuntural, para comprometer a cohesión ou perpetuar situacións de rebeldía. Ningún Goberno circunstancial pode negociar o que é a cerna do Estado. 

Por iso prodúcenos inquedanza que esa outra compoñente da organización estatal que é o Goberno da Nación sexa un Executivo atado por compromisos opacos, hipotecado por acordos que descoñecemos, e dependente do independentismo. 

Non entendemos que un Estado que é de todos teña que pagar o pecado orixinal dunha moción de censura lexitima, pero aupada por aqueles que só tiñan o obxectivo común de derrubar ao Goberno saído das urnas do Presidente Rajoy. Unha vez acadado ese obxectivo e tamén o de chegar á Moncloa fose como fose, a pregunta que cada vez máis españois se formulan é para que? que se pode construír con esa maioría circunstancial? Como se está vendo, moi pouco. Soamente hai que escoitar a razón da convocatoria anticipada das eleccións andaluzas: inestabilidade. E en relación co Estado das autonomías o que se pode esperar é nada.

No debate territorial as nosas preguntas son e serán teimosas: Cal é o interese de Galicia? Garántese a cohesión? Confunde diferenzas naturais con privilexios? Debilítase ou fortalécese España como espazo democrático compartido? Trátase de solucionar problemas ou de xerar controversias estériles? 

As mesmas preguntas deben ser respondidas ante unha posible reforma da Constitución. A este respecto, téndese a incorrer no mesmo pecado que os buscadores da pedra filosofal. Non existe unha ‘reforma filosofal’. 

Creo que se pode mellorar, e de feito gustaríame que se reactivaran os traballos da ponencia encargada de avaliar a reforma do Senado, un asunto que debería ser prioritario nunha hipotética modificación da nosa Carta Magna. Pero non considero axeitado embarcar ao país nun proceso tan arduo sen coñecer a ruta, o destino, e a tripulación. 

Tampouco me gusta que se mesture este tema coa idea de que que o Estado das Autonomías fracasara, por máis que sexa mellorable e adaptable grazas precisamente á súa flexibilidade. 

Pregúntome se non tería sido un despropósito considerar que o sistema democrático era un fracaso, aportando como proba o golpe de Estado do 23-F. Pregúntome igualmente se tería sido sensato adaptar a Constitución co obxecto de contentar os golpistas. Nin se entendería naquel momento nin tampouco se entende agora. 

Señorías, Galicia chega a este punto da súa historia co orgullo de protagonizar un éxito colectivo.

Galicia, como parte de Europa e da España de hoxe, experimentou unha transformación fonda e transversal. En moi pouco tempo a palabra «atraso» deixou de ser definitoria da nosa política, da nosa sociedade e da nosa economía.

A conversa social, o debate político e os estudios teóricos son semellantes aos que teñen lugar en calquera lugar do mundo máis desenvolvido. Agora falamos —como faremos ao longo deste Debate— de cousas que poden mellorar, pero nin sequera os máis agoreiros falan do atraso da nosa sanidade, dos nosos servizos sociais, das nosas escolas ou universidades ou da nosa economía. 

Velaí un logro galego ao que non debéramos escatimar louvanzas, nin tampouco esquecer que ten a súa orixe nunha Transición española e galega modélica que buscou e logrou a confluencia de vontades, como dixen ao inicio da miña intervención. A memoria histórica non debe esquecer, en efecto, a páxina negra que supuxo a ditadura franquista, pero tampouco que houbo unha reconciliación, e que ninguén ten dereito a desfacela.  

Señorías, naquel momento histórico deputadas e deputados coma nós sacaron Galicia adiante evitando sucesos traumáticos. E esa responsabilidade hoxe témola todos. 

A política ten consecuencias. A boa política ten consecuencias boas. A mala política ten consecuencias malas. 

Estámolo vendo decote en territorios da Unión Europea e na propia España. Países e comunidades cun elevado nivel de liberdade e benestar, ven comprometida a súa convivencia por culpa de políticas que soamente buscan satisfacer a líderes egocéntricos. Hai unha política que se fai coa xente e para a xente, e outra que sacrifica á xente no altar de aventuras ilusorias.

Xunto ás xa coñecidas categorías políticas, hai outra que nestes tempos adquire unha gran importancia. É a que separa a responsabilidade da irresponsabilidade. Un político situado na responsabilidade poderá cometer erros pero nunca poñerá en perigo os alicerces da convivencia, mentres que o irresponsable ten unha capacidade destrutiva incalculable. 

O político responsable nunca dirá «o pobo son eu»; sempre se vai considerar un delegado provisional da soberanía popular. O irresponsable caerá na tentación de sentirse un mesías, emperador ou caudillo ao que todo lle está permitido.

Eu optei pola responsabilidade. Malia ser depositario dunha maioría popular, electoral e parlamentaria elocuente, nin dixen nin direi que Galicia son eu. Sorpréndeme e mesmo me escandaliza que outros dirixentes se arroguen unha representación exclusiva e excluínte do patriotismo nacional, autonómico ou local. Non o farei nunca. 

Tampouco promovín nin promoverei conflitos, nin confundirei xestión e actuación escénica, nin tampouco practiquei nin practicarei ese estilo de goberno consistente en facer que se fai. Galicia non quere gobernantes que simplemente estean no Goberno, senón gobernantes que gobernen.

Eu comprometinme a defender Galicia e estouno a facer e vouno a seguir facendo. Tratando sempre de mellorala, pero respectando como é e preservando a súa liberdade.

Para que sexa completamente libre, son consciente de que é preciso seguir traballando nun eido que aínda nos condiciona: a violencia machista. 

Temos moitos recursos a disposición das vítimas pero a proba de que seguen sendo insuficientes ten nome propio: Magdalena, María Judite e Ana Belén, as tres mulleres asasinadas no que vai de ano. 

O pacto alcanzando a nivel nacional convócanos a todos para seguir traballando e nós farémolo. Sen ir máis lonxe, o vicepresidente acudirá a próxima semana ao Senado en representación de todas as comunidades por este tema. 

E ademais de defender a nosa posición, tamén seguiremos actuando: poñendo máis instrumentos para as vítimas, como as Oficinas de Atención e  unha quenda de oficio de psicólogos; cun programa de axudas aos menores de 25 anos que sufran esta lacra; e tamén previndo con máis programas de educación aos mozos e cun Plan contra as agresións sexuais para que todos os homes entendan que non significa non. 

Señorías, Galicia está decidida a usar a súa liberdade para lograr máis igualdade, do mesmo xeito que o está  para quererse máis e protexer máis a súa riqueza natural. 

Para chegar máis lonxe e seguir progresando no eido rural e no urbano. 

Para continuar mellorando os seus servizos públicos 

E para abrirse máis ao mundo. 

Con esa liberdade chegamos ata aquí, e libremente seguimos sendo un pobo con identidade e cultura propias. 

A liberdade é o contrario da imposición e por iso, os galegos somos e sentímonos libres de falar en calquera idioma. 

Para que esta liberdade poida facerse efectiva, é necesario seguir mellorando as competencias lingüísticas dos galegos. Máis do 97% dos galegos entendemos  galego e podemos falalo e lelo, a mellor cifra da nosa historia. Para seguir mellorando, especialmente en habilidades de escrita, a Xunta está a facer unha importante aposta para que os certificados Celga —e a formación necesaria para obtelos— poidan obterse en liña.

Que o galego sexa a lingua cooficial que máis se coñece non nos fai esquecernos de que o gran reto pendente é promover o seu uso, especialmente entre a mocidade e no ámbito urbano. Para iso puxemos en marcha unha innovadora campaña de promoción en festivais de verán e seguimos traballando no ámbito empresarial. O galego, señorías, é unha lingua axeitada para os negocios, e que ofrece ademais unha importante proxección internacional, dado que nos une con 250 millóns de cidadáns no ámbito da lusofonía.

A maioría de Galicia non fai distingos entre os seus fillos, nin fai depender a súa forza da xenreira. É o noso un modelo afectuoso e firme que non precisa inventar constantemente querelas para manterse en pé. 

Neste momento esa liberdade é máis necesaria que nunca. Non só para afastarnos de modelos alleos que son destrutivos senón tamén porque xorden correntes aquí que pretenden polarizar o noso xeito de ser. 

Nin aqueles que afirman que o castelán desapareceu de Galicia nin aqueles que queren impoñer o galego coñecen realmente Galicia. As galegas e os galegos escribiron nestes anos de liberdade autonómica o seu propio modelo, baseado na cordialidade e na moderación. 

Ningún galego se sinte inimigo do seu veciño. Ningún galego é estranxeiro para outro galego. Ningún galego está excluído da aventura colectiva na que todos estamos embarcados. 

Neste novo contexto que en parte fai lembrar o antigo, Galicia sitúase de novo coa democracia, coa estabilidade, coa apertura e coa identidade que nos aproxima aos outros. Galicia volve afastarse dos modelos inestables, das políticas frívolas e dos políticos que disimulan o seu medo a gobernar a realidade con ficcións que levan á pobreza, á división e á frustración. 

Señorías. Os galegos preferimos o respecto e a convivencia, a coherencia e o compromiso. Os galegos somos xente de palabras e xente de palabra. 

Galicia non é un lugar de paso na historia. Somos un dos pobos máis antigos. Pero o futuro non está escrito. O capítulo da nova década, a Galicia do Xacobeo 21 propoño escribila entre todos. 

Esa Galicia do Xacobeo 21 á que temos que chegar con todo o noso orgullo: con menos impostos, con máis crecemento de xeito ordenado e igualitario. 
 

Te puede interesar