José Luis Gómez: "Afrontar a dixitalización é inevitable para todos"

Entrevista ao xornalista José Luis Gómez, premio Diego Bernal 2023 e fundador e editor do xornal dixital Mundiario, que cumpre o seu décimo aniversario

O periódico dixital Mundiario celebrou onte na Coruña a festa do seu décimo aniversario na que, entre outros actos, se fixo entrega ao xornalista alemán Carsten Moser do I Premio Mundiario de Periodismo, subliñando o carácter “global” do xornal que fundou José Luis Gómez, “nun momento complicado, entre 2012 e 2013, cando estabamos nunha destas crises”, explica o editor, que hoxe reúne a máis de medio milleiro de articulistas nunha publicación de “análise económico e político” que continúa medrando, “paseniño”, noutros mercados..

Cal é o xermolo de Mundiario?

Foi a raíz dunha conversa con Antonio Sangiao. En realidade, a miña aposta pola prensa dixital comeza en 1999 con xornal.com. Naquela altura apostamos por unha fórmula en clave galega; no 2013 a aposta foi por un produto de opinión, de análise. 

Como é a publicación dez anos despois da estrea?

Temos unha estrutura xornalística, que é a que dá cobertura á información, mais o noso forte son os máis de 500 colaboradores en 25 países, que son analistas, economistas, profesores universitarios. Avanzamos na especialización e na diversificación. Dez anos despois, estamos consolidados. Penso que hai necesidade de explicar unha realidade que é complexa e, por veces, mesmo contraditoria.

Especialización e diversificación, como se combina iso?

No noso caso é a base da sostibilidade do medio. Xunto ás opinións e ás análises fomos desenvolvendo outra oferta. Por exemplo, sacamos adiante a edición especializada en información de cine e series, que nos dá moi bos resultados. Desde a pandemia, cando baixou moito a publicidade, exploramos outras vías de ingresos. E, dado que temos moitos autores, podemos editar libros. Así se naceu Mundiediciones, a través da cal temos acordos con Amazon, con El Corte Inglés e La Casa del Libro. Está indo razoablemente ben. Ademais, empezamos a crear edicións de Mundiario noutros países; a primeira é Costa Rica, onde contamos cun socio. Imos seguir por ese camiño, mais con prudencia. 

Seguimos en crise…

Si, unha pandemia, unha guerra, pode botar abaixo todo. Estamos pasando por iso. Sabemos que fixemos moito, pero seremos moderadamente audaces neste momento. Imos paseniño. E nos próximos anos, seguiremos indo así. Cando naceu Mundiario andabamos nunha das primeiras crises, pero seguimos nelas, si.

 Que é o que vai facer Mundiario nos próximos anos?

Temos grandes analistas, pero de 50 ou 60 anos a maioría. A curto prazo, reforzaremos a nosa aposta con analistas máis mozos. En xeral, penso que os xornais precisan máis mulleres e máis xente nova. Son mudanzas que se están producindo na sociedade e ás que temos que saber responder.   

Desde o punto de vista dun xornalista con experiencia de catro décadas en postos de dirección en grandes medios e con iniciativas de innovadoras no mundo dixital, por onde han de camiñar a prensa en papel?

No que respecta á prensa impresa, penso que quedaran medios de elite. Digamos que haberá periódicos con menos tirada e moi influentes en ámbitos como o financeiro, por exemplo. E tamén haberá periódicos locais. Os referentes en papel continuarán. Aí temos marxe. Mais afrontar a dixitalización é inevitable para todos. Estamos en procesos sociais que levan o seu tempo. Pero hoxe en día o público máis mozo xa non accede ás novas a través de webs, faino directamente a través de redes... mesmo TikTok.  

Como ve neste momento os xornais locais de cara a un futuro inmediato e dentro deses procesos de cambios sociais dos que fala?

Coñezo ben outros medios en Galicia e en España e coñezo La Región porque teño o privilexio de escribir todas as semanas unha páxina de economía. Soubo facer a súa reconversión en tempo, antes que moitos outros medios no contexto galego. Penso que ten unha estratexia de diversificación atinada: por un lado, ten unha edición impresa que é líder na capital e na provincia de Ourense; e, por outro, ten un proxecto innovador en Internet na procura doutros públicos. E grazas a estas dúas patas, terá a oportunidade de desenvolver outro tipo de actividades complementarias, que é a liña a seguir, aquí está unha das claves do futuro dos medios. La Región está desenvolvendo eventos moi importantes que, por outra parte, reforzan o seu liderado e a súa influencia. La Región é un medio que conta con esa capacidade de xerar conversa pública.

Te puede interesar