Luísa Villalta, poeta “esixente pero apaixoada”

Luísa Villalta (Arquivo familiar).
photo_camera Luísa Villalta (Arquivo familiar).
Amigos e colegas definen a Villalta como unha intelectual “humilde” que tocou, con acerto, todos os paus culturais

Luísa Villalta foi algo así como unha artista renacentista, “davinciana”; unha intelectual “humilde” que tocou, con acerto, todos os paus culturais posibles: articulista, dramaturga, música de cámara e poeta, a súa vertente máis prolífica. Todo iso valeulle o recoñecemento como homenaxeada este 2024 co Día das Letras Galegas.

Así a definen amigos e colegas que reivindican a figura dunha artista “total”, reflexiva e pasional a un tempo.

“Recordo dela a súa lucidez como intelectual e a súa versatilidade como creadora. Era unha persona moi cortés, de opinións firmes, pero talante dialogante. Sorría e observaba, pero cando opinaba, o seu criterio iluminaba a conversación. Era moi amiga dos seus amigos e sempre estaba disposta a colaborar nas causas que consideraba xustas”, lembra o investigador do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo, editor ademais do único volume que reúne toda a obra poética de Villalta, “Pensar é escuro”.

“Era un poeta conceptual, na que o pensamento, a mensaxe, estaba por riba de todo. Ensaiaba estéticas moi diversas, conxugando tradición e modernidade. Concecuentemente, tamén como artista integral e intelectual comprometida, hai na súa posición moito de filosófico, de cuestionamiento ético e de radicación identitaria”, reflexiona Requeixo.

Para a tamén poeta Yolanda Castaño, colega e amiga, Villalta tentaba sempre “equilibrar a dose precisa e exacta de intelección e impresión emocional”. “Era rigorosa e á vez manexaba a sutileza da creatividade, da intuición e do xenio”, comenta.

Consciente e coherente

Coinciden as voces consultadas en resaltar a esixencia e rigorosidade de Villalta, atributos que non lle impedían imprimir nas súas creacións o seu compromiso social, “sempre coherente coa súa posición intelectual e a súa acción pública”.

“É unha escritora moi consciente. Toda a obra que escribe en apenas 20 anos dá mostra da responsabilidade coa que constrúe o seu proxecto literario. A razón e o pensamento articulan a súa indagación literaria, unha obra na que o coñecer, o comprender, o camiño ao coñecemento é motor principal”, destaca a xornalista e académica da Real Academia Galega, Ana Romaní.

Aproveitando o 20 aniversario do seu prematuro falecemento por unha meninxite fulminante, con tan só 46 anos, a RAG homenaxea este 17 de maio á que definen como unha das grandes figuras da literatura galega da segunda metade dos anos 80 e primeiros dos 90, con máis de 25 obras publicadas, colectivas e individuais, de todos os xéneros e algunhas delas póstumas.

“Desenvolve un proxecto interxenérico. Ademais de poesía, escribe literatura dramática, narrativa, ensaio e xornalismo de opinión. Esta amplitude subliña a dimensión integral do seu proxecto literario. Unha obra de gran coherencia con textos interconectados que emerxen dun mesmo núcleo: a paixón creadora na vontade da razón”, explica Romaní.

Precisamente compromiso, identidade e poesía danse a man nunha das súas obras póstumas máis aplaudidas, que vira ao redor da súa forte vinculación a cidade que a viu nacer, A Coruña, “a cidade alta”, como ela chamábaa. En “Papagaio”, colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira, Villalta pon voz, en forma de rimas, ao derrubamento e reconstrución do céntrico barrio coruñés do papagaio, zona marcada até os 2000 pola prostitución e o tráfico de drogas.

Porén da súa prolífica carreira, é notoria a falta de investigación e análise da súa figura, coñecida na cidade herculina e os seus arredores, especialmente en Sada, onde impartiu clase no instituto, e entre as últimas fornadas de poetas galegos, que a admiran e tómana como exemplo, pero non tanto a pé de rúa.

A este respecto, Requeixo puntualiza que “a maior parte das veces, os grandes estudos e biografías fanse a autores xa dunha certa idade e con toda unha vida literaria desenvolvida”. Para Castaño, a “prematura” partida de Villalta fixo moi complicado “anticiparse á sistematización do seu traballo”.

O mundo literario

Romaní vai un pouco máis aló e inclúe a variable da velocidade no mundo literario. “Ocorre con outros nomes da nosa literatura. Manter viva a obra e a figura unha vez que o autor falece é complicado cando o que fai mover o mundo literario é a novidade e autores moi activos no espazo público. O mercado imprime unhas dinámicas que fan difícil a pervivencia dos libros e o interese polas obras máis aló das efemérides ou homenaxes. Se non se trata, claro, de figuras canónicas ou clásicos”.

Colegas e coñecidos coinciden en mostrarse optimistas ante a posibilidade de que o recoñecemento outorgado co 17 de maio sirva para achegar un pouco máis o traballo de Villalta á sociedade galega en conxunto.

“Esperemos que a celebración deste ano axude tamén nese mesmo camiño de ampliar e facilitar o coñecemento. Porque non creo que sexa un poeta moi coñecida. Mesmo no período da súa vida de maior actividade literaria e pública. Finalmente a presenza e proxección pública das escritoras galegas (fose do ámbito estritamente literario) é relativamente recente e para iso poucas autoras teñen unha presenza social relevante que facilite ese recoñecemento. A literatura galega segue ocupando un lugar secundario no mercado do libro e na súa divulgación”, lamenta.

Te puede interesar