ANIMALISTAS

Máis de 140.000 persoas firman por unha Lei Galega de Protección Equina

A iniciativa, impulsada a través da plataforma Change.org, aspira a mellorar o benestar dos cabalos, burros e asnos

A Fundación Franz Weber e a Asociación Animalista Libera reuniron algo máis de 141.600 firmas para reclamar protección para os équidos en Galicia e unha Lei específica, debido a que a nova Lei de Benestar Animal exclúe a esta especie do seu ámbito de actuación.

As entidades animalistas consideran que a normativa actual non se axusta aos criterios que reclaman, e que pasan por medidas como a prohibición do seu uso en espectáculos de circo, onde o veto actual afecta a especies silvestres en catividade, ou á regulación da súa "desgraciadamente habitual" explotación en atraccións e carruseis.

A iniciativa, que foi impulsada a través da plataforma Change.org, aspira a mellorar o benestar de cabalos, burros e asnos, a partir de medidas como a creación dunha Lei de Protección Equina, e contou co apoio de organizacións como o Refuxio de Cambados e Vox Ánima.

Os animalistas demandan tamén que se establezan medidas preventivas para erradicar os malos tratos continuados que, alertan, supoñen prácticas como a colocación de cadeas ou cordas nas patas dos cabalos e que os someten a "un tormento prolongado que pode causar graves feridas".

Libera e FFW engaden que existe unha "profunda vontade cidadá" para tratar ao maior número de especies animais de forma responsable, polo que mostran a súa incomprensión ante a exclusión dos équidos da Lei de Benestar Animal de Galicia ou dos decretos vixentes sobre a ordenación zoosanitaria do gando equino.

A maiores, as asociacións animalistas propuxeron á Consellería de Medio Rural, departamento competente nesta materia, unha serie de criterios sobre a participación de équidos en reunións cabalares que se celebran en Galicia, e que incluirían como novidade a presenza de veterinarios independentes, se sae adiante a proposta orixinal, ademais de "erradicar o seu uso como elementos de doazón, poxa ou agasallo en feiras e festas".

Precisamente, tamén piden que se abra un debate sobre o trato que reciben os cabalos no marco das chamadas "Rapas", ao entender que a actividade, que se converteu "nun espectáculo de pago nalgúns municipios", "debería estar regulada".

Te puede interesar