SALUD

En Marea denuncia a morte dunha muller nos corredores do servizo de urxencias do CHUS

un suceso que "evidencia" que "os recortes están a afectar seriamente a saúde e a propia vida das persoas"

En Marea denunciou o falecemento dunha muller nos corredores do servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); un suceso que "evidencia" que "os recortes están a afectar seriamente a saúde e a propia vida das persoas".

Nun comunicado emitido este sábado, En Marea indicou que pedirá "explicacións e responsabilidades" ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, por este suceso, que "se suma" ao "colapso case permanente" das Urxencias de Ourense.

Así, tras convidar á cidadanía a que "denuncie posibles casos de desatención", o portavoz parlamentario do partido instrumental, Luís Villares, chamou aos poderes públicos a "reflexionar" para pór "medios e persoal necesarios para garantir o dereito fundamental da Sanidade". "Coa saúde da xente non se xoga", apostilou.

Pola súa banda, a vicepresidenta segunda do Parlamento galego e deputada de En Marea, Eva Solla, asegurou que o caso do CHUS é de "extrema gravidade" e que a situación dos servizos de urxencias nos hospitais galegos xa foi denunciada "en diversas ocasións".

"Imos pedir explicacións á Consellería por este novo caso, nun fin de semana que se suma á petición de comparecencia urxente presentada hoxe polos grupos da oposición para dar explicacións do que está a pasar en Conxo", manifestou Solla.

Te puede interesar