Moción de censura

Fernán Vello, de En Marea: "O noso respaldo é absoluto"

"Temos a obriga democrática de terminar cun partido cheo de corrupción e cuestionado no plano xudicial e social", declarou o portavoz de En Marea nas Cortes

Os deputados de En Marea no Congreso expresaron o seu "respaldo absoluto" e "sen paliativos" á moción de censura contra o goberno de Mariano Rajoy, rexistrada o pasado venres polo Partido Socialista logo de coñecerse a sentenza xudicial sobre a trama Gürtel na que a Audiencia Nacional condena ao PP como partícipe a título lucrativo dunha rede de corrupción.

"Temos a obriga democrática de terminar cun partido cheo de corrupción e cuestionado no plano xudicial e social", declarou o portavoz de En Marea nas Cortes, Miguel Anxo Fernán Vello, quen apuntou que os cidadáns "senten unha enorme indignación e vergoña diante do espectáculo lamentable que se deriva da sentenza xudicial".

O cinco parlamentarios rupturistas, integrados no Grupo Confederal de Unidos Podemos, ofreceron declaracións aos medios este sábado na compostelá Praza do Obradoiro, onde chamaron a acabar coa "peste de corrupción que arrasa ao PP e ao Goberno do Reino de España".

"Debemos reaccionar con dignidade política para sanear o estado de putrefacción xeneralizado que provocou o PP nos últimos anos e que agora no plano xudicial vese absolutamente fixado e contrastado", incidiu Fernán Lanuxe, que remarcou o compromiso de En Marea para "contribuír á necesidade imperioso da rexeneración democrática e institucional" no Estado.

Nesta liña, sinalou que apartar ao PP do Goberno é "unha obriga democrática" porque non pode continuar á fronte do Executivo "un presidente que mentiu en sede xudicial" e que pertence a un partido que "se financiou de maneira ilegal" durante "case 20 anos" a través de "unha práctica criminal", como recoñece a sentenza da Gürtel.


Eleccións?


Fronte á posibilidade de que o PSOE acceda a convocar eleccións para, deste xeito, sumar o respaldo de Cidadáns á moción de censura e non ter que depender dos partidos independentistas cataláns; En Marea remarca que o seu apoio se cingue á citada moción para desbancar de Moncloa ao "partido máis corrupto de Europa".

"Apoiamos a moción de censura, que é un dereito democrático e pensamos igual que hai un ano, que era obrigatorio diante da situación excepcional de gravidade no plano político e ético", incidiu Fernán Lanuxe.

Así, ante os escenarios que se abrirían no caso de que a moción salga adiante, o deputado avanzou que a confluencia galega e Unidos Podemos estarán "atentos" ao programa de goberno "que ofreza o PSOE". "Estaremos moi atentos e realizaremos os debates internos necesarios para marcar a nosa posición", apostilou.


Mariano Rajoy


Para Miguel Anxo Fernán Vello, o presidente do Goberno "non está en condicións de fixar ningunha paradigma ético". Díxoo en referencia ás palabras de Rajoy nas que cuestionaba que sexa o PSOE quen promova unha moción de censura pola corrupción do PP cando os socialistas tamén están salpicados por casos como o de EREs en Andalucía ou o suposto financiamento ilegal do PSPV.

Nesta liña, lembrou que Rajoy "mentiu en sede xudicial" e é "o principal responsable político" dun partido que acaba de ser condenado por lucrarse de maneira ilícita a través dunha rede de corrupción. "Non está en condicións de facer observacións de carácter ético ou político de ningún xeito", resolveu.

Te puede interesar