RAG

Marina Mayoral: “Toda Rosalía está nos seus versos publicados"

2017_02_12_Entrega diploma_MM_result
photo_camera O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, entrégalle o diploma e a medalla de académica a Marina Mayoral.

A escritora ofreceu no discurso de ingreso na RAG como académica de honra a súa nova visión dos motivos de Murguía para destruír as cartas de Rosalía

Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) ingresou hoxe na Real Academia Galega como académica de honra cun discurso no que ofreceu unha nova visión sobre os motivos que levaron a Manuel Murguía a destruír as cartas de Rosalía de Castro. Se hai 48 anos escribira “dun modo contundente e pouco matizado” que o fixera para protexer a súa propia imaxe, a escritora e investigadora considera agora que “a súa intención fundamental non foi protexerse a si mesmo senón protexer ante a posteridade a imaxe da súa muller”, procurando unha mellor acollida da súa obra. E este xesto foi só “un máis dunha longa cadea de actuacións no mesmo sentido”, entre elas, animala a escribir e combater o “desánimo ante a súa propia obra” e a tendencia a rachar os seus textos. “El construíra a imaxe dunha Rosalía mártir, que se compadecía da dor allea e que mantivo sempre unha actitude digna e nobre ante a propia dor. Para completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe”, explica Marina Mayoral, que profunda en distintas accións do autor no “proceso de mitificación de Rosalía”.

A nova académica de honra, que desde os 19 anos reside en Madrid, rematou a intervención recordando escenarios importantes na súa vida, todos eles galegos: a casa de Ramón Piñeiro na rúa Xelmírez de Santiago, “para min un verdadeiro fogar”; a Universidade de Santiago de Compostela, onde comezou os estudos superiores e imparten docencia “amigos moi queridos e admirados”; a casa familiar de Mondoñedo, onde viviu cos pais e a avoa –“a onde quer que eu vaia, van comigo”-; ou as páxinas do xornal no que colabora desde hai tres décadas, “onde puiden dicir sempre o que penso e o que sinto, que era o que Rosalía quería para as mulleres”, asegurou. Por último agradeceu á RAG o nomeamento: “Desde hoxe, teño un lazo máis con Galicia, esta casa, que respecto e admiro”.

Xosé Luís Franco Grande foi o encargado de darlle resposta en nome da Academia a quen é “unha personalidade literaria xa de proxección internacional”, creadora dunha obra narrativa “moi rica, por veces de moita ousadía expositiva, moi madurecida nas técnicas expresivas e sempre suxestiva, suxerente e ben construída”. O académico, amigo de Marina Mayoral desde que ambos se coñeceron estudando na Compostela de finais dos anos 50, recordou tamén a traxectoria investigadora da catedrática da Universidade Complutense de Madrid, na que destacan, entre outros, os traballos rosalianos e sobre Emilia Pardo Bazán. De feito, salientou, Marina Mayoral “levou o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia polo tanto”, a unha morea de tribunas académicas internacionais onde exerceu como conferenciante ou profesora convidada, como as universidades de Harvard, Berkeley ou La Sapienza de Roma.

O presidente da RAG agradeceu a Marina Mayoral en nome de toda a Academia o seu discurso e deulle a benvida á institución como membro de honra. "Hoxe súmase á nómina de personalidades que nos honran coa súa incorporación a esta casa", expresou Víctor F. Freixanes, que gabou o seu discurso e lembrou que Emilia Pardo Bazán, cuxa casa acolle a sede da RAG na que se desenvolveu o acto, foi recoñecida con este mesmo nomeamento en 1906. "A condición humana e os desencontros afectivos" de Rosalía, Murguía ou a propia Pardo Bazán reflectidos no discurso, engadiu, fan "que mesmo as grandes figuras da nosa historia sexan de carne, óso e sentimentos".

Te puede interesar