SANIDADE

Mosquera tacha de irresponsable manifestarse en pleno traslado do hospital

Reprobou tamén que se "abran comisións de investigación ou preitos ante Europa, ou se solicite a paralización ou a evacuación do centro"

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, arremeteu contra os grupos da oposición polas súas críticas ao novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, e reprobou que "en pleno proceso de traslado, non parece responsable actuacións como manifestación, comisións de investigación ou preitos ante Europa, ou solicitar a paralización ou a evacuación" do centro.

En comparecencia na sesión plenaria, a titular da Administración sanitaria autonómica, quen asegurou que acudiu ao Parlamento ante a "confusión" xerada co traslado, defendeu a planificación que se realizou para o traslado ao centro hospitalario, que foi paralizado por presenzas bacteriolóxicas e que, segundo anunciou o xerente da zona sanitaria, Félix Rubial, se continuará seguindo o calendario previsto o próximo luns.

Mosquera afeou a oposición, á que advertiu de que "para todo haberá tempo" con posterioridade ou o había "antes". As súas declaracións, dixo, "retratan aos que" as fan e á súa "responsabilidade" ante as actuacións que se levan a cabo. "Parecen incapaces de ver o potencial de dispoñer desta infraestrutura", reprochou, despois de proclamar que o 29 de xuño foi unha data "histórica" para a sanidade do sur de Galicia.

Moi duros coa conselleira mostráronse os voceiros dos grupos da oposición, que na xornada deste martes volveron pedir a dimisión de Mosquera. Así, reprobaron a súa xestión e censuraron, groso modo, a "privatización" do centro hospitalario.

Pero Chelo Martínez (Mixto), Montse Prado (BNG), Eva Solla (AGE) e Abel Losada (PSdeG) chamaron a atención sobre a manifestación que reuniu decenas de miles de persoas en Vigo o pasado 3 de setembro e advertiron aos populares de que son a sociedade e os profesionais os que rexeitan o proxecto que se levou a cabo en Vigo.

Te puede interesar