GALARDÓN

Oncomet, o grupo impulsor da campaña pola biopsia líquida, recibe o XXX Grelo de Ouro

O grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Oncomet, recibiu este sábado o premio Grelo de Ouro que outorga a Fundación Amigos de Galicia e que alcanza en 2017 a súa 30ª edición

O grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Oncomet, recibiu este sábado o premio Grelo de Ouro que outorga a Fundación Amigos de Galicia e que alcanza en 2017 a súa 30ª edición.

O Paraninfo da USC acolleu este sábado a entrega do galardón, que recoñece o "gran labor investigador" de Oncomet, grupo promotor da campaña de micromecenazgo para o avance da biopsia líquida, un estudo que permite avanzar na investigación do medicamento de precisión para pacientes oncolóxicos.

O padroado da Fundación Amigos de Galicia fallou o pasado 8 de xullo conceder o premio a Oncomet en recoñecemento ao seu "gran labor investigador proxectado a un fin social, así como por ter unha iniciativa de procura de recursos baseada na solidariedade".

A campaña de Oncomet, iniciada a comezos de ano, pretendía reunir medio millón de euros para a contratación de persoal e a compra de material e instrumental. A pouco de cumprirse un ano do seu lanzamento, a campaña xa reuniu case 650.000 euros procedentes na súa maioría de particulares e pequenas empresas.

A Fundación Amigos de Galicia destaca que o apoio da cidadanía "foi, é e será" a "clave" para "o desenvolvemento dunha sociedade máis desenvolvida", como demostran iniciativas como a posta en marcha por Oncomet.

ONCOMET

Este grupo de investigación, dirixido por Rafael López López, está composto por 13 oncólogos e 50 profesionais de distintas disciplinas -biólogos, químicos, psicólogos, enfermeiros ou auxiliares, entre outros-.

A unidade de biopsia líquida deste grupo estuda a evolución tumoral para obter información sobre os mecanismos polos que se producen as metástasis ou se activan as resistencias aos tratamentos.

Esta técnica permite, a través dunha simple análise de sangue, detectar que tipo de tumor padece cada paciente, o que acurta tempos á hora de enfrontarse a el.

Te puede interesar