O Concello pide ao Goberno e a Xunta medidas que garantan o futuro do sector naval

O pleno municipal de Vigo declara de forma unánime a Almunia 'persoa non grata' e urxe a súa dimisión

O pleno da Corporación Municipal de Vigo acordou, por unanimidade, declarar o comisario europeo Joaquín Almunia 'persoa non grata' na cidade e, ademais, pediulle que presente a súa dimisión no Goberno europeo de forma 'urxente e inmediata'.
Esta declaración, avalada polos tres grupos municipais, efectuouse tras a decisión da Comisión Europea que obriga a devolver as axudas do 'tax lease' -mecanismo de bonificación fiscal empregado no naval- entre os anos 2007 e 2011.

O acordo plenario, alcanzado este luns, considera que a decisión do Colexio de Comisarios por proposta de Almunia 'puxo en perigo o futuro do sector naval' e, por iso, o declara 'persoa non grata' e esíxelle que abandone a súa responsabilidade.

Durante a celebración do pleno deste luns, voceiros dos grupos do PSOE, PP e BNG mantiveron unha negociación para consensuar un único texto, posto que na orde do día do pleno figuraban varias propostas. Así, o alcalde, o socialista Abel Caballero, levou unha formulación para declarar o seu compañeiro de partido Joaquín Almunia 'persoa non grata', mentres que o PP incluía unha moción na que ía máis alá e, ademais diso, pedía a dimisión.

Finalmente, os tres grupos políticos chegaron a un acordo sobre unha declaración na que se inclúen as consideracións sobre Almunia e na que tamén se traslada o apoio ao sector naval e se realizan unha serie de demandas ás administracións públicas co fin de garantir o futuro dun sector que consideran 'estratéxico'.

MEDIDAS
Así, o acordo plenario pide que se manteña a 'unidade de acción' no sector, unha forma de actuar que, ao seu xuízo, permitiu que a Comisión Europea 'suavizase' a proposta inicial -que incluía a devolución de axudas dende 2005-. Así mesmo, insta o Goberno central a 'defender os intereses do sector naval español' ante o Tribunal de Xustiza da UE.

Tamén solicita ao Executivo español que 'concrete de forma inmediata o esforzo fiscal máximo' que está disposto a sumir co novo 'tax lease' para 'poñer en valor' o novo sistema e promover a contratación de novos barcos. De igual modo, tamén pide que se poñan en marcha liñas do Instituto de Crédito Oficial (ICO) e conceda avais que permitan reactivar o sector e que se dean garantías aos estructuradores e investidores.

Así mesmo, demanda ao Goberno que promova, de forma conxunta e ao nivel da comunidade europea, a aplicación a curto prazo de medidas de carácter temporal que teñan en consideración a especificidade do sector, que poña en marcha instrumentos financeiros específicos que faciliten investimentos no sector naval; que cree, xunto co Banco Europeo de Investimentos (BEI), un instrumento europeo para o financiamento de estaleiros e auxiliares e habilite un mecanismo transitorio que permita repoñer o dereito á prestación por desemprego de parados do sector.

Finalmente, pide á Xunta que habilite unha liña especial de avais para o naval e que poña en marcha un programa de desenvolvemento da industria naval, estaleiros e auxiliares a longo prazo.

Te puede interesar