SOCIEDADE

A realidade virtual recrea "Alba de Gloria"

20181103203457272S
photo_camera O Castelao virtual, lendo o seu discurso.

O Consello da Cultura recupera o discurso de Castelao no seu 70 aniversario

"Alba de Gloria" foi un discurso representativo para a cultura galega por numerosos motivos. Primeiro porque recrea unha singular “santa compaña”, unha grande procesión das figuras determinantes na creación da identidade de Galicia. Segundo, porque é o mellor e máximo expoñente da retórica en lingua galega. Pero tamén porque é o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. 

Cando se cumpren os setenta anos da súa alocución, o Consello da Cultura Galega recupera a súa significación na exposición “Alba de Gloria”, e faino dun xeito inédito. A través de sistemas de realidade virtual e recreacións sonoras e visuais, os visitantes poderán vivir unha experiencia e mergullarse na historia de Galicia da man do propio Castelao. 

A mostra, con comisariado de Manuel Gago, inaugurarase o vindeiro mércores 7 de novembro en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). 

Un dos aspectos máis destacados da mostra é a conceptualización, xa que non se trata dunha exposición de paneis, senón que emprega  tecnoloxía avanzada para ofrecer unha experiencia, unha inmersión no universo plástico e simbólico que percorre Castelao no seu discurso. Para a exposición “Alba de Gloria” apostouse por converter á igrexa de San Domingos de Bonaval nun espazo que permite coñecer as orixes e os significados do discurso e compartir a emoción dos asistentes á súa primeira lectura en 1948. A través de interpretacións dramatizadas, dun labirinto coas figuras do discurso a tamaño real, de infografías interactivas e dun sistema de realidade virtual inmersiva, os asistentes mergullaranse nas ideas, nas figuras e no relato da historia galega realizado por Castelao. 


Desafío tecnolóxico


Entre o desafío tecnolóxico da exposición está a reconstrución da propia figura de Castelao, que interactuará cos visitantes na experiencia virtual. Para a súa realización, empregouse toda a documentación gráfica, audiovisual e plástica dispoñible sobre a súa figura ata crear un modelo tridimensional e dixital moi preciso do Castelao do ano 1948. 

A mostra poderá verse ata o 3 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).

Te puede interesar