Respaldo case unánime do Parlamento á Lei contra a discriminación de lesbianas, gay, transexuais e bisexuais

A oposición critica os "recortes" ao texto impostos polo PP, que celebra este "primeiro paso importantísimo" en favor da igualdade
 

O Parlamento de Galicia aprobou, cos votos favorables de todos os grupos salvo AGE --que se abstivo--, o ditame da Lei contra a discriminación de lesbianas, gay, transexuais e bisexuais, o colectivo agrupado baixo as siglas LGTB.

Malia este apoio para que a norma dea o último paso na súa tramitación parlamentaria, a aprobación en pleno, o debate da iniciativa en comisión non estivo exento de polémica polos "recortes" impostos polo PP ao texto.

E é que a autora do texto, a deputada socialista Carmen Gallego, acusou o PP de pretender "deixar dentro do armario" o colectivo LGTB ao "suprimir" o termo "visibilidade" mesmo do título da norma.

"O que non a vai non se normaliza", argumentou, e fixo fincapé na importancia do traballo dirixido a "educar" á cidadanía no respecto a este colectivo como "unha das ferramentas fundamentais para evitar a discriminación".

Igualmente, a parlamentaria do PSdeG lamentou que a maioría parlamentaria queira "eliminar as infraccións e sancións por discriminación" e o servizo específico de apoio e mediación para persoas LGTB.

APOIO

En todo caso, apelou a apoiar este texto normativo "en favor da non discriminación de trato ao colectivo LGTB" e como primeiro paso para "poder ir máis alá cando o Goberno cambie de novo". É o mesmo criterio que utilizou a deputada do BNG Carme Adán, quen celebrou este "pequeno paso adiante" aínda que sexa "de mínimos".

Non obstante, Eva Solla, de Alternativa Galega de Esquerda, rexeitou apoiar explicitamente esta proposta normativa á vista de que o PP optou por asinar "unha declaración de boas intencións".

Convencida de que a norma quedou "completamente desnaturalizada" polo "rolo do PP" ao pedir a retirada do concepto "visibilidade". "Esperamos que o PP recapacite", finalizou, en relación co primeiro pleno do mes de abril.

"IGUALDADE REAL"

Pola súa banda, a parlamentaria popular Marta Rodríguez-Vispo aplaudiu a aprobación dunha regulación para "a aplicación real e efectiva do principio de igualdade e non discriminación por razón de orientación sexual". De feito, sostivo que tamén a Xunta "foi consciente dende o primeiro momento da necesidade de evitar todo tipo de discriminación".

Así as cousas, subliñou que se trata "dun primeiro paso importantísimo" co que se lanza "unha mensaxe clara á cidadanía" de que o Parlamento "traballa en favor da igualdade e a non discriminación de ningunha persoa".

Te puede interesar