Galicia

Retiradas 80 toneladas en Galicia de patacas afectadas pola praga

Galicia

agro

Retiradas 80 toneladas en Galicia de patacas afectadas pola praga

A conselleira de Medio Rural responde aos viticultores que piden axudas directas que "aquilo que é asegurable non é subvencionable"

Un total de 80 toneladas de patacas afectadas pola praga da couza guatemalteca foron retiradas nos últimos días en Galicia, segundo informou este luns a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Este dato ofreceuno antes de participar nos actos polo 50 aniversario da Escola Politécnica Superior de Lugo, que depende da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Sobre as queixas dalgúns alcaldes por falta de asesoramento, a conselleira asegurou que "se deu información de primeira man" a través dos medios de comunicación e "con reunións reiteradas nas distintas zonas".

"A isto hai que engadir que tamén se publicaron folletos, que se distribuíron a través das oficinas agrarias. Galicia ten moitos recunchos e poida que a algún lugar non chegase a información como fose necesario e iso estase emendando", defendeu Ángeles Vázquez.

Neste sentido, sostén que ofreceu unha segunda xornada informativa a todos os concellos que o solicitaron. Por iso, pide a "total colaboración" dos rexedores.

Deste xeito, estas patacas "están a recollerse a través dunha empresa co control dos funcionarios da Consellería e despois procédese á súa destrución". "Segundo van avanzando os días, van aumentando os quilos", explica.


AXUDAS XEADAS

No tocante ao apoio aos viticultores polas xeadas, despois de que o pasado fin de semana manifestásense en Ribadavia (Ourense),  Ángeles Vázquez deixou claro que "se habilitaron unha serie de axudas e outras estanse canalizando".

"No Consello da Xunta do xoves pasado fixemos unha mobilización de 10 millóns de euros que van destinados a viticultores, adegueiros e colleiteiros, e do que se trata é de refinanciar préstamos se os hai e de que o interese sexa cero", explicou. A isto únese que "vai haber axudas para replantación das vides ou mesmo castaños".

Finalmente, a conselleira de Medio Rural subliñou que "xa" dixo desde "o primeiro día" que "aquilo que é asegurable non é subvencionable". "Pero de todos os xeitos seguimos facendo os estudos precisos porque unha xeada non é valorar os primeiros días, senón que é cuantificar ao longo dos días", apostilou.

"Hai tranquilidade porque vai haber viño en Galicia e vai haber viño de boa calidade en Galicia", sentenciou Ángeles Vázquez.