GALICIA

Santiago Lago cifra en '1.000 millóns anuais' o custo que suporía para Galicia a independencia de Cataluña

"Estamos a perder moito tempo en España. Se penso no benestar dos cidadáns, francamente paréceme que as urxencias son outras", defende


O catedrático de Economía da Universidade de Vigo e presidente do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, cifrou en "a contorna dos 1.000 millóns anuais" o custo que suporía para Galicia a hipotética independencia de Cataluña.

Lago foi entrevistado este domingo na Cadena Ser, onde asegurou que a autodeterminación catalá tería "un impacto moi importante" para a economía galega porque, advertiu, Cataluña conta con "unha economía grande cunha renda `per cápita` e unha capacidade fiscal claramente por encima da media".

Todo iso fai de Cataluña "un contribuínte neto nos fluxos entre territorios", o que repercutiría nas demais comunidades autónomas de España. "O problema é que sabemos o que perderiamos os demais pero non o que gañarían eles (Cataluña) porque todas estas análises fanse baixo o suposto de que á súa economía non lle pase nada", apostilou.

E é que, para Lago, a ruptura co Estado español tamén repercutiría negativamente na propia economía de Cataluña "polo menos no curto prazo", xa que, na súa opinión, "o máis probable é que a economía catalá se mergulle nunha recesión gravísima durante varios anos".


FINANCIAMENTO AUTONÓMICO

O economista vigués é o representante de Galicia na comisión de expertos sobre a reforma do modelo de financiamento autonómico, unha cuestión que, como recoñece, está a verse afectada pola situación política de Cataluña, xa que calquera movemento sen contar coa Generalitat sería "avanzar en falso".

Sostén que o feito de que Goberno catalán non enviase un representante a esa comisión foi "unha deficiencia" xa que, con el, os acordos "terían máis valor porque Cataluña se sentiría comprometida".

En concreto, o economista é un dos defensores da tese da "insuficiencia financeira" das autonomías que "a crise puxo de manifesto". "Queremos uns servizos públicos de calidade a un estándar europeo e a nosa recadación fiscal está varios puntos por baixo", indicou.

Con todo, neste marco, non cre que a situación de Cataluña supoña "unha anomalía", nin pola súa balanza fiscal nin polo seu financiamento autonómico, xa que achega "o normal dun territorio rico nun país europeo".


COMUNIDADES FORAIS

Si atopa anomalías, tanto "por arriba" como "por abaixo", en relación ás comunidades forais e o seu pacto fiscal, "cunhas condicións que supoñen un agravio comparativo fronte ás demais". Neste sentido, dixo comprender que Cataluña pense que con esta mesma situación estaría mellor: "Teñen razón, pero a realidade é que a anomalía son as de País Vasco e Navarra".

Entre as que saen perdendo, sinalou á Comunidade Valencia e Murcia. "Son as que terían máis motivos para queixarse; desde logo, Cataluña non está aí", asegurou.

Finalizada o labor técnico, explicou, "falta o máis difícil": o acordo político "imprescindible". Lago cre que "non hai que dramatizar", aínda que admite que Cataluña supón, outra vez, un elemento diferencial fronte á negociación previa. "Se se lle cede moito vai ter unha repercusión nos demais, por tanto é difícil encaixar as pezas", agregou.

Aínda así, móstrase "moderadamente optimista": "Sobre todo, se somos capaces de reconducir a situación de Cataluña [...]. A recuperación económica vai axudar a normalizar o grao de tensión territorial".


ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO

A falta de Orzamentos Xerais do Estado, proseguiu, é outra consecuencia deste conflito: "Estamos sumidos nunha parálise que non é nada positiva, primeiro polos equilibrios no Congreso e agora polos problemas en Cataluña, (mentres) este país ten moitos desafíos por diante".

A este respecto, Lago destaca o déficit do sistema de pensións, a baixa calidade do emprego que se está xerando ou a demografía. "Estamos a perder moito tempo en España; se penso no benestar dos cidadáns, das persoas, francamente paréceme que as urxencias son outras", opinou.

Unha "parálise", subliñou, que tamén condiciona os orzamentos da Xunta, dependentes, en parte, "das transferencias e a previsión de recadación dos impostos galegos que recada a Axencia Tributaria". "O conselleiro de Facenda ten as mans atadas", asegurou.

O economista espera que esas contas sexan "moi expansivas" comparadas co visto nos últimos anos, xa que "nunha situación como a actual cabe esperar que os ingresos tributarios de 2018 sexan maiores".

Santiago Lago é un dos integrantes do recentemente creado observatorio demográfico, "o gran problema ao que se enfronta Galicia". Apunta dúas liñas de traballo: "atrasar a vellez" e "revitalizar a demografía". "Unha sociedade envellecida ten moita máis demanda de servizos públicos pero tamén tende a ser máis conservadora, menos arriscada, menos dinámica, que pensa máis no presente que no futuro, e isto non é bo. Temos que buscar un equilibrio e darlle unha volta a isto", resolveu.

Te puede interesar