GALICIA

O Sergas habilitou 341 camas e derivou 344 pacientes á privada

Outro dos fallos detectados que citou a conselleira foi a "drenaxe" dende as urxencias á hospitalización.

O Servizo Galego de Saúde habilitou 341 camas adicionais, levou a cabo 278 contratos ou reforzos e realizou 344 derivacións a centros concertados polo pico da gripe, entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro deste ano.

Estes datos foron ofrecidos pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, no marco da súa comparecencia a petición do Parlamento e a raíz da solicitude presentada polo PSdeG para pedir explicacións polo "colapso" nas urxencias.

Na súa primeira intervención, Mosquera recoñeceu que o pico da gripe provocou "serias dificultades de xestión", pero asegurou que se mantiveron os estándares de "calidade" e os máis graves foron atendidos "a tempo". Con todo, admitiu que o resto foron asistidos "no menor tempo posible".

Outro dos fallos detectados que citou a conselleira foi a "drenaxe" dende as urxencias á hospitalización. Ademais, a titular da Administración pública galega defendeu que, "malia a alta demanda", só houbo que reprogramar cirugías nos complexos de Ourense e de Vigo.

En todo caso, Mosquera admitiu tamén que "non é por suposto a atención que debe e quere dar" o Sergas, polo que se "revisarán" os plans de continxencia dos hospitais, a campaña de vacinación para aumentar as taxas e tamén se "mellorará" a atención aos pacientes crónicos.

A voceiro sanitaria do PSdeG no debate, Carmen Acuña, volveu pedir a dimisión da conselleira, como única forma para ter "credibilidade" nas "desculpas" aos cidadáns. "Pídolle formalmente que marche. Adeus conselleira, peche a porta ao saír", despediuna a deputada socialista.

Te puede interesar