TRIBUNAIS

O TC bota por terra a lexislación galega de adopcións e deixa no aire os procesos en curso

Un voto particular de Conde-Pumpido advirte de distintas "varas" de medir segundo a CCAA e a Xunta "abordará" as consecuencias
 

O Tribunal Constitucional tombou todos os artigos relativos a adopción e autotutela da Lei galega de Dereito Civil de Galicia aprobada en 2006 tras un recurso de inconstitucionalidade promovido polo Goberno central. Concretamente, quedan anulados os artigos desde o 27 até o 45, o que deixa no aire os procesos en curso. 

A sentenza especifica que a declaración de inconstitucionalidade "non afectará as adopcións que sexan firmes" no momento da publicación deste fallo xudicial, posto que o principio de seguridade xurídica "aconsella limitar os efectos desta resolución aos que se atopan en curso".

Por iso, as adopcións que se atopan abertas, pero que aínda non son firmes si que quedan afectadas por esta situación e agora "deberán adecuarse aos ditados das normas civís do dereito común e as procesuais de carácter estatal". Os procesos adoitan durar polo menos un ano para poder obter a consideración de aptos e a asignación definitiva, en función do país da adopción pódese prolongar durante anos.

Concretamente, o alto tribunal tomba o título segundo da lei, sobre adopcións, e o título terceiro, sobre autotutela. Un total de 18 artigos dos 308 que recolle a normativa de dereito civil galego.

Voto particulas de Conde Pumpido

A sentenza, da que foi relatora Alfredo Montoya Melgar, conta con dous votos particulares, un de Juan Antonio Xiol e outro do maxistrado galego Cándido-Pumpido, á que se adheriron Fernando Valdés Dal-Ré e María Luisa Balaguer. O voto particular do maxistrado galego advirte na súa argumentación que o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno "non debeu ser estimado integramente, senón en parte", declarando nulos "unicamente os preceptos que conteñen normas procesuais".

Defende que o lexislador o que fixo foi trasladar e desenvolver actuacións xa arraigadas na sociedade galega, como o afillamento.

Ademais, avisa de que "pode xerar a impresión de que este tribunal (TC) aplica distintas varas de medir cando examina as conexións das lexislacións autonómicas en materia civil coas institucións consuetudinarias dos territorios co dereito civil foral ou especial", xa que houbo precedentes na lexislación aragonesa e catalá que chocarían con esta sentenza.

En relación á sentenza, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica explicou, nunha resposta a petición de Europa Press, que "abordará" este asunto coa asesoría xurídica para coñecer con exactitude o fallo e as súas consecuencias no ámbito das adopcións. En todo caso, indicou o seu "respecto" pola sentenza do TC sobre a Lei de Dereito Civil de Galicia, impulsada en 2006 por Vicepresidencia da Xunta, cando gobernaba o bipartito.

Te puede interesar