GALICIA

Trasladados ao CHUS dous mozos feridos tras saltar dun edificio en chamaradas en Santiago

Os mozos sufriron diversas contusións e presentaban síntomas de intoxicación por inhalación de fume

Dous rapaces saltaron dun segundo piso ao patio de luces tras decatárense dun incendio no cadro de contadores do edificio.

Ocorreu pouco antes das dúas desta tarde no número 26 da rúa compostelana de Galeras.

Os mozos sufriron diversas contusións e presentaban síntomas de intoxicación por inhalación de fume, polo que foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

O lume comezou no portal do edificio, no cadro de contadores, e provocou unha intensa fumareda que afectou aos pisos superiores e ao supermercado do lado.

Os bombeiros da cidade tiveron que rescatar coa cesta a unhas sete persoas, que, en todo caso, se atopan en perfecto estado de saúde.

Pola súa banda, a empresa eléctrica subministradora do servizo está a investigar as causas do incendio, que se produciu coincidindo cun cambio de contadores.

As chamadas ao 112 Galicia de veciños e viandantes permitiron que se activase un operativo no que, ademais dos bombeiros e os servizos sanitarios, participaron os axentes da Policía Local e Nacional.

Te puede interesar