O sistema pode aplicarse a outros sectores que necesiten localizar corpos estraños

A Universidade de Vigo deseña unha antena para detectar a distancia armas e explosivos, mesmo baixo a roupa

Varios profesores do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo deseñaron unha antena para a detección a distancia de armas e explosivos, un traballo que foi premiado pola Conferencia Europea de Antenas e Propagación celebrado en Goteborg (Suecia) do 8 ao 12 de abril.
O proxecto foi creado polos profesores e membros de AtlanTIC Antonio García Pino, Óscar Rubiños e o investigador Borja González Valdés, quen realiza unha estanza na Northeastern University de Boston.

Segundo explica García Pino, o artigo premiado 'presenta un sistema de radar de imaxe na banda de terahercios ideado para aplicacións de seguridade', pois as ondas teñen capacidade mesmo de penetrar nas pezas de vestir. Desta forma, permiten detectar armas ou explosivos baixo a roupa.

Este traballo, no que tamén participaron tres investigadores da Universidade Politécnica de Madrid, enmárcase nun proxecto financiado polo Plan Nacional de I+D+i. O prototipo atópase nestes momentos en Madrid, para a realización das probas de radar.

O grupo vigués encargouse do deseño da antena, que se trata dun sistema multirreflector optimizado nas súas superficies para proporcionar a máxima área de exploración posible a unha distancia de oito metros

Esta colaboración entre investigadores vigueses e madrileños está financiada entre 2012 e 2014 e divídese en dúas liñas de traballo, a premiada e outra que se centra no deseño de radares meteorolóxicos.

Ata o final do proxecto, en 2014, continuarase traballando para rematar de calibrar o prototipo e ter imaxes completas, así como para conseguir diversas melloras. Ademais, iniciaranse as negociacións para buscar unha viabilidade comercial e uso cotián do sistema, pois pode ser empregado en case calquera sector que necesite localizar corpos estraños.

APLICACIÓNS
Os niveis de potencia que require este sistema son o suficientemente baixos para non producir efectos nocivos nas persoas e, ademais, o seu uso a distancia permite actuar con discreción. Por unha parte, non se invade a intimidade das persoas e, por outra, estas tampouco se decatan de que están sendo examinadas.

Ademais da identificación de armas e explosivos, o prototipo ten aplicacións na industria alimentaria, pola súa capacidade para detectar corpos estraños nas cadeas de procesado ou empaquetado.

Te puede interesar