ELECCIONES AUTONÓMICAS 2016

Villares apela a los galeguistas del PP para sumarse al nuevo "referente" de En Marea

villares
photo_camera El juez del Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Luis Villares.

El candidato de En Marea a  la Xunta señala que el partido tiene "vocación de maioría social" y llama a un sector del PPdeG a que se sume a una "verdadeira construción de país".

"En Marea ten vocación de maioría social". É por iso que a mensaxe do seu candidato á Presidencia da Xunta, Luís Villares, non se frea nas siglas que conforman a confluencia; nin sequera nas forzas da esquerda. "Tamén aspiramos a que xente que votou ata agora ao PP, pero se sentiu defraudada pola súa política antisocial, vexa en nós un referente", apelou, para incidir en que os "sectores galeguistas" deste partido "poderían atoparse muchísimo máis cómodos" coa "verdadeira construción de país" que propugna a súa formación.

Del mesmo modo, nunha entrevista concedida a Europa Press, este maxistrado lucense nacido en 1978 dirixiuse aos que están a abandonar (ou xa o fixeron) o BNG e á "xente desafecta do PSOE, que está farto de que non cumpra as expectativas dos votantes progresistas," para ofrecerlles o seu proxecto de cara ás eleccións autonómicas do próximo 25 de setembro.

"Na medida en que queremos ser hexemónicos politicamente, temos que ser hexemónicos socialmente", argumentou, tras poñer en valor que son máis dun centenar de mareas municipalistas e tres partidos (Podemos, Esquerda Unida e Anova) os que forman parte actualmente do "proxecto colectivo" que é a Marea galega. "E a confluencia é sempre un proceso inacabado", apostilou.

Optimista dende o principio das negociacións sobre a entrada de Podemos -- que finalmente se materializou a última hora do venres -- , Villares restou importancia a esas desavinzas, que comparou co que acontece cando varias persoas "deciden irse vivir xuntas". De feito, sinalou que é o PP o que "está a axitar o tema do ruído interno", porque "sabe" que o "fito político" que supón a Marea "vaille custar o goberno".

NACIONALISMO E XUSTIZA SOCIAL

Máis alá da suma desta suma de forzas en torno a En Marea, o aspirante a inquilino de Monte Pío subliñou que hai un programa que conxuga "a construción dun proxecto nacional para Galicia" co "compromiso coa xustiza social".

Entrando en detalle, a súa "aposta" pasa por que se "recoñeza a Galicia como nación", pero "sen que iso signifique no curto prazo, nin moito menos, superar o marco xurídico político". "Temos un Estatuto de Autonomía aínda non desenvolvido completamente, e un marco de transferencias que aínda non foi esgotado", reflexionou, antes de concluír que "o bo autogoberno significa o desenvolvemento pleno desas competencias".

Precisamente, dende o seu punto de vista, o feito de que o autogoberno non fose "explorado ata o límite" é o motivo polo que "ata agora" non houbo en Galicia "unha demanda social significativa" de autodeterminación.

En canto á outra pata do seu proxecto, a "xustiza social", supón "redistribución de renda e riqueza" e "creación de igualdade de oportunidades". "O Noso proxecto é non deixar a ninguén atrás", resaltou, crítico con que o PP "alardease" de "xestionar Galicia coma se fose unha empresa, despreocupándose polos seus resultados nefastos en materia social". Cunha visión oposta, propúxose dirixir o país "como unha gran familia" na que, "cando non hai para todos, se reparte".

A iso sumou "un plan de articulación do territorio" a través dunha concepción "integral" de Galicia dotada tamén dunha "planificación a longo prazo". Adicionalmente, xulgou "inaprazable" obter a competencia sobre a seguridade marítima.

PANORAMA ELECTORAL

Para poñer en marcha este proxecto político, este recén chegado á política autonómica que cita como os seus referentes o veterano nacionalista Xosé Manuel Beiras e o expresidente chileno Salvador Allende márcase o obxectivo de "dar o sorpasso ao PP".

"Estamos en condicións de disputarlle a maioría ao PP", proclamou, pero deixou claro que, en caso de "non obter a confianza suficiente", verá nos socialistas os seus "socios preferentes", ao igual que no BNG "en caso de que obteña representación".

O que garantiu "absolutamente" é que se a suma o permite haberá un goberno alternativo ao presidido por Alberto Núñez Feijóo. "Que a cidadanía confíe en que ten unha alternativa firmemente comprometida cunha política de cambio, e solucione á hora de articular ese cambio", remarcou.

Tanto é así que Villares acusou de "irresponsabilidade absoluta" que o PSOE e Podemos, xunto coas súas confluencias, non se puxeran "de acordo" tras as eleccións do pasado 20 de decembro para "desaloxar" o PP de La Moncloa.

UNIDADE VS ACORDOS

En relación a ese compromiso coa busca de acordos, en contraste coa mensaxe de estabilidade que difunden os populares, rexeitou que iso asegure "nada" e brandiu como proba que "ter 41 deputados, ao PP non lle valeu para nada máis que para demostrar o inútiles que son".

"Aí están os indicadores, tanto macroeconómicos como de benestar, para desmontar esa mentira de bos xestores que se intentaron construír,", rebateu Villares, para ironizar con que Feijóo pode estar "tranquilo" porque a esquerda xestionará Galicia "moito mellor ca el" dende a súa "diversidade".

"O COÑECEMENTO DA VERDADE"

Por último, sobre a súa visión como xuíz da instrución do accidente do Alvia que tivo lugar na compostelana parroquia de Angrois o 24 de xullo de 2013, defendeu a necesidade de "investigar e chegar ata o final para poñer claridade no que pasou e ofrecer un relato procesual que poida aliviar".

"Porque o único que pode aliviar é o coñecemento do que pasou", afondou, tras asumir que "hai unha dor que é imposible de aliviar" e opinar que "sería un erro pensar que buscar unha condena fose suficiente para aliviar a dor das vítimas".

É por iso que fixo fincapé en que "non se lles pode negar o seu dereito a coñecer a verdade" e en que iso significa "saber se houbo unha neglixencia, se esa neglixencia ten cuestións de carácter técnico detrás e se estas teñen decisións políticas detrás". "Todo iso, é necesario que se saiba", insistiu.

Así pois, celebrou que a UE requirira unha investigación independente sobre o acontecido, fronte á posición "irresponsable" do PP "ignorando as vítimas en moitos casos". "É algo que co novo goberno non sucederá", prometeu, para censurar que "en nome de conveniencias políticas se deixe de lado a posibilidade do coñecemento da verdade a quen sofre unha desgracia".

Talvez por iso non dubidou ao responder que "por suposto" haberá unha comisión de investigación se accede á Presidencia da Xunta. ¿E se iso supón un problema co seu eventual socio de goberno, o PSOE? "Correremos o risco". "O esclarecemento da verdade non pode molestar a ninguén", resolveu Luís Villares.

Te puede interesar