Rosario Porto e Alfonso Basterra presencian un novo rexistro da vivenda de Montouto

O xuíz eleva a asasinato as imputacións contra os pais de Asunta

O xuíz que instrúe a causa xudicial pola morte da nena Asunta Basterra, o cadáver da cal foi achado na madrugada do pasado 22 de setembro nunha pista forestal, decidiu elevar de homicidio a asasinato as imputacións que pesan contra os pais adoptivos da menor de orixe chinesa, a avogada Rosario Porto e o xornalista Alfonso Basterra.
O letrado da defensa da nai da nena, José Luis Gutiérrez Aranguren, confirmou tamén, á saída dos xulgados compostelanos, que o xuíz José Antonio Vázquez Taín mantén polo momento o segredo de sumario.

Os pais de Asunta foran trasladados esta mañá dende a prisión de Teixeiro aos xulgados compostelanos para participar na comparecencia na que o xuíz lles comunicou que o procedemento seguirá a Lei do Tribunal do Xurado e, polo tanto, será un xurado popular o encargado de xulgar o crime da nena.

REXISTRO EN MONTOUTO
Tras permanecer nos xulgados compostelanos dende as 10.00 horas, pouco antes das 13.00 horas un furgón da Garda Civil conduciu aos dous detidos ata a casa de Montouto, no municipio coruñés de Teo, para presenciar un novo rexistro nesta vivenda familiar que foi herdada por Rosario Porto dos seus xa falecidos pais.

Esta casa familiar xa fora obxecto dunha inspección o domingo 22 de setembro, tras ser achado o cadáver de Asunta nunha pista forestal situada a só uns cinco quilómetros. Posteriormente realizouse un rexistro en profundidade tres días despois no que estiveron presentes tanto Rosario Porto como Alfonso Basterra.

Precisamente, tras sete horas de rexistro nesta casa con terreo, que se converteu en epicentro para desentrañar as claves do crime de Asunta, foi cando se decidiu tamén a detención do pai da nena.

Segundo informou o avogado da nai, os dous imputados foron trasladados a esta vivenda para participar nun novo rexistro, unha dilixencia na que teñen que estar presentes e á que non se poden negar.

Non obstante, segundo indicou, non se realizará unha reconstrución dos feitos. O pasado 4 de outubro, a nai da nena negárase a participar na reconstrución das horas previas á morte de Asunta ata que non se levante o segredo de sumario, mentres que o seu exmarido tamén rexeitou colaborar en novas dilixencias.

ÚNICO FURGÓN
Tanto á chegada aos xulgados coma no traslado á vivenda de Montouto só puido verse un único furgón da Garda Civil, pero os medios de comunicación polo momento non puideron chegar a ver os dous imputados porque o vehículo policial foi colocado de forma que se impedía a visión.

Pola súa banda, poucos minutos despois de saír cara a Montouto este furgón, pouco antes das 13.00 horas, os avogados dos pais saíron xuntos dos xulgados, pero a letrada de Basterra, Belén Hospido, declinou facer calquera tipo de declaracións.

A comparecencia deste venres en sede xudicial supón a activación do proceso do Tribunal do Xurado, pero o avogado de Rosario Porto xa avanzou que recorrerá que sexa un xurado popular e non un profesional o que xulgue este caso.

Na súa opinión, a 'imparcialidade' deste xurado 'vai ser imposible'. Non obstante, Aranguren admitiu que esta decisión era 'o esperado', dado que o delito, tanto o de homicidio que pesaba antes deste venres sobre eles como o de asasinato ao cal foi agora elevado, 'é dos atribuídos á competencia' do xurado popular.

Te puede interesar