Xunta di que universidades teñen máis investigadores que antes da crise

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, afirmou hoxe que as universidades galegas contan con máis investigadores dos que tiñan antes do inicio da crise económica.

En concreto, Conde destacou, en resposta a unha interpelación parlamentaria do deputado de AGE Ramón Vázquez, que as tres institucións galegas pasaron de 5.213 investigadores no curso 2008-2009 a 5.258 no 2012-2013.

O conselleiro considerou que o deputado de Alternativa empregou datos incorrectos cando sinalou que Galicia figura á cola de Europa en investigación e que destina tres veces menos que Madrid, a metade que Cataluña e está a "anos luz" do País Vasco a causa dos "recortes".

Ao mesmo tempo, Vázquez cualificou de "auténtica barbaridade" que Galicia perdese 983 investigadores nas universidades, o que o conselleiro negou.

Conde, en todo caso, sinalou que no País Vasco o 75% dos fondos de I+D proveñen do sector privado, o que lle permite un liderado indiscutible, mentres en Galicia non chega ao 50%, pero a Xunta traballa, dixo, para incrementar esta porcentaxe.

Así, insistiu na "aposta decidida" da Xunta pola investigación e o desenvolvemento, e indicou que o índice de competitividade rexional da UE revela que a innovación nas CCAA medrou un 6,4% anual, o que a converte nunha das sete rexións en que medra en España e entre as 50 de 250 analizadas en Europa.

Igualmente, sinalou que os indicadores apuntan a que Galicia foi a segunda comunidade autónoma española en que máis medrou o gasto empresarial en innovación tecnolóxica.

"Seguimos incrementando o persoal de I+D en Galicia o 5%, mentres que en España non hai ningún tipo de avance".

Ademais, o titular de Economía e Industria galego destacou que coa colaboración de institucións e o sector privado, Galicia "estará en disposición de mobilizar máis de 1.600 millóns de euros de fondos europeos, que será unha oportunidade sen precedentes".

O Goberno galego "segue apostando", dixo, pola innovación, o sistema de I+D centrado en catro eixes: o talento, as universidades, os centros tecnolóxicos -en que se investiron 120 millóns- e tamén a implicación das pemes e a trasferencia de coñecemento para a competitividade, así como o emprego eficiente dos recursos europeos.

Te puede interesar