La Región

A Xunta premia as tendas centenarias, "historia viva de Galicia"

As tendas centenarias, a "historia viva de Galicia", que sobreviviron á crise, ás guerras e ás grandes superficies comerciais, mostraron hoxe o seu orgullo por recibir un recoñecemento institucional ao traballo de xeracións

A Xunta premia as tendas centenarias, "historia viva de Galicia"

O comercio máis antigo de Galicia, unha farmacia de Betanzos con case trescentos anos de antigüidade e nove xeracións sostendo o negocio; unha panadaría con 127 anos; unha libraría de Rianxo aberta en 1904 ou uns ultramarinos de Tui de finais do XIX recibiron hoxe os premios, unha iniciativa da Xunta posta en marcha durante todo o pasado ano.

"A semana do teu comercio. Un comercio, unha historia" desenvolveuse en cada centro comercial aberto de Galicia en 2013 para destacar en cada un deles a tenda de maior traxectoria e que soubo adaptarse ao paso do tempo a través da calidade e do trato ao cliente.

Nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego ao que asistiu o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacouse o traballo destes comercios, só un deles situado nunha das grandes cidades, xa que a maioría son de vilas de tamaño medio, que sostiveron xeracións.

Así, o comercio máis antigo de Galicia é a antiga botica Couceiro de Betanzos, de cuxa existencia se ten constancia documental de 1719 e por que pasaron nove xeracións da mesma familia.

A súa actual propietaria, María Sánchez, lembrou a traxectoria do establecemento, que mantén a súa estética centenaria, e especialmente, acordouse dun dos seus tíos, que en épocas de penuria, como na Guerra Civil, sempre lles ofreceu desde a súa botica "un remedio e un consolo" aos seus clientes.

Por distintas categorías, o premio ao establecemento de alimentación máis antigo recaeu en Alimentación Alonso, de Tui (Pontevedra), un negocio fundado en 1890 e á fronte do cal está a cuarta xeración.

En xoiaría, o premio foi para Villar, de Cambados (Pontevedra), que botou a andar en 1880.

Tamén foi galardoada a libraría Cándido de Rianxo (A Coruña) un negocio familiar que abriu en 1904 e por cuxas vitrinas pasaron desde libros de Castelao a cómics.

Indalecio Moda, de Cangas, a tenda máis antiga do téxtil galego, que data de 1860, tamén recibiu un premio.

Na categoría de panadaría, o recoñecemento foi para Manolo da Morena, de Lalín (Pontevedra), con máis de 170 anos de traxectoria e que chegou á quinta xeración.

Nun emotivo acto, un dos seus actuais propietarios tivo, como o resto de premiados, un recordo para os seus antepasados, para os que "non están" e que souberon levar adiante o negocio, así como para todos os panadeiros que traballan "duramente" cada día.

A farmacia da Coruña e esta empresa de panadaría son, respectivamente, os establecementos máis antigos das provincias da Coruña e Pontevedra, mentres a confeitaría Madarro, fundada en 1891, e que segue mellorando os seus pasteis e outros produtos doces de maneira artesá, foi a premiada con máis anos de Lugo.

En Ourense, o establecemento máis antigo premiado foi Ricardo Terán, unha tenda do Barco de Valdeorras especializado en produtos do campo, que ten a súa orixe en 1881.

O conselleiro de Industria, ante uns premiados que recibiron os galardóns con emoción e lembrando todos eles os antepasados que con esforzo traballaron por implantar o negocio, apuntou que non é casual que o acto se celebrase no Museo do Pobo Galego, tendo en conta que estas tendas forman parte da "historia viva de Galicia".