XUSTIZA

A Xunta e os sindicatos reuniranse o próximo luns para tentar chegar a un acordo

Os negociadores do executivo galego irán con vontade de "falar" e de que haxa "avances", aínda que o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, ratificou que non haberá unha nova mellora económica

Os negociadores da Xunta no conflito da xustiza irán o luns á Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde convocaron ao comité de folga, con vontade de "falar" sobre as reivindicacións que están sobre a mesa e de que haxa "avances", aínda que o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, ratificou que non haberá unha nova mellora económica.

Nunha rolda de prensa co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez, cos que abordou a comarcalización do parque de bombeiros, Rueda descartou ir ao encontro, como demandan os sindicatos. "Irán os negociadores que, desde o principio, teñen toda a capacidade para chegar a un acordo", aseverou.

Se se cumpre o guión dos últimos encontros, serán o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o seu homólogo de Función Pública, José María Barreiro, os que sentarán cos membros do comité de folga para tentar desbloquear unha folga indefinida que arrincou o pasado mércores 7 de febreiro e provocou a suspensión de numerosos xuízos e trámites xurídicos.

Rueda reivindicou a "actitude negociadora" da Administración galega, que "nunca" se pechou ao diálogo. "Dicíannos os sindicatos que esperaban unha chamada da Xunta, pois se fai falta, aí a teñen, esgrimiu, antes de manifestar o seu desexo de que, no próximo encontro, "se poda seguir avanzando na negociación".


"Non vai haber unha mellora económica"


Iso si, o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza "deixou claro" que "hai unha oferta económica encima da mesa" (que oscila entre os 816 e os 1.080 euros en función do corpo de funcionarios xudiciais ao que se refira) e que situaría aos traballadores da comunidade "por encima da media".

"Esa é a oferta da Xunta e non vai haber unha mellora desa oferta", advertiu Rueda, quen, no entanto, subliñou que os sindicatos sempre defenden que non se trata só da cuestión retributiva, polo que hai outros puntos sobre os que se pode "falar" -as incapacidades temporais (IT), amortizacións, consolidación de emprego e substitucións de compañeiros de rango superior-.


Outros puntos 


"Hai outros catro puntos, imos falar sobre eles tamén e imos seguir avanzando para tentar chegar a acordos. Se non é unha folga de contido económico e hai outros puntos, seguiremos negociando sobre eles e tentaremos chegar a un acordo", indicou o vicepresidente, quen sinalou que se expuxeron "reivindicacións claras".

Para algunhas demandas, manifestou que "o acordo está encima da mesa" -aínda que os sindicatos o poñen en dúbida- e mostrouse partidario de falar tamén doutras "melloras", por exemplo, no que respecta aos xulgados que abordan os casos de violencia machista.

Preguntado acerca do caso concreto da "discriminación" nos descontos durante as baixas por incapacidade temporal, con respecto a outros funcionarios como xuíces e fiscais, unha cuestión que os sindicatos consideran "irrenunciable", e se a Xunta está disposta a ceder, Rueda mostrouse partidario de "falar" diso e do resto dos puntos.

"Imos falalo", apelou. E é que, "se non só importa" a parte económica, o vicepresidente mostrouse convencido de que será posible alcanzar un acordo.

Te puede interesar