LA REVISTA

¡1879!

casa-de-munecas-2_result
photo_camera El cartel de la nueva adaptación de la obra de Ibsen "Casa de muñecas".

“Casa de muñecas” é unha obra clásica de Ibsen que voltou a estrenarse en Madrid en adaptación de Pedro Villora cunha economía expresiva que chegará a todos 

Hai, xa que logo, 138 anos que se estreara Casa de bonecas, a función de Henrik Ibsen que veño de ver, unha vez máis, no Teatro Fernán Gómez, de Madrid, un dos que mellor combinan a vangarda co clasicismo. Porque, dígase xa, esta obra hai moito que ultrapasara as fronteiras da temporalidade para acadar o carimbo ou selo de clásico. Como clásica segue a ser a loita das mulleres contra o rol entre sumiso e decorativo que medio mundo anda a lles outorgar aínda.

Por iso que Nora, a protagonista de Casa de muñecas (así, en español, tal como se titulaba a montaxe que veño de ver en adaptación de Pedro Villora), hai cáseque século e medio tome o leme da súa vida deixando e evidencia a covardía do seu home, Torvald, tan inxusto diante da xenerosidade da “boneca” a piques, agora, de voar ceibe, resulta dunha modernidade absoluta.

Por máis que o enredo burocrático, avais con sinaturas falsificadas e demais, hoxe semelle abondo “demodée”. Mais é o que acontece cos clásicos, que neles as anécdotas deveñen categoría. E categórico resulta o comportamento de Nora, que contrasta coa ruindade de Torvald, en paralelo coa postura –digamos- romántica, do Doutor Rank e, mesmo, da parella Cristina-Krogstad, este último revulsivo ou espoleta da bomba que ameaza o fogar-casa de bonecas, a piques das celebracións de Nadal. Con Nora disposta a bailar a “tarantella” que aprendera en Nápoles.

Casa de bonecas, sendo como é “teatro de teses”, admite toda caste de interpretacions. Mesmo Ibsen aceptara que a versión alemá tivese un final diferente, con Nora ficando na casa por aquilo de atender aos nenos.

Pedro Villora, nesta versión, omite o portazo final, facendo que Nora e Torvald queden un diante do outro, tomando un viño, logo de que a dona diga canto deba. Variantes sobre a mesma historia. Dirixida para o caso por Gómez-Friha, cunha moi dúctil Mamen Camacho, levando a Nora do riso ao pranto, como ten que ser, diante dun elenco contido e sutil. Esta función, tal como veño de vela, leva tempo rolando por España adiante.

Ouso aconsellala desde a seguridade de que, na súa economía expresiva, vai chegar a todos. Tamén aos adolecentes que enchian, en silencio tenso, a Sala Jardiel Poncela, do Teatro Fernán Gómez, o outro día.

Te puede interesar