RABO DE NUBE

A guerra de Cummings

Novela de carácter  autobiográfico, froito da aventura que viviu o seu autor na Europa dos anos vinte, recolle a súa visión persoal da guerra e do cárcere. É unha das poucas novelas de  Cummings e adscríbese a unha corrente experimental

Poucas guerras tan crueis como a do 14-18. Pola súa extrema morosidade que levou a masacres inmensas non máis que por avanzar apenas un par de millas. Por iso foi, básicamente, unha guerra de trincheiras, nas que entraban a lama, as doenzas infecciosas, e con estas as ratas, exércitos delas baixo dos soldados. Ao respecto ninguén deberá perder a exemplar película de Sam Mendes, 1917,  para ilustrarnos aínda máis sobre a crueldade das guerras. 

A do 14-18, “A Gran Guerra” como se lle chamou. Provocadora de novelas tan intensas como “Un adeus ás armas”, de Ernest Hemingway ou “Tres soldados”, de John dos Passos, por citar a dous paisanos do autor que me ocupa hoxe. Non outro que E. E. Cummings, ben traducido, nun labor homérico, por Juan Antonio Santos Ramírez, na versión española, de Nocturna Ediciones. Homérico, digo, polas dificultades do esforzo, que implica moita nota complementaria, poisque o bo de E. E. Cummings, gran poeta, tan diferente que asinaba, en minúscula, como e.e. cummnings, cita moitas veces en francés, nada extraño pois en terras galas acontece o seu choio de conductor de ambulancias, como Hemingway en trance idéntico. Presente, e. e. cummings, desde logo, en todas as as escolmas de poesía americana moderna. Como novelista a súa proxección non é  mesma. 

Debera, a teor deste libro, para xente como Scott Fitzgerald obra dun dos meirandes talentos da súa xeración. Tamén como artista plástico. E neste libro podemos catar igualmente as súas maneiras como debuxante de mérito. Quen de nos ilustrar en paralelo o que, no interín, nos vai contando sobre os seus días nun presidio francés por mor dunha carta na que alguén deducira simpatías polos “boches” (os alemáns en “patois”). E disto, do argot francés, hai moito tamén neste libro variado. Que nos fala dunha guerra absurda, como todas, dobremente patética cando se mira desde os seus interiores. Pola banda de alguén, quen fora, “malgre lui” facer turismo bélico. E acabará preso de aqueles que pretendía ceibar. Para alporizamento do seu pai, Mr. Edward Cummings, catedrático en Harvard e ministro da Igrexa Unitaria. Quen non parou deica ver a Edward Estlin (eis o E.E.) ceibe. Nós, tamén, coa súa escrita criativa.

Te puede interesar