entrevista

Afonso Vázquez-Monxardín, ilustrado do século XXI

Afonso Vázquez-Monxardín.
photo_camera Afonso Vázquez-Monxardín.

Docente, investigador, historiador, escritor forxado na transición, Afonso V. Monxardín é un ilustrado ourensán do século XXI

Escritor, tradutor, catedrático de lingua e literatura, investigador, ensaísta, articulista en La Región, Afonso Vázquez-Monxardín (Ourense, 1960) é unha das figuras máis salientables da cultura galega contemporánea que desenvolve a súa actividade desde Ourense. Unha actividade que agora inclúe a súa condición de académico correspondente na Real Academia Galega.

¿Síntese vostede un mozo da xeración da transición?

Son da última xeración que cantou o Cara al Sol no colexio. Non me fixo mal ningún, tampouco ben. Era o colexio deses anos, bastante grises, nun instituto masculino. Cando lle explico os meus alumnos que daquela os institutos estaban separados por sexos alucinan. Pero foi tamén unha época de efervescencia. Anos 75, 76, a morte de Franco o comezo da transición... Feitos que condicionaron a vida dos mozos daquela época como agora a condicionan outros feitos.

¿Vista desde agora, foi unha época interesante?

Foi a época do nacemento do sindicalismo estudantil, dos movementos cidadáns. Unha época moi movida e moi bonita porque todo era novo. Eu estiven no nacemento de Erga, o sindicato de Estudantes Revolucionarios de Galicia, que aquí en Ourense, no que os seus membros debían ter unha media de notable, para dar exemplo. O deixei para formar parte da refundación do nacionalismo con Camilo Nogueira... cousas que facías con 16 ou 17 anos. Pero sobre todo, comezou o movemento cidadá. Tamén foi a época na que comecei a colaborar con La Región. Lembro que foi cun artigo sobre toponimia urbana, que era un tema que me sempre me interesou especialmente, no ano 1979, hai case 40 anos. Así en resumen, diría que acabei o bacharelato practicamente coa morte de Franco e a carreira co 23 F. Así que diría que os meus estudos foron pura transición.

¿Ía vostede para arqueólogo? 

Estudei arqueoloxía. Primeiro no colexio universitario de Ourense, os tres primeiros cursos, moi vinculado ao Museo Arqueolóxico, polo que nós facíamos moito traballo de campo, ou de monte. Estiven facendo escavacións no Castro Mao, en diversos xacementos de Galicia, de Portugal, de Italia... de tal maneira, que cando fun a completar a miña formación a Santiago, porque os dous últimos anos facíanse na facultade de Xeografía e Historia en Compostela, xa dicían “aí veñen os de Ourense”, porque chegábamos con moito traballo de campo, cousa que eles non facían. En Santiago fixen logo, ademais de Arqueoloxía e Prehistoria, as especialidades de Xeografía e Historia de Galicia e Arquivística e Biblioteconomía. 

Pero, claro, logo, cando pensas en montar a túa vida, o de arqueólogo era complicado. E foi cando decidín facer as oposicións para profesor de Galego, no ano 1983, sen ter unha formación oficial de Galego, non fixera filoloxía.

¿Que foi o que lle moveu a se converter en profesor de lingua e literatura galega?

Era un tema no que eu estaba metido de sempre, tamén por tradición familiar, porque o meu pai tiña que ver co Auriense, con Galaxia, meu avó era do grupo dos galeguistas de Ourense e fora subxerente da revista Nós, tiña na casa unha biblioteca moi boa, sempre me interesou e así decidín prepararme pola miña conta.

Ao marxe da súa docencia aquí, mantivo unha intensa actividade na Galicia exterior. ¿Que lle aportou esa experiencia?

Si. Nos cursos de galego nos centros galegos de todo o mundo. O primeiro foi no ano 1987, no centro Galego de Buenos Aires, durante seis meses. Permitiume coñecer unha colectividade marabillosa e, ó mesmo tempo, establecer contacto co solpor do galeguismo na emigración. Por exemplo a Bieito Abraira, que fora secretario de Castelao, con quen tomaba café moitas veces, a Tacholas, o actor, e a bastantes daqueles epígonos. En anos seguintes fun a Chile, a Brasil, e volvería outras veces a Buenos Aires. 

A arqueoloxía, ¿quedou aparcada, definitivamente?

A arqueoloxía, no que se refire a saír ó monte e escavar si. Pero seguín moi interesado na historia. Máis na historia da cultura que da lingua. O mundo da historia nunca o deixei de todo. De feito nesta exposición dedicada a Marcelo Macías, no seu catálogo teño un artigo sobre Ourense no século XIX.

Hai unha faceta súa da que se fala pouco que é a de tradutor. ¿Como comezou?

Entro na asociación de tradutores no ano 1985 porque cando se  monta a TVG había poucos tradutores de inglés a galego. E daquela traducín “Magnum, axente secreto”, que foi unha das primeiras series da TVG. Tamén traducín o “Mago de Oz” para a colección Xabarín de Xerais, e outras obras, algún libro de ciencia, algún libro de arqueoloxía do italiano. A tradución é un exercicio interesantísimo. Porque tes que pensar no idioma de chegada. Porque nunha versión inglesa ou nunha versión castelá nunca vas necesitar un infinitivo conxugado. Tes que conseguir unha tradución a un galego con tensión vital. Por exemplo. ¿En galego como contestamos? Co verbo. Se te preguntan “¿Comiches?”, dis, “comín”. Non respondes “Sí”, nin “Yes I do”.

¿Que papel ten a Academia?

Por lei e a encargada de velar pola correcta utilización da lingua. E de acordo cos seus estatutos, a defensa, ilustración e promoción da lingua galega. Creo que é moi exitoso o seu acceso a través das redes, como por exemplo do dicionario, que ten moitas consultas e o acceso as súas hemerotecas dixitais. Algo que comezou con Fernández del Riego. 

¿Que lle fixo apostar pola creación do arquivo sonoro? 

Era algo necesario. Un xacemento arqueolóxico, que leva dous mil anos aí, pode levar dous mil cincuenta. Pero as persoas, unha vez que morren se perde a súa voz. Por eso era tan importante comezar cuanto antes. E facer unha recuperación dos arquivos de grabacións de conferencias, entrevistas, etcétera, que había en emisoras de radio, que tiñan feito periodistas, nos centros galegos... Cando comecei pensaba na facilidade que aportaban os caetes. O certo é que eses arquivos analóxicos consérvanse e agora, no mundo dixital, no que todo é máis inmediato, tamén o é a súa perda.

¿Como ve a xeración dos seus alumnos?

Vexo que é unha xeración técnicamente moi preparada, mellor formada en moitas materias, pero á que esta profusión tecnolóxica que aportan non xa os móbiles, senón os ordenadores portátiles, porque hoxe en día os móbiles son auténticos ordenadores, provocan un maior distanciamento nas relacións humanas. Pero non é un asunto das escolas, nas que apenas están un tercio do día, senón dos pais e da sociedade.

Te puede interesar