RABO DE NUBE

Almodóvar na gloria

A película "Dolor y Gloria” é unha historia chea de silencio, contrastes cromáticos e sabedores "lash backs” que nos levan a unha infancia dura mais coa brancura de moradas troglodíticas

Almodóvar na gloria

Antonio Banderas, tamén na gloria, nun proceso mimético que o leva incorporar ao seu cerne a figura dun director de cinema sospeitosamente parecido a Almodóvar (non, no guapo, non, por máis que Banderas mesmo teña cultivado aquí un certo desleixo para non brillar de máis). Para non brillar no físico, que no químico estala, estoupa. Neste filme, Dolor y gloria, eu non sei se o canto do cisne Pedro Almodóvar tantas veces repoludo, outras, poucas, desafinado (vid. Los amantes pasajeros ou Entre tinieblas) mais sempre enxeñoso, ousado, conmovedor e -asimesmo- hiperbólico, voa moi alto. Como Julieta Serrano, nai dese director de cinema en declive ou desfeita, con moitos problemas para manter o tipo e, a maiores, seareiro serodio da heroína, versión “chino”, a través dun adicto de sempre, mais controlado.

Nesta peli semi “á clef” hai quen quere ver, no papel de Asier Etxeandía, a Iván Zulueta (o director heroinómano, do filme de culto “Arrebato”), en Serrano, a propia nai de Almodovár, en Banderas ao nativo de Calzada de Calatrava e bótalle fío ao papaventos das semellanzas. Mais, en realidade, ¿que nos importa? Gustave Flaubert xa nos deixara dito para sempre que “Madame Bovary c´est moi”, e máis nada. Nesta película o resto é unha historia chea de silencio, contrastes cromáticos e sabedores “flash-backs” que nos levan a unha infancia dura mais coa brancura de moradas troglodíticas. Tamén a espertares sexuais nos que soamente algún parvo podería interpretar perversións. Non, aquí non hai senón transgresións, as que convoca a beleza, a que  me veu de golpe mirando Dolor y gloria, deixándome levar pola súa estética, mais tamén pola ética que implica navegar pola vida, chegar ao porto talvez derradeiro, con semellante bagaxe, de dores gloriosas, cal “no pain no gain” do dito anglicano. Almodóvar volveu gañar desta volta demostrando ser un dos directores máis intensos do cinema actual. Dos que reviran a dor na tixola facendo desa dor gloria. Verbo da posible autoficción encantoume a parodia que dela fai a nai do director (Julieta Serrano, xa se dixo). Que non desvelo pois quero animar a que vexan esta película sen pistas excesivas. Coa mesma naturalidade que viaxa nela.