entrevista

Anxo Quintana: "Facer país, sempre"

_MTP0036 (1)_result
photo_camera Anxo Quintana.

Leva 40 anos "facendo país", na política nacionalista primeiro e agora dende o ámbito empresarial coa gastronomía tradicional como bandeira

Anxo Quintana (Allariz, 1959) foi unha das figuras esenciais do nacionalismo na provincia de Ourense durante case tres décadas. Alcalde que transformou Allariz, vicepresidente da Xunta que puxo en marcha novas políticas de benestar e acción social, non renuncia a facer país dende o sector privado no que se move como empresario dende que abandonou a política.

1. ¿Cómo foi a súa infancia?

Meus país tiñan un comercio en Vigo e a miña vida discorreu a cabalo entre Vigo e Allariz. Era unha droguería no Calvario, que logo convertiron nunha colchonería e o meu pai chegou a ter unha fábrica de colchóns que empregaba a vinte persoas.

O caso é que nós tiñamos a vivenda na trastienda da droguería, polo tanto o mundo do comercio non me é alleo. Vivín en Vigo os acontecementos do 72 sendo adolescente e para min foron dun impacto moi forte nunha idade na que empezas a marcar liñas entre o que está ben e o que está mal.

2. ¿Foi así como empezou o seu achegamento ó nacionalismo?

O meu achegamento ó nacionalismo e á política prodúcese máis en Allariz que en Vigo. Porque en Allariz deuse unha circunstancia peculiar durante os anos setenta: era o concello de Galicia que máis universitarios aportaba, proporcionalmente á Universidade de Santiago. E iso era así porque en Allariz había moitos comerciantes nos que a súa principal inversión foi darlle educación ós seus fillos.

E moitos deses fillos ían a Santiago a facerse médicos, matemáticos, enxeñeiros e volvían de Santiago feitos comunistas e nacionalistas. E naquel ambiente do final da década de 1970 foi no que eu me acheguei ao nacionalismo. 

3. A política era moi distinta ao que hai agora, ¿non si?

Daquela todo era diferente. O mundo estaba por facer e todo parecía posible en pouco tempo. Así o nacemento do nacionalismo moderno na provincia de Ourense ten unha historia de vontade e esforzo dunhas poucas persoas que con dezaoito anos nos dedicamos a construír un sindicato labrego, asociacións culturais e chegamos ás eleccións municipais de 1979 e organizamos máis candidaturas na provincia de Ourense que o partido socialista con todo o apoio da Internacional Socialista.

4. Foi unha época de políticos dunha gran xuventude. Moito máis que agora.

Éramos moi novos os que nos moviamos no campo alternativo. Os partidos que daban continuidade ó franquismo estaban nutridos por políticos con moitísimas experiencia, con bastantes anos e con moitísimo poder. Aquilo foi unha batalla tremendamente desigual e solo a nosa inocencia e a nosa ilusión podía facernos crer que a victoria era posible.

5. ¿Cómo era aquela Galicia?

Tíñamos un país diferente. Un país por construír e un país que daquela tiña aínda mimbres suficientes para empezar un camiño diferente ó que despois se deu. Eu recordo, con 18 anos patearme moitas aldeas do rural ourensán e en calquera aldea podías facer unha reunión con cen persoas porque aínda había xente no rural na altura do ano 77 e 78.

Iso xa non existe e eu estou convencido que se dende aquela Galicia houbera estado gobernada dende un proxecto político autocentrado no país, que creera nas súas potencialidades e que estivera preocupado en estruturar e cohesionar o país, hoxe Galicia sería outra cousa.

Posiblemente tamén con moitísimos problemas pero sí que sería un país con expectativa de futuro e non un país abocado a suicidarse todos os días. E o que habería sido, o que eu houbera querido que fora é un país normal, que aproveita os seus recursos, que se é capaz de xenerar electricidade, sácalle rentabilidade, que se ten un sector primario forte o potencia, para poder vender os seus produtos ó resto do mundo.

6. ¿Cree que a situación que propiciou que fose alcalde repetiríase a día de hoxe?

Entre 1987 e 1989 houbo tres alcaldes e o Partido Popular non era capaz de ordenar aquelo. En 1989 houbo un movemento veciñal que logo fíxose moi famoso, dimitiron os concelleiros do PP e houbo unha nova elección de alcalde na que eu saín elixido por unanimidade, cos votos de todos os concelleiros, incluídos os do PP.

Foi algo insólito e irrepetible porque vendo o que pasa a día de hoxe, sería totalmente imposible. En vez de perseguir aos que eran incapaces de xestionar o concello perseguiríase aos veciños que protestaban polo funcionamento caciquil do seu concello. Eu dende logo non vexo este deterioro democrático como motivo de alegría.

7. ¿cal foi a clave da transformación de allariz?

Déronse varias circunstancias. A Primeira, que había un equipo de goberno que tiña unha idea clara, un proxecto do que quería para Allariz, o segundo, que contamos cun equipo técnico moi cualificado para materializar dende o punto de vista técnico e administrativo ese proxecto. E o terceiro que fumos acompañados por un inmenso apoio popular.

8. ¿Pero hai algún elemento principal?

Quen vaia a Allariz non atopará ningunha obra de relumbrón. Non hai nada que poda parecer marabilloso. O marabilloso e o conxunto, o proxecto en xeral, eu creo que ese foi o gran éxito de Allariz.

A obra máis grande non está feita nin con cemento nin con ladrillos, foi cambiar a mentalidade colectiva, de pasar do derrotismo e chorimiqueo a una posición de orgullo e a determinación de que todo o que tíñamos que facer dependía de nós.

9. Cando deixou a política o seu foi un cambio radical.

Sempre pensei de que construír país é necesario, que se pode construír dende a política dende a administración pero tamén dende outros ámbitos. Cando deixei a política activa pensei que había que cambiar rotundamente.Deixei a vida pública, a praza que tiña no Sergas. Non é o mesmo emprender un novo camiño desde cero aos 25 anos que ós 50.

Pero pensei que había que facelo e non me arrepinto. Volqueime nun proxecto gastronómico de recuperación do formato das antigas tendas do rural. Os nosos restaurantes imitan ese modelo tradicional. E como derivación, alguns dos produtos que vendemos na nosa carta os vendemos tamén no servizo de tenda. E o noso produto estrela é o xamón de boi, un produto de alta calidade que pretende facerse un sitio no mercado.

10. ¿Algún descubrimento nesta nova etapa?

Que hai moitas empresas que traballan en silencio, descoñecidas, facendo unha labor extraordinaria, abnegada. Intentamos aproveitar sinerxias con elas e para mín é moi gratificante porque me demostra o que eu pensaba nos setenta, que temos un país con recursos e potencialidade para ser o mellor do mundo.

Te puede interesar