LA REVISTA

Ave, Coen

ave_result
photo_camera George Clooney en: ¡Ave, César!

Cada vez teño máis a impresión de que os Irmáns Coen son desa caste de artistas diante dos que non hai termo medio. Ou admiración incondicional ou distanciamento, cando non desprezo.

Cada vez teño máis a impresión de que os Irmáns Coen son desa caste de artistas diante dos que non hai termo medio. Ou admiración incondicional (anticípome a dicir que é o meu caso) ou distanciamento, cando non desprezo. Iso diante dos autores dunha obra tan mestra, de novo, para mín, aínda que neste caso sospeito que acompañado por moreas de espectadores, como é Fargo, non deixa de me desconcertar. Digo isto porque o comentario moi positivo que fixen en “facebook” da última peli dos irmáns provocou reaccións surtidas, a favor e en contra.

A miña, desde logo, sumamente favorable para que consiguen en Ave, César misturar toda unha chea de emocións e modalidades fílmicas (“peplum”, sereas ao Esther Williams, vaqueiros, mariñeiros, tipo Un domingo en Nova York, e melodrama), todo misturado coa historia dun “fixer” (arranxaproblemas), moi bo Josh Brolin, en Hollywood, no que semella unha metapelícula, homenaxe declarada ao cinema, esa diversión única, quen de provocar en Cabrera Infante o dilema aquel, que titula un dos seus libros, entre cine ou sardiña, que remataba sempre coa opción cinematográfica en canto da gastrónomica. Mais os Coen, nesta película, engaden o adobío da caza de bruxas e o medre imposible do comunismo nos EE. UU. De maneira que a base argumental deste filme ten que ver co protagonista dun “peplum”, George Clooney, sobranceira a súa vis cómica, secuestrado por un grupo de comunistas que queren diñeiro para ese futuro que soamente eles albiscan. Por suposto que Ave, César ten cousas de Golfus de Roma e –ainda- de A vida de Brian, mais –sobre todo- está chea dun espírito transgresor e delirante que, se cadra, fai máis potente o exemplo de metacinema que esta película vén sendo.

Scarlett Johansonn está moi ben, nese rol de sexi patética, a lembranza a Norma Jeane, obvia, e Frances Mc Dormand, a poll embarazada de Fargo, bota máis leña nun lume que abrasa toda a pantalla, Ou iso vin eu, seguro de que espectadores con moito siso non pensan o mesmo. Mais outros, si. Eu ouso recomendar esta película, aínda sabendo que a miña aposta pode ser controvertida. O que ten opinar con paixón. Cousa inevitable cando falamos de algo que nos mantén vivos, domingo após domingo. Por iso.

Te puede interesar